DESPUÉS DE LA OSCURIDAD. MARTA LÓPEZ LUACES

Coñecín a Marta López Luaces en Nova York, no mes de outubro de 2014. Nese ano os dous participabamos no Festival de Poesía das Américas. Ela dá clases de literatura española e latinoamericana en Montclair State University. Pero naceu na Coruña, cidade á que regresa de cando en vez e na que nos vimos o pasado día 13.

Cando nos coñecimos, agasalloume cunha novela: Los traductores del viento, da que xa deixei constancia aquí no seu momento:

MARTA LÓPEZ-LUACES: LOS TRADUCTORES DEL VIENTO

Agora recibín dela o seu último libro de poesía: Después de la oscuridad, publicado por Pre-Textos, Poesía, que presentou estes días por España adiante, e no que atopamos certos elementos comúns coa novela: o tempo mítico e do inicio do saber, a pescuda na evolución do ser humano, a inocencia, a morte e a esperanza.

Ordenado en cinco partes: Agua, Tierra, Fuego, Aire, Quark, o libro propón unha viaxe poética a través da historia da humanidade comprendida dende o mito, a filosofía, a poesía, a ciencia, ata esa parte final, Quark, nun mundo dominado polo usurpador dos soños que non dorme.

Y así era al principio:
El imperio del Sur reinaba sobre nuestras cabezas
Y éramos gigantes jugando con los dioses

Con eses versos inicia Marta o libro, nun tempo de titáns no que había visións, había soños, había formas, había sustancia, había materia, había elementos del poema como racimos de esplendor.

Tempo de Pitágoras, de Tales de Mileto, de Heráclito, da biblioteca de Alexandría, cando  sobre as nosas cabezas chovían estrelas e a primavera era dádiva do verde e da palabra.

Hai versos, expresións que se repiten como salmodias, velaí ese: El imperio del Sur reinaba sobre nuestras cabezas, que nos remite a unha idade de prata, aínda que sabemos que o usurpador dos soños sempre está ao axexo. Salientar o importante papel que xogan no libro os espazos en branco, os silencios, nun longo poema en cinco partes de linguaxe limpa, suxestiva, que fai levitar os versos, que se manteñen no aire como a memoria do que somos, que enfían na súa rítmica sucesión, ritmo e harmonía vinculados ás emocións que en nós produce o texto que avanza na procura dun sol que brillou e que acaso aínda brilla, malia os tempos.

LUZ E ESCURIDADENo libro hai espazo para o tempo bíblico, para os días do renacemento, para Copérnico, Galileo, Kepler, Newton, Diderot e, en todas as idades polas que transcorre a viaxe, atopamos fame, sede, dor, tamén desexo, e a sombra axexante do usurpador. Na primeiras catro partes o Imperio do Sur reinaba sobre as nosas cabezas. Así ata o final, ata ese Quark no que é o Imperio do Norte quen reina sobre nós. É este tempo final o da conquista dos límites, o tempo do terror representado nas figuras de Lorca-Nemirovsky-Tsvetaeva-Hernández-Celan e os ecos de Hipatia-Sócrates-Bruno-Sor Juana-Benjamin, pero tamén en Auschwitz, a Guerra Civil, o Pazo da Moeda, de Armenia, Bosnia ou Siria. É este un tempo no que xa non somos xigantes xogando cos deuses, malia intuír a partícula de Deus, no que vivimos o esgotamento, a cólera, o odio ao saber, a guerra como espectáculo. Pero seguimos a ser os grandes tecedores de soños, e temos a poesía, que sempre está connosco, e vemos voar os paxaros cara o eterno, e sempre, sempre, somos luz de esperanza.

El Imperio del Norte reina sobre nuestras cabezas
Y Greenwich es el nuevo tiempo.

