MARTA LÓPEZ-LUACES: LOS TRADUCTORES DEL VIENTO

Coñecemos a Marta López-Luaces na recente viaxe a Nova York. Coruñesa afincada alí dende hai anos, desenvolve unha importante actividade docente, cultural e literaria, traballo recoñecido coa distinción Speaker for the Humanities outorgada pola cidade de Nova York.

Escoitámoslle dicir os seus versos nos recitais que compartimos. Xa noutra entrada anterior falei da habilidade coa que integra nos seus poemas, escritos en español, palabras e expresións galegas e inglesas. Este do plurilingüismo é tema ben interesante. Os escritores non recorren a este xogo como expresión fachendosa do seu coñecemento. A utilización de varias linguas no discurso, procura a apertura ao outro, aos outros, referencia fundamental do que somos e, tamén, do libro que vou comentar a continuación.

Souben, ao regreso de Nova York, da concesión do Premio Internacional Latino Book Award for Best Fantasy Nobel 2014 á súa novela Los traductores del viento, publicada por Vaso Roto Ediciones.

Marta López Luaces 001

Marta conta nela a destrución da biblioteca da cidade de Henoc, o que supón o final da propia cidade. O nome Henoc lembra o fillo de Caín, primeiro descendente da estirpe maldicida, quen construíra unha cidade á que puxo seu nome. Na novela, a nova Henoc é fundada no ano 2114, como campo de refuxiados onde enviar emigrantes ilegais, excluídos e apátridas. Situada no deserto, está rodeada de murallas e o incremento constante da poboación levará o censo a varios millóns de habitantes. Nada hai máis alá de Henoc, só o deserto onde acoden algúns samuelitas a orar. No centro da cidade está a biblioteca, vixiada por Agustín, o protagonista da novela xunto con Mateo, un místico samuelita, que sae de cando en vez a meditar no deserto, onde descubre que el é a persoa elixida para atopar o novo tradutor do vento, aquel que debe procurar a palabra divina, escondida nalgún dos libros que se agochan nas cámaras secretas da biblioteca.

Os capítulos estrutúranse en tres seccións: La autobiografía de Agustín, La historia oficial de Henoc e La Historia sagrada de Henoc, que van debullando a historia dende tres puntos de vista ben diferentes, cobrando un valor relevante o da autobiografía de Agustín, se cadra porque é o punto de vista do ser humano, só e atrapado entre unha natureza hostil e o poder político e relixioso.

Ten a novela un ton mítico moi acaído. A min, en particular, lembroume algúns dos textos de Borges e algunha das súas paisaxes: La biblioteca de Babel, Los teólogos, El informe Brodie ese parágrafo final do relato impresionante de Borges: “manejan un lenguaje basado en conceptos genéricos, creen, como los hebreos y los griegos, en la raíz divina de la poesía y adivinan que el alma sobrevive a la muerte del cuerpo. Afirman la verdad de los castigos…” . A acción conta, dende a perspectiva de Agustín, o afán e os esforzos de Mateo por salvagardar o diálogo coa divindade ou coa percepción poética do mundo. Os libros teñen neste xogo un papel fundamental. Na novela aparecen referencias á poesía mística española, pero tamén a algunhas obras emblemáticas da cultura universal: O libro da claridade, un dos textos fundamentais da literatura cabalística, no que se di que O home crea cultura como Deus natureza; El Quijote; o poema épico Beowulf; Farenhait 451 de Ray Bradbury; A metamorfosis kafkiana; O home invisible de H.G. Wells ou As ondas de Virgina Woolf.

A novela pode ser lida como metáfora posible dun mundo por vir, un mundo sen libros, que se sitúa no difuso horizonte do século XXIII, de feito, a destrución da biblioteca ten lugar no 2225. Pero tamén como alegoría do pasado, en particular da tensión que ao longo da historia se produciu, e aínda se produce, entre Igrexa e Estado, representados na novela por Samuelitas e Goberno de Henoc, e que a min me fixo lembrar a historia de Prisciliano e o pacto entre a Igrexa Cristián e Imperio Romano de Occidente, que supuxo o acceso da igrexa ao poder económico e militar, tