MIGUEL GONZÁLEZ GARCÉS

Miguel González Garcés naceu na Coruña o 12 de xaneiro de 1916, polo que dentro dun ano e un mes, celebraremos o seu centenario, e falecía un día coma hoxe, aos 73 anos, logo dunha vida dedicada aos seus e, tamén, aos libros e á literatura, de maneira especial, á poesía, el que era amante dos libros, da casa e dos seus moradores, do amigo culto, do sorriso.. Miguel sempre estivo vinculado a súa cidade e ao seu mar. “Toda Galicia é mar”, deixou escrito, el que consideraba que “vivir sen mar era vivir apenas”.

Garcés acto. til. boa

Luciano Rodríguez sitúa a Miguel na denominada xeración de 1936, xunto con Álvaro Cunqueiro, Aquilino Iglesias Alvariño, Celso Emilio Ferreiro, Xosé María Díaz Castro, Xosé María Álvarez Blázquez, Eduardo Moreiras e Pura Vázquez.

Para Luciano, a súa é unha poesía de léxico rico e suxestivo, cargada de plasticidade, dunha grande efectividade rítmica, dunha grande intensidade de vivencia e grande tensionalidade poemática.

Si, na obra de Garcés alenta a paixón pola palabra. Méndez Ferrín escribiu que a súa  poesía pretende producirse nunha dimensión de valor total; de expresión estética absoluta, cargada coa memoria cultural de todo o pasado literario europeo.

Xulio López Varcálcel definiuno como mineiro da luz contra as tebras, engadindo que toda a obra poética de Garcés se orienta á procura da beleza, ao logro desa unidade orixinal, soberana e eterna que nos sobrevivirá porque xa nos precedeu.

Xavier Seoane, no limiar de Un nome só na néboa, destacaba como un dos logros presentes nese libro e en toda a obra de Garcés, a alta capacidade de percepción e expresión poética do aspecto plástico-visual da obra, con brillantes calidades perceptivas no ámbito cromático, sinestésico e captativo de formas, perfís, perspectivas e iluminación dos seres e obxectos.

Traducido ao italiano, portugués, francés e inglés, Garcés foi distinguido con importantes premios como o de Cabaleiro das Palmas Académicas, que no ano 1967 lle outorgou o goberno francés. Foi, tamén, o cronista desta cidade e, polo tanto, a súa memoria.

Invocalo hoxe, nos días que vivimos, é unha iniciativa necesaria, transcendida dun valor especial, porque el representou e representa os valores extraviados: a honradez, a honestidade, a discreción, o amor aos seus e ao traballo ben feito, a vocación de dar o mellor de si á comunidade, no seu caso materializada no proxecto da biblioteca pública que leva o seu nome e que hoxe segue a ser referencia cultural na Coruña e en Galicia.

Congreso Poio 1981Eu coñecino naquel congreso de Poio de 1981, cando os escritores galegos acordamos fundar a Asociación de Escritores en Lingua Galega, e podo acreditar da atención que dispensaba aos escritores novos, atención e curiosidade que, axiña, se transformaba en cariño. Pero ademais, sempre están, sempre teremos os versos, en castelán primeiro, en galego despois, algúns dignos de seren gravados a ferro no corazón, como este que se le na composición fotográfica de Maribel Longueira situada máis arriba.

Serea LugrísAmigo de Urbano Lugrís, que ilustrou o libro Isla de dos, ao que pertence este debuxo de serea e home mariño, Garcés, no libro Un nome so na néboa, presentado o mesmo día da súa morte, interpreta poeticamente algunhas das obras máis sobranceiras da arte universal, entre elas o cadro Habitación del viejo marinero, pintado por Lugrís en 1946, ao que lle dedica estes versos:

Sobre o mastro, o anxo da calima.
O sinuoso perfil dos hipocampos.
A túa man, negadora da lúa,
broslaba o filamento sutil do vagalume.
O barco que navega de bolina.
Balea nas Sisargas.
A botella do náufrago.
O vento acouga en mans das fondas algas.
E as anduriñas cruzan abismos submariños.
Gris de brétema.
Azul.
Patinir.
Crebados sinos nas cidades irtas.
Sempre buscándote nas illas inventadas.
Pola area, deitado, un catalexo.
Tamén a volvoreta cravada con puñal quizais que voe.
Racha o azul o pailebote branco.
Esbara a estrela polo gume dun pecio.
Azul. 
Santa Trahamunda ven de Córdoba entre palmas
montada nun milagre.
Rosa dos ventos, medusas e cercellas.
O leme e o ronsel.
E a ala
Galopan as marés sen esporas nen bridas
por prados florecidos de actinias e madréporas.
Azul. 

LugrísHoxe, na biblioteca que leva seu nome, xuntámonos moitos para celebralo. MiguelGonzalezGarces_RecitalHomenaxe25Cabodano MiguelGonzalezGarces_RecitalHomenaxe25Cabodano