 

¿los mismos elementos aquí en la tierra
como en el cielo?
en la soga abisal
                          dibujamos a Neptuno
arribamos a la Antártida
y se conquistó el último océano
Un objeto en la orilla del cosmos es la tierra
entre millones de estrellas muertas/una galaxia
en espiral
y la materia se hizo cuerpo

CASTELO DE SAN CARLOS (II)

Escríbeme o amigo Miro Villar para contarme, en relación co Museo do Castelo de San Carlos en Fisterra, que todo é peor do que eu dicía no artigo de onte. O Museo ou Centro de interpretación abre, pero sen Alexandre Nerium. O Castelo abriu as portas estes últimos veráns polo compromiso persoal de Alexandre, empeñado, malia as precariedades  e incertezas, en amosar o centro a turistas curiosos e grupos organizados. Atesoura el na casa eses centos de poemas de poetas de todo o mundo, que invocan Fisterra e dos que botaba man de cando en vez, e cos que sorprendía aos visitantes, emocionados de escoitar, na súa boca, os versos dun poeta do seu país. Pero é que, ademais, tal e como quixen expresar onte, el forma parte do patrimonio do Castelo , el é, e así o entendemos moitos, a súa alma. Deixo aquí a información publicada pola edición local de La Voz de Galicia:

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/carballo/fisterra/2016/06/21/museo-da-pesca-abre-voluntario/0003_201606C21C10993.htm

CASTELO DE SAN CARLOS DE FISTERRA

Díxomo a semana pasada Alexandre Nerium. Este ano non abrirá o Museo do Castelo de San Carlos de Fisterra. Museo ou centro de interpretación da pesca que, con tanto amor, Alexandre amosou durante anos.

maribel longueira

O Castelo, construído durante o reinado de Carlos III e situado sobre a praia da Ribeira, é un dos que mellor se conservan, de entre todos aqueles pensados para defender as vilas do litoral e hoxe case desaparecidos. Foi doado á vila por Plácido Castro del Río, fillo de Plácido Castro, quen llo mercara ao estado. A doazón expresaba o desexo do propietario de facer nel un museo. Ese destino chegoulle 58 anos despois da doazón, cando no ano 2006 abría as portas como Centro de Interpretación da Pesca, nunha vila de tanta tradición pesqueira como Fisterra. Ese momento coincidiu coa inauguración da lonxa nova, proxecto de Covadonga Carrasco e Juan Creus. A Confraría de Pescadores recibiu a encarga de xestionar os dous centros.

maribel longueira

Porén, coa chegada da crise, a Confraría non foi quen de manter a xestión do Castelo, cedéndolla a Asociación Neria. Hoxe, Neria está en bancarrota, circunstancia que castiga de maneira particular o Museo.

maribel longueira

Non son moitas as pezas que se expoñen no interior, pero son suficientes para que o visitante marche cunha idea do que é e foi a vida do mar. Alexandre Nerium ou Manolo de Fisterra, poeta e mariñeiro retirado, é quen de explicar con cariño os misterios das ondas, o valor das buguinas nos días de borraxeira, o funcionamento das nasas, a práctica do xeito. El fala das augas tintas, dos cetáceos, de naufraxios ou de versos, deses miles de versos, de poetas de todas as latitudes, que falan de Fisterra e que el se ocupou de recompilar. Nesta imaxe eu poso diante da caixa onde cada mes el expoñía un poema. Coincidiu na visita con Elena, que dentro estaba o meu Mar de Lira, no que son varios os poemas que falan do Cabo.

maribel longueira

Conta, tamén, como dende as rochas que serven de base á pequena fortaleza, os nenos facían a guerra ao mar.

maribel longueira

De visita ao Museo fun moitas veces, algunhas como guías a persoas ilustres, como cando levamos a Elena Poniatowska, ou ao escritor hindú Sudeep Sen, ou ao senegalés Abdoulaye Bilal Traoré. Tamén acompañamos a Yolanda Castaño, ao fotógrafo Francesc Torres, a artista norteamericana Terry Berkowitz. O resultado foi sempre o mesmo, unha revelación, a de escoitar a Alexandre contar con paixón o seu mundo, sen lle importar a lingua, porque el sabe que hai linguaxes que transcenden a fala, o corpo, e forman parte da emoción compartida.

Este verán os turistas italianos, franceses, alemás, ingleses, portugueses ou de calquera das comunidades do estado, ou de calquera provincia ou vila de Galicia, atoparán pechada a porta do Castelo. É mágoa, porque o Centro de Interpretación da Pesca e o seu guía, formaban parte, xa, do noso patrimonio, dese que amosamos con orgullo.

