MARÍA LUISA BOMBAL

Sempre tiven a sensación de que o boom da literatura hispanoamericana foi unha descuberta extraordinaria, unha revelación, pero, ao tempo, que nel había algo de inxusto. Faltaban os denominados escritores indixenistas, por exemplo José María Arguedas, o peruano a quen tanto admiro e, sobre todo, voces de muller. E mulleres haber, había. Estaban as irmás Ocampo, Silvina e Victoria; Alicia Jurado e Alejandra Pizarnik, por citar arxentinas. Pero tamén poderían formar parte do grupo a mexicana Elena Poniatowska, quen publica os primeiros libros nos anos 50; a venezolana Antonia Palacios; a boliviana María Virginia Estenssoro ou a uruguaia Cristina Pieri Rossi. E falo un pouco de memoria, pero poderíamos lembrar Brasil, fora do boom, e o tarde que nos chegou Clarice Lispector en comparación cos seus contemporáneos varóns.

Bombal con BrogesO anterior non quere dicir que cuestione a calidade de todo o que o boom nos achegou e que gozamos con paixón, ou as novelas de Jorge Amado. Estes días, a miña amiga Rosario, Chuqui para todos os que a queremos, achegoume a unha escritora chilena que eu non coñecía María Luisa Bombal (1910-1980), e agasalloume cun libro que reúne as súas dúas novelas breves: La última niebla/ La amortajada, así como outros cinco relatos.

A obra de María Luisa Bombal non é extensa, por aí lle irá a Juan Rulfo. Viviu un tempo en Bos Aires, onde chegou a formar parte do grupo Sur, xunto Silvina, Victoria, Bioy e Borges, claro, quen moito a loou. A recomendación de Chuqui veu porque, falando  o outro día dos puntos de vista narrativos, lembrou La amortajada, novela na que o punto de vista da narración parte da muller morta. O principio é fantástico: Y luego que hubo anochecido, se le entreabrieron los ojos. Oh, un poco, muy poco. Era como si quisiera mirar escondida detrás de sus largas pestañas. 

A sorpresa maior, para min, veu coa lectura, porque non só a narración toma ese punto de vista, a través da voz dun narrador en terceira persoa, senón que vai mesturando, con mestría e sen que nada falle, a primeira e a segunda persoa.

Todas as historias teñen como protagonistas mulleres dunha mesma familia. A literaturaBombal de María Luisa Bombal denuncia a situación de sometemento e violencia que vive a muller, tanto na cidade como nas facendas da Pampa. Diante dese mundo de homes a cabalo, cazadores con amantes e profundamente infelices, está o mundo das mulleres de María Luisa, tamén infelices, pero de apaixonada vida interior e todas rebeldes, cada unha ao seu xeito, algunha autodestruíndose. Hai un aspecto escuro, de violencia, de sadismo, xa dende a infancia: Te veo correr tras nuestras piernas desnudas para fustigarlas con tu látigo. Te juro que te odiábamos de corazón cuando soltabas nuestros pájaros o suspendías de los cabellos nuestras muñecas en las ramas altas del plátano. 

Chamoume tamén a novidade do seu discurso para o seu tempo, xa que case toda a obra será publicada entre os anos 30 e 40.

A edición que Chuqui me agasallou é de Seix Barral -Biblioteca Breve- do ano 1984. Atopouna nunha tenda virtual de libros de lance, pero por se alguén se quere achegar a esta que eu considero xoia bibliográfica, supoño que o libro estará nas bibliotecas.

(A imaxe con Borges tomeina de internet e pertence á Biblioteca Nacional de Chile)

2 reflexións sobre “MARÍA LUISA BOMBAL

  1. Extraordinario artigo. Obrigadísimo polo achegarnos à existencia de María Luisa Bombal. Concordo con o que di sobre as mulleres e o boom latinoamericano. Leitor de Poniatowska, e moi ocasional de Alejandra Pizarnik e Cristina Peri Rossi, opino que foron literalmente ignoradas, desde dentro e desde fora do boom, se se pode decir asi.
    Repito as grazas.

Os comentarios están pechados.