AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ

AgustinFernandezPaz-DistritoXermar-2013-04Onte pola tarde, xunto con Xosé Cobas, Ánxeles e Irene Penas, achegueime a Vigo. Iamos alá a despedir a unha persoa admirada e querida, Agustín Fernández Paz. Moita xente, chegada de todos os lugares de Galicia para dicirlle ata sempre ao amigo, mestre de mestres, docente sempre comprometido cunha profesión que amaba, escritor admirado que soubo recoller nos seus libros os soños dun país de soños, defensor e militante da lingua.

O acto de despedida, transido de emoción e conducido por Manuel Bragado, contou coas voces de Leidicia Costas; Xavier Senín; Paco Martín; Xosé Lastra do colectivo Avantar do que Agustín foi membro fundador; Fina Casalderrey e Xabier Docambo. A música, interpretando con voz e zanfoña a Negra sombra, púxoa Luis Caruncho.

Na viaxe e durante o acto, lembrei algúns momentos especiais vividos con Agustín. Non nos viamos moito. Non eramos amigos no sentido estrito do que entendemos por amizade, pero había entre os dous un respecto e un cariño fondos, manifestados de maneira expresa en máis dunha ocasión. Penso que el sempre creu en min máis do que cría e creo eu mesmo. Quizais por iso, alá polo ano 2006, recomendou o meu nome a unha editorial catalá que pretendía publicar autores galegos en galego. Tendo como padriño a Agustín, a relación callou, pero o libro que lle propuxen á editorial non gustou moito, e hoxe forma parte dos inéditos que un garda nalgún arquivo perdido dun disco ou dun vello ordenador. Agustín podería dicir comigo o mesmo que lle dixo Vicente Risco a Xosé Fernández Ferreiro, cando, aínda novo, pediu a mediación do mestre diante de Celso Emilio Ferreiro, para publicar un libro de versos na colección Benito Soto, daquela, Risco sentenciou: por falta de unto que non se perda o caldo. O resultado para Pepe e para min, foi o mesmo, o caldo perdeuse, pero non por falta de unto.

Cando coordinei o club de lectores en galego da biblioteca Miguel González Garcés, limos o libro de Agustín Non hai noite tan longa. Se podía, eu convidaba a que autoras e autores compartisen o debate sempre intelixente e curioso coas persoas do club. Agustín, xa enfermo, non puido vir, pero quería estar connosco, e propuxo participar por skype. Aquela foi a tarde de inauguración desa ferramenta de comunicación na biblioteca. Compartimos unha hora longa, momento emocionante que lembrarían estes días as lectoras, sobre todo as lectoras, e os tres lectores que formaban o club. Gustara moito ese texto, unha novela emocionante e intensa, que narra o retorno do protagonista á súa vila, logo da morte da nai.

Na primavera de 2014 eu trallaba na redacción do libro O soño galego de Julio Cortázar, editado por Linteo. Daquela, por Malores Villanueva, souben que na nova novela de Agustín A viaxe de Gagarin, había unha mención expresa ao autor de Rayuela. Tratábase do texto do capítulo 7 da novela, o que fala da boca: …Y si nos mordemos el dolor es dulce, y si nos ahogamos en un breve terrible absorber simultáneo del aliento, esa instantánea muerte es bella. Y hay una sola saliva y un solo sabor a fruta madura, y yo te siento temblar contra mí como una luna en el agua. Merquei a novela, lina e escribinlle. El respondeu axiña. Este é o texto daquel correo que me enviou:

Querido Chisco:
Por suposto que contesto ao que me pides. E paréceme fenómeno que amplíes o libro sobre Cortázar, dá gusto. Fágoo aquí, directamente na pantalla, porque non importa a redacción, só contarcho.
Como a todos os da miña xeración, Cortázar foi unha descuberta das que te deixan anonadado. Non me resulta doado lembrar a orde en que me fun atopando cos libros del. Foi unha descuberta na que, como ben sabes, metiamos no mesmo saco aos latinoamericanos, aínda que fosen tan distintos. Sei que, antes de marchar para Barcelona, no outono do 69, xa lera o Rayuela, que mo prestara Aurorita Nieto, unha mestra de Vilalba. E lera algunhas seleccións de contos del (El perseguidor y otros relatos, La isla a mediodía y otros relatos…). Despois, xa en Barcelona, foi o ir descubríndoo a medida que se publicaban os libros, desde as Historias de Cronopios ata as novelas, pasando polas coleccións de relatos. E despois foi un deses autores que, en canto saía un libro novo, xa o mercaba decontado. Conservo algunhas edicións curiosas, como unha que fixera Alberto Cousté (un exiliado arxentino que era amigo de Miro) cando estaba no Círculo de Lectores, publicando todos os contos que había ata daquela, mais ordenados dun xeito diferente. Fascinábanme, sobre todo, os seus contos, máis que as novelas, aínda que El libro de Manuel me gustara moito, malia o que diga a crítica.
E si, coma doutros escritores, hai cousas de Cortázar presentes no que escribo. Nesta novela hai unha cita explícita de Rayuela, e nalgunha outra tamén, mais tería que repasalas.
O que máis me fascina, aínda agora, son os seus contos. Non todos. Mais hai unha ducia, por dicir un número, que son inesgotables, un non cansa de lelos.
Se desexas algunha concreción, avisa.
Apertas!
Agustín

Agustín está nese soño galego de Cortázar, nas páxinas 262 e 263. Quixo a fortuna que, un ano despois, coincidísemos na entrega dos premios da edición, el recollendo o premio ao mellor libro de ficción por A viaxe de Gagarin, eu o de mellor libro de non ficción por O soño galego de Julio Cortázar. A aquela noite pertence esta foto.

premios editores 2015©ml166.2

O título da novela Non hai noite tan longa, invoca unha cita de Shakespeare: Reunide todo o ánimo que poidades. Que non hai noite tan longa que non remate en día. Iso faremos Agustín, na ausencia de ti.

O retrato do principio pertence ao centro de documentación da AELG. A autoría é de Distrito Xermar (2013). A última é de Maribel Longueira.

2 reflexións sobre “AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ

  1. En un comunicado, el Gobierno gallego afirma que Fernandez Paz es “uno de los autores mas conocidos y valorados del ambito de la literatura infantil y juvenil en Galicia” y en el conjunto de Espana.

Os comentarios están pechados.