Eu confío en que o concello sexa quen de asumir e facer posible a apertura desta referencia principal da vila e da Costa da Morte.

(As fotografías, tomadas o día da visita de Elena Poniatowska e os seu fillo Felipe, son de Maribel Longueira. A ligazón que segue leva a un artigo anterior que lembra aquel día).

ELENA PONIATOWSKA

ITO FORMOSO E O MONTE LOURO

ITO MONTE LOURONo ano 2004 falecía o entón alcalde de Muros, Celestino Formoso Vidal, Ito, amigo entrañable a quen me unía unha fonda relación. Militaba no PSdG-PSOE e repetía como alcalde por segunda vez. As nosas diferenzas ideolóxicas non impedían a amizade. Falabamos e discutiamos moito. Na miña opinión Ito era alcalde próximo á xente, soñador de cousas infrecuentes, como rehabilitar todas as fontes e lavadoiros de Muros ou explicar a paisaxe dende os versos. No mes de decembro daquel ano 2004, rendémoslle homenaxe, cun acto de lembranza e coa colocación deste monolito no Monte Louro, un dos lugares máis amados por el. Soñaba Ito con deixarlle ás novas xeracións no mesmo estado no que el o recibiu e gozou dende neno.

O Monte Louro é un espazo propicio ao verso. Luis Rei escribiu:

Monte Louro pelado.
A lagoa dos patos
e a parella lanzando
unha botella ó mar.

Por Ito souben de Agustín González López, franciscano e poeta, que tamén escribiu sobre este territorio:

Penedos da beiramar!
E a Area Maior, no meido,
como un espello a brillar…

Del son os versos que poden ler, sobre unha rocha, os visitantes do petróglifo A laxe das Rodas: … Na alta Eiroa, na eira doutras eras,/ laxa solar, libro da lúa, aberto./ Calendario dos mundos, almanaque/ remoto do universo…

Versos de Celso Emilio Ferreiro, de quen tanto gustaba, están escritos no monolito. Son do poema Tempo de chorar, do libro Longa noite de pedra: … hei navegar periplos, descubertas/ por tempos que han de vir cheos de escumas,/ por onde o día nasce,/ alí onde xermola o mundo novo…

Non é por onde o día nasce, pero acaso si cara o mundo novo, Ito respira o mar que amaba, no que pescaba, o mar no que sempre procuraba acougo, ollando cara Corrubedo dende a Punta da Carreira, uns pasos por riba do faro.

ITO MAR

 

A FRASEOLOXÍA COMO EXPRESIÓN DE ESTILO

Habendo unha petición, e pedindo perdón pola lonxitude, deixo aquí a miña comunicación do sábado pasado, en Trasalba, sobre a fraseoloxía como expresión de estilo. Vai sen imaxes. A bibliografía aparecerá na publicación que recollerá todas as comunicacións.

A FRASEOLOXÍA COMO EXPRESIÓN DE ESTILO

Entón hai unha cultura galega?
………………………………………………………….
Disfrutou Galicia desde o amencer dos tempos
históricos dunha conciencia orixinal. Esa conciencia
pervive aínda hoxe. Ela inspirou os períodos vitais de Galicia

 

Ramón Otero Pedrayo
Ensaio Histórico sobre a Cultura Galega (1932)

 

Ola, bos días, quero agradecer a Asociación Galega de Saúde Mental a organización cada ano, e van XXI, destas xornadas de reflexión, tan necesarias, nun tempo no que todo acontece nos extremos da présa, do brillo e do ruído. Ese agradecemento quero singularizalo en Antón Casais, quen me convidou a participar na edición deste ano, unha noite de inverno e de mencías.

Galicia Style, velaí a proposta de debate deste ano. Na documentación que se nos achegou, manifestábase a intención de reflexionar sobre estilo e/ou identidade. Polo tanto, se cadra, cada un de nós teriamos que iniciar os minutos de exposición que nos corresponden, manifestando a nosa idea sobre cada un destes dous conceptos.

