A VACA DE FISTERRA

Hai algúns anos, en Lira, un día de borraxeira mesta, decateime de que non se escoitaba o son característico que sempre percorría o mar, en situacións meteorolóxicas semellantes. Non soaba a vaca de Fisterra, a vaca ou as vacas, que eran dúas as instaladas en 1889. En principio pensei que se trataba dun fallo mecánico e que axiña o repararían. Logo, Alexandre Nerium, tras me explicar que os altofalantes eran de pel, contaríame que decidiran non restauralos. Agora, Xosé Iglesias dime que implantaron un sistema de control e aviso tecnoloxicamente avanzado, que cumpre a función que antes executaba o sinal sonoro.

Vacas-de-FisterraPero creo que a Vaca de Fisterra era algo máis ca un sinal marítimo para días de néboa e borraxeira. As xentes da contorna, vintecinco millas cara o norte e cara o sur, aprenderon a convivir con el e puxéronlle nome. Incorporouse á literatura e á tradición oral e pasou a formar parte do patrimonio inmaterial, o máis sensible dos patrimonios, o que está en situación de perigo maior de desaparición xa que, ao cabo, trátase dunha realidade invisible, non tanxible, neste mundo no que todo necesita o certificado de existencia modelo Santo Tomás. O meu poema Borraxeira, incluído en Mar de Lira, empeza así: Berro de alén mar/ así e o bruar da luz da fin da terra/ cando a constancia da brétema absorve o espertar do día… Pero hai textos de Marilar Aleixandre e de Miro Villar, que lembre agora.

Desaparece unha cántiga, un refrán, un topónimo e non nos preocupa, sen nos decatar de que iso que perdemos é o verdadeiro ADN dunha colectividade, xunto coa lingua, que tamén é patrimonio inmaterial.

Dende hai tempo veño alertando sobre a necesidade de reclamar que as Vacas braden de novo. Agora atopei en Xosé Iglesias, poeta e mariñeiro de todos os mares, un compañeiro que pensa coma min. El, ademais, xa elaborou material reivindicativo, neste vídeo poema que aquí deixo e que é ben fermoso.

Iremos dando novas das iniciativas que desenvolveremos neste novo movemento que ben podería ter por nome. QUE MEDRE O MAR E QUE BRADE A VACA.

6 reflexións sobre “A VACA DE FISTERRA

  1. Fermosísimo vídeo e poema de Xosé Iglesias, como as suas palabras do amigo Xisco, se me permite. Acredito en todo o que di.
    E qué cousa impresionante, e de outros tempos, e de outras voces, o sonido da Vaca de Fisterra, como un brado, que chama por todos nós.
    Ou que berra polos que se foron, “coitados, para nunca mais volver”.
    Noraboa moi sentida e emocionado

  2. Lembro que iba ca moza, xa van moitos anos. Cando chegamos non se vía nada. O acercarnos, topamos a estructura do faro. Do océano, nada. Pero as ganas de velo fin do mundo, levounos a camiñar onde se oían as ondas….. e de repente o que agora me entero que se chama son das vacas, o chouto que demos do susto que papamos o oír aquel son e que aínda que voltamos máis veces nunca máis oira.
    O ver o vídeo e oír ise son perdido fixo espertar o pasado.
    As imaxes do vídeo, maravillosas
    Grazas por facer que o pasado no se perda.
    Saúde

    • Grazas a vós por compartir a emoción e a memoria e por escribir o comentario aquí. Apertas

  3. Certamente, un artigo moi interesante. A importancia da “Vaca” de Fisterra para os habitantes do vello Promontorium Nerium é algo que está fóra de toda dúbida. Porén, coido que hai artigos e poemas de autores que se fixeron eco desta cuestión moito antes que os citados nesta entrada e que cumpriría mencionar. Sen ir máis lonxe, a primeira persoa que alertou publicamente sobre a desaparición da “Vaca de Fisterra” foi un servidor. Hai artigos no portal dixital “Finisterrae” e no xornal “Noroeste”, de febreiro de 1999. Para iso están as hemerotecas. http://www.finisterrae.org/nova.php?noticia=66&idioma=gl&sec=2

    • Querido Modesto, pídoche que non te anoxes e que perdoes a miña omisión, que seguramente afectará a alguén máis. O artigo foi escrito como o que é, un comentario nesta páxina persoal, ao fío dunha conversa con Xosé Iglesias. De ser outra cousa, un artigo en libro, revista ou papel, ese traballo de procura e de citar ben estaría feito. Non quero quitarlle ferro á túa demanda, pero si expresar que non había máis intención no artigo que chamar a atención sobre a perda dese patrimonio. Con todo, douche a razón. Unha aperta grande.

Os comentarios están pechados.