FEMIA PARDA DE CUCO

É será cuco ou cuca? Foi o sábado pola tarde, entre sete e sete e media. Paseaba eu logo da chuvia pola tras duna de Carnota, por onde poñen os niños os pirlos, cando diante de min, e dende o chan, ergueu o voo un paxaro grande. Conseguín enfocalo cos prismáticos e seguilo no voo circular que deu ao meu arredor. Foi pousar douscentos metros cara o sur, aínda na tras duna. Quedara plácida a tarde, entre claros e nubes, cun ventiño do sudoeste. Achegueime a modo ao lugar onde a vira pousar, reptei ata me situar na parte superior dunha duna toda cuberta de vexetación e observeina. Ergueu de novo o voo e foise máis alá. Fun detrás e repetimos o xogo. Esta vez fuxiu e perdina entre a vexetación que limita a marisma.

Pensaba eu entón que seguía un ave rapaz descoñecida para min e repasaba nomes de paxaros nunca vistos pero dos que si lera ou escoitara dicir: tartaraña, gatafornela, esmerillón… Eu observara un pico escuro coa base amarela, de cor parda listada por arriba, co peito e o ventre esbrancuxados e tamén listados. Listadas tamén as ás, escurecendo cara os extremos ata o remate que semellaba en negro. Tamaño dunha rapaz pequena e voo rápido.

Na casa busquei nas guías e nada do que que vin cadraba exactamente co que observara, ata que dei coa pista de que en voo, algunhas rapaces, poden confundirse co cuco. Busquei “cuco” e alí estaba, femia parda, da que di Penas Patiño: As femias son semellantes ao macho, pero algo máis apardazadas, existe nestas unha forma parda en que a cor cincenta se ve substituída por outra parda arrubiada moi listada en cabeza, corpo e rabo: dáse na proporción 1/3 ou 1/5 no Norte (Noval, 1975). cucohembra

Custoume moito atopar unha imaxe desta variedade en internet. Esta foto é de Javier Vitores.

Agora hai menos cucos. Son moitos os lugares nos que xa non se escoita, entre elas Oira, que sempre o facía empoleirado na galla máis alta, do máis alto piñeiro, do monte do Castro. É unha das aves que está en retroceso entre nós. Quizais o cambio do clima. A min dáme certa mágoa e cando viaxo por lugares do interior, con bosques tépedos, saio das autoestradas e deteño o coche por ver se o escoito. Porque, malia a mala sona que ten, por aquilo de facer a posta en niño alleo, eu sempre sentín simpatía por el ou ela. Eran moitos os ditos que facían referencia ó cuco na casa e todos eran bos, velaí algúns:

Se o cuco non vén entre marzo e abril, ou morreu o cuco ou a fin do mundo vai vir. 

Cuco rei, cuco rei, cantos anos vivirei (e contabamos as cucadas)

Cuco rei, cuco rei, por onde amores terei

En Lira aprendín que o tempo do ourizo remata cando co cucar.

E logo, miña nai contaba unha historia na que alguén convidaba ó cuco a ir á sega. O cuco, logo de pensalo dicía: Se vai sol teño que poñerme á sombra, se está anubrado terei que cuquexar, pero se chove irei (a miña nai engadía sempre que con chuvia non se traballaba na sega).

6 reflexións sobre “FEMIA PARDA DE CUCO

  1. Pois coñecéndote… que emoción! Eu tamén lembro o canto do cuco, todos os anos nestas datas, sempre o escoitabamos en Cesuras, non había ano que faltara. Tamén en Cecebre cantaba, mais agora é ben raro… Alédome qeu o conseguiras, e en Lira 😉

    • Pero non a escoitei cantar. Só a vin. Agora hai que estar atentos por se a escoitamos, espero que non estivera só de paso, descansando de camiño cara outro territorio.

  2. Admirabél achega. Moita envexa de o imaxinar na tras duna como voste lle di, ao axexo da cuca.
    Agora, óuvese moito menos, polo que sexa.
    Ao ler o topónimo Oira, lembro un fermosísimo artigo de Risco, nun vello número de “Vida Gallega”, titulado “Por Oira baja un regato” (ou algo asi). Quero supor que seria o mesmo Oira.
    Moi fermosísimo post, admirado Xisco

    • Si, eu coñezo ese artigo recollido no Libro de las horas, co título: Por Oira baja un regueiro. Florentino Cuevillas, Otero Pedrayo e Vicente Risco paseaban con frecuencia ata Oira. Lémbraos miña nai, os tres vestidos de escuro e, ás veces, falando cos nenos que xogaban no campo, tamén con ela, claro. Un deles, un dos altos, di miña nai, polo que tería que ser ou Florentino ou Otero, nunha ocasión, falou con ela e chamoulle guapa, dirixíndose aos outros. Florentino tamén ten un artigo sobre Oira titulado Oira e que empeza así: “Como California, como el Klondike, Galicia fue un tiempo el país del oro…” que non é mal xeito de empezar. Un día destes procurarei publicalo.

  3. Seria unha excelente idea publicar ese artigo, do que eu xa non teño senón uhha moi vaga memória.
    Obrigado

Os comentarios están pechados.