Na miña opinión, Identidade é un sentir común dun grupo de persoas que recoñecen e expresan a súa pertenza a unha comunidade. Trátase dun concepto de forte carga emocional, que constrúe o ser dun grupo fronte ós outros. Nese sentido poderíamos dicir, que resulta exclusivo, tanto na acepción de único como de que exclúe, xa que a identidade refórzase poñendo en evidencia as diferenzas. Isto levaríanos á idea de que necesariamente somos con e para os outros, xa que precisamos deles, tamén para nos definir e identificar e eles necesitan de nós. A identidade sería o eu interior, empregando unha expresión astrolóxica.

Teño para min que a identidade é concepto ideolóxico dende a orixe, que se transforma en político cando, recoñecidos os fundamentos e intereses comúns, se articula un discurso que tenta dotar á identidade dun contido co que confluír e participar no ámbito do debate público. A identidade podería ser sinónimo de nación, en particular do que se entende como nación cultural, aquela comunidade humana con nome propio, que habita un territorio común, que comparte mitos e memoria histórica, que pode ter lingua de seu, e na que se manifesta un sentido interno e solidario de pertenza. Sabemos, porén, que nin territorio, nin lingua, son elementos determinantes da identidade.

O estilo faría referencia ao xeito de vivir e aos trazos máis visibles de personalidade que definen a colectividade. O estilo sería o xeito de se relacionar coa vida e a morte, de interpretar o mundo e as cousas, unha idiosincrasia que se estende á maneira de traballar e gozar da festa, de expresar o loito, de vivir a sexualidade, de comer e de beber, de ser ou non ser hospitalarios. Falamos de estilos de vida, concepto relativamente moderno que nace na década dos trinta do século pasado, cando as sociedades, como consecuencia das migracións masivas, empenzan a perder identidade e homoxeneidade, volvéndose mestizas. O exemplo máis evidente é o do American way of life, ou xeito de vida dunha sociedade, a estadounidense, resultado de múltiples migracións. Unha das características do estilo é que non resulta exclusivo, nin excluínte, polo que persoas que conviven nunha colectividade con forte consciencia de identidade, poden non compartir este sentimento, pero si asumir o estilo de vida. O estilo, ademais, ten a particularidade de ser flexible e pode ser incorporado como propio por unha colectividade que o recolle doutra, velaí, no noso caso, o gusto polas parrilladas criollas. O estilo sería o eu exterior, a expresión da comunidade.

Eu decidín falar de fraseoloxía porque creo que se a lingua transmite información sobre o nós máis profundo, a fraseoloxía vén sendo a verbalización dos trazos de personalidade da colectividade expresados nesa lingua. Debo dicir, antes de continuar, que non son experto en fraseoloxía, se ben teño acudido a ela en múltiples ocasións, á hora de escribir, sobre todo narrativa, porque sinto que ela é o reflectir do nós. Entendo como fraseoloxía, o conxunto de refráns, dicires, locucións, frases feitas, adiviñas. que empregamos a cotío. Considérase que, en calquera lingua, o maior nivel de destreza está en relación co coñecemento e dominio da fraseoloxía, dos dobres sentidos, dos significados equívocos.

Un dos referentes da fraseoloxía galega é Xesús Ferro Ruibal, quen dende o Centro Ramón Piñeiro dirixe os Cadernos galegos de fraseoloxía, que van polo número 16. No ano 1995, Ferro Ruibal entraba na Real Academia Galega cun discurso titulado: Cadaquén fala como quen é. Reflexións verbo da fraseoloxía enxebre. Nel, entre outras moitas, expón unha idea ben interesante. Di que convén matizar a percepción que temos dos séculos escuros como tempo de silencio literario e documental. Para el esta é unha realidade parcial, xa que malia as dificultades e aínda que iletrada, a poboación de Galicia non deixou de ser creadora, e creación súa é a rica tradición de mitos, ritos, contos, parodias, adiviñas, cantigas, refráns, ditos, todo o conxunto de creacións artísticas que corren de boca en boca, que resultan incontrolados para o poder e que, aínda sendo humildes, non deixan de ter a condición de creación artística complexa e libre. Así, ata a Ilustración e o Rexurdimento, non fomos quen de poñer os alicerces do que hoxe coñecemos con literatura nacional, pero si soubemos explicarnos e explicármonos. Para Ferro Ruibal, durante ese tempo escuro, os galegos crearon, gozaron e transmitiron esa cultura oral que nos compensa da inactividade da literatura de autor. Unha cultura oral que nos espella.

