MURALLAS NO PINDO

Onte volvín ao Monte Pindo con Fernando Alonso Romero. Cantas veces teremos subido xuntos, unhas veces por camiños, outras agatuñando polas penedas ou seguindo os cursos da auga? Máis de trinta anos compartindo esta paixón. Eu recoñezo a débeda que teño con el, porque de Fernando aprendín case todo o que sei do Monte.

Fernando

Nesta ocasión o obxectivo era ver os muros que observaramos dende un outeiro, cando en febreiro subimos a ver a inscrición da Moa.

http://fernandeznaval.blogaliza.org/wp-admin/post.php?post=2829&action=edit

Tomamos o camiño de Fieiro, en día de sol, limpo e luminoso, aínda que con algo de nordés. Preto xa da Moa, deixamos o carreiro e dende o outeiro descendemos cara as murallas que, noutro tempo, pecharon os accesos ao cumio do monte.

Muralla 3

Son varios os treitos que se conservan, non todos en bo estado, pero hai un que dá a dimensión exacta do valor que tiveron. Dobre fileira de grandes pedras, cada unha de varios centos de quilos, reenchida no centro con pedra miúda. Todos estes panos de muro pechan o monte pola cara leste-sur, polo que concluímos que a orografía e os castelos de Carnota, San Xurxo e Penafiel serían elementos defensivos suficientes para defender o acceso polo oeste e polo norte. Porque non podemos entender estas construcións se non é dende unha perspectiva de defender e facer inaccesible o corazón do Monte.

Muralla 2

Foi necesaria moita xente e sentir moito medo, para construír estes muros, dixo Fernando nun momento; comentario que me conmoveu e intrigou, disparando a imaxinación. Ao cabo, a falta de estudo dos valores patrimoniais do monte e a indiferenza que suscita en certos poderes públicos galegos, impiden que poidamos comprender cal foi o seu valor, cal a súa importancia nun momento histórico que tampouco podemos precisar. Dicir, se acaso, que este xeito de construír está documentado na Idade do Bronce, tanto en Galicia como nas Illas Británicas.

O val 2

Volveremos. Ollando dende os muros, cara o alto, pechado entre grandes outeiros de acceso difícil, está o val onde nace o Vadebois. Ese será o seguinte obxectivo.