Carme López Taboada e María Rosario Soto Arias, no seu traballo Sete catas na orixe da fraseoloxía, afirman que esta, especialmente se se enfocan aquelas expresións portadoras de valor léxico, reflicten a cosmovisión do pobo que a xerou.

Pero sendo certo o que di Ferro Ruibal, non o é menos que existen ditos anteriores á construción da cultura popular da que el fala; anteriores aos séculos escuros, e que poden axudar a entender unha parte do que foi a nosa historia a partir do século XV. Hai anos, escribín unha novela xuvenil do meu detective privado Suso Espada, e decidín situala en Istambul. Alí, Suso coñece a unha rapaza sefardita, que axuda na tenda de seu pai, vendendo panos de seda. A mociña é real, eu coñecina e mantiven con ela unha fermosa conversa, da que lembro unha pregunta que me fixo: ¿Cúal es la diferencia entre rojo y encarnado? Pois ben, decidín introducila na historia como personaxe, tradutora e interprete con Suso na cidade do Bósforo. Coma sempre, acudín á fraseoloxía para darlle forza e verdade ás súas expresións. Cara oriente, levado na memoria cando a expulsión e conservado como patrimonio oral, a comunidade sefardita conservou un refrán xudeu que me sorprendeu cando o descubrín, pero que comprendín axiña, lembrando que nos séculos XIV e XV en Galicia había un enfrontamento de todos contra todos: igrexa contra nobres, nobres contra monarquía castelá, nobres entre si, irmandiños contra nobres, igrexa contra irmandiños… O refrán di: Todos gallegos y no nos entendemos. Intúo que aínda hoxe hai algo de verdade nese dito.

O ano pasado convidáronme a dar o pregón das festas de Ourense. Nel, contra o final, proclamei que hai un xeito particular de ser, que é ser de Ourense. Falaba de estilo, claro. Lembrei entón un chiste de Forges, publicado nos anos setenta ou principios dos oitenta, no que se ve a dous homes arrastrándose polo deserto, barbados e case sen roupa, e o que vai detrás, exclama: Meu Ourense! Maneira ben particular, breve e plena, de expresar a saudade, ese sentimento que tentaron definir Ramón Piñeiro, no seu traballo Para unha filosofía da saudade, e Torres Queiruga, no discurso de entrada na Real Academia Galega, titulado: Nova aproximación a unha filosofía da saudade. Para este último, a saudade é unha singularidade luso-galaica, referida a sentimentos anímicos e espirituais. Piñeiro consideraba a saudade como un sentimento de soidade carente de significación patolóxica, non como a morriña, que na súa opinión ten algo de tristura depresiva. É moita a literatura oral e de autor que temos sobre a saudade. Pensando en Antón deixo aquí esta referencia local, frase da parroquia de Lira, en Carnota, onde din: Dende aquela ten saudades de Lira.

Pero se falamos de viñetas, de tentar explicar como as frases de uso común se refiren a nós, como expresan, por exemplo, a relatividade coa que enfrontamos a vida e a morte, como non lembrar aquela de Xaquín Marín que Eva Veiga lembrou para min, na que se ve a dous homes sentados nun banco diante da Torre de Hércules?. Supoño que isto haberá que imaxinalo cos necesarios silencios. Di un: Sabes o que che digo? (silencio que non está no debuxo pero compre expresar) Que todo che vén sendo relativo. Ao que o outro, logo doutro silencio que tamén supoño, responde: Iso depende.

Si, a fraseoloxía fala ben de como somos. Con tendencia á saudade, á prudencia, discretos e retranqueiros, quizais algo tristeiros e desconfiados, eses serían algúns dos nosos trazos de carácter, relatados de maneira transversal pola fraseoloxía, porque case todos os nosos dicires expresan algo diso na súa esencia, sexa cal sexa o significado.

Repasando, brevemente, algúns dicires que falan de nós e do xeito que temos de enfrontar as cousas, podemos lembrar:

Polo si ou polo non, referido á prudencia.
Se chove que chova, o clima e unha certa enteireza, que non resignación.
Manda chover na Habana!, cousa extraordinaria e eco da emigración.
Unha voda sen caldo, memoria da fame.
Vai chorar a Cangas, incorporación dun feito histórico ao ser colectivo.
Ir na misa co recado, referencia aos preguiceiros, lacaceiros ou nugallaos.
Estaba de ser, un xeito de aceptar a fatalidade.
Éche pan emprestado, unha maneira de entender a vida.
Imos indo ou O caso é ir indo, que expresaría, este si, certa resignación.
Non todo é terra chan, dicir, sen dicir, que temos dificultades.
Á mantenta, facer algo con verdadeira intención.
Un díxome díxome, xeito de definir a murmuración.

Con respecto á discreción, non hai moito un veciño meu de Lira sorprendeume cunha expresión concisa e plena. Desaparecera unha muller, que veciños e garda civil buscaron durante semanas polos montes e polo litoral. Atopouna un mergullador, entre unhas penedas das illas Lobeiras, prendida a un aparello de pesca atrapado entre as rochas. Pregunteille ao meu veciño que lle acontecera para saír do seu cuarto e, presuntamente, deixarse levar polo mar, e el respondeume: Padecía. Pregunteille eu: De que? E el dixo moi serio: Do seu.

Acaso na memoria de moitos de nós permanece aquel Aquí pasou o que pasou, de Iglesias Corral, para dar conta, ou para non dala, dun feito histórico transcendente, como foi a moción de censura contra o goberno de Fernández Albor en 1986, frase pronunciada diante dos xornalistas ao final do Consello da Xunta onde aconteceu todo.

Empregamos comodíns, expresións polivalentes e polisémicas, que substitúen verbos e substantivos, como o “aquel”: Aquilo aqueloume. “Meu pai está moi aquelado porque lle deu un aquel”, díxome un día un mariñeiro de Muros. Tardei en saber que seu pai sufrira un infarto e que ingresado no hospital en Compostela, o médico informara de que o seu estado era grave.

Somos quen, ademais, de facer préstamos a outras linguas, velaí o Habelas hainas, ou Tarde piache, que aparece en moitos textos como expresión italiana, sendo, como é tan de nós.

A fraseoloxía, hoxe, é moi empregada na publicidade. Este é un fenómeno que se dá en todas as linguas, sendo a nosa principal referencia as campañas realizadas dende o ano 2007, pola cadea de alimentación Gadis: Vivamos como galegos, Sintamos como galegos, Presumamos como galegos, Sairemos como galegos, con aquelas dúas incidencias fraseolóxicas: Malo será e Se chove que chova.

A fraseoloxía, polo seu valor referencial, descontextualizada e ofrecida a través dun medio non habitual como é a televisión, liberada do efecto automático que opera sobre nós cando a empregamos, produce varios efectos: por unha banda aumenta a atención, de maneira que o dito non pasa desapercibido; alumea e resalta a semántica que a frase encerra; fíxase na memoria e actúa de maneira emocional sobre cada un dos membros da colectividade e, tamén, sobre esta no seu conxunto.

As campañas de Gadis pretendían vender, provocando un sentimento de pertenza, de comuñón, de solidariedade. Aínda hoxe é posible seguir na rede o impacto que tiveron os anuncios, proxectados no cine e na televisión. A campaña fai referencia ao estilo, á expresión da personalidade, non tanto á identidade. Vivamos como galegos significa: comer ben, gozar das mellores praias e paisaxes, participar da festa, acudir os domingos á casa da nai e á aldea, vivir instalados na eterna dúbida entre subir ou baixar a escaleira, responder cunha pregunta.

Galicia terra coma un xardín, sempre verde; Fin da terra e centro do universo; os galegos inventores do futbolín; o lugar onde o xantar é unha relixión; xente riquiña, cun neoloxismo, riquiñez; habitantes dunha terra pura, máxica e sen igual; onde están as mellores nais e os mellores pais; a colectividade que máis nomes ten para a choiva, pero sabedora de que, empregue o que empregue, sempre escampa; onde as cousas boas son da casa… Con ameixas de Carril, pan de Carral, Lacón con grelos, Rapas das Bestas, Pementos de Padrón, Illas Cíes, o mellor fútbol, as mellores festas, -ata 17.340, di o anuncio de Vivamos como galegos-, elementos todos que remiten ao xantar e á festa como referencias de participación e expresión colectiva.

Como vemos, todos eles invocan lugares comúns e tópicos, que non afondan tanto no ser da comunidade, na identidade que o anuncio ignora, como nas súas manifestacións, e ese é o aspecto que me gustaría salientar aquí.

Nos anuncios, a fraseoloxía xoga un papel fundamental para definir o estilo:

  • A utilización de Bueno (así, castelanizado o din no anuncio) Vai calor?Bueno/ Vai frío?… Bueno/ E a familia?… Bueno.
  • A pregunta total: Fran, que?
  • Con maneiras indirectas de nos achegar: E logo, ti de quen ves sendo?
  • Con máximas que relativizan: Igual que che digo unha cousa, dígoche outra
  • Cunha maneira positiva de expresar a resignación: non me queixo

Hai varios traballos críticos sobre estes anuncios publicitarios. Francesco Screti refírese á banalización dos elementos que identifican a nación. Na súa opinión, o emisor, a través da descrición, narración e representación dos estereotipos máis pintorescos e folclóricos dos galegos, constrúe un discurso compartido polo grupo, xoga cos conceptos dentro/fóra, e banaliza os elementos políticos e ideolóxicos do nacionalismo, que emprega para obter obxectivos e beneficios comerciais.

Helena González, fai fincapé no feito de que a marca utiliza as emocións para potenciar o consumo; vulgariza e ridiculiza o papel da muller; remodela e aprópiase dos elementos de cohesión dándolle un tratamento superficial e manipula de maneira intencionada, un feito complexo e traumático como foi a emigración.

Mª Ángeles Rodríguez Fontela, nun traballo comparativo dos anuncios de Gadis e Campofrío (analizando os spots dirixidos por Álex de la Iglesia e Icíar Bollaín), considera que para conseguir os seus obxectivos, o publicista serve ao imperativo da aparencia, do que se manifesta no máis superficial, e anula no receptor o impulso interpretativo crítico, asegurando que a publicidade convida á rendición, non á reflexión.

Porén, seguindo como vos dicía a resposta da xente nas redes sociais, podemos apreciar que:

  • Unha gran parte das opinións, expresadas por galegos, manifestan sentir orgullo e identifícanse coas imaxes que ven e co discurso que escoitan.
  • A publicidade de Gadis provoca fóra reaccións excesivas. Unhas descualifican pola mensaxe dos anuncios a toda a colectividade; comentarios que nos definen como chovinistas e aínda, nalgún caso, son interpretados como un primeiro paso cara un proceso semellante ao que coñecemos como o dereito a decidir da sociedade catalá. Algúns falan, aínda, de camiño cara a independencia.
  • Atopei a opinión dunha muller que afirma que xa se sabe que Gadis é galega e que os seus donos nunca se manifestaron contra o nacionalismo.
  • En calquera caso, a min chamoume a atención, logo de ler dúcias de entradas nos blogs e chats, que moita da xente de fóra da comunidade, residente ou non aquí, manifestan a súa opinión de que, sexamos conscientes ou non, somos tal e como o anuncio nos retrata, pero esta sensación non vén propiciada pola imaxes, senón por esas dúas frases que son agora de uso común, emblemático e retranqueiro: Se chove que chova e Malo será. E lembro, entón, aquela reflexión de Sartre, quen afirmaba que unha parte do noso ser, vén condicionado por como nos ven os outros.

Dito o anterior, concluiría esta comunicación dicindo que a fraseoloxía manifesta unha maneira de ser e de nos comportar, de enfrontar as circunstancias da vida. A fraseoloxía fai referencia ao estilo, en tanto que reflicte actitudes, costumes, comportamentos e xeitos de vivir, pero afírmase en valores profundos., de maneira que formaría parte da identidade. Pero non é sinónimo dela. A fraseoloxía, como expresión do estilo, é quen, por si mesma, de verbalizar como nos vemos, incluso como somos, pero na miña opinión, soa, en ausencia doutros factores, non abonda para construír unha identidade, o que tamén lle sucede ao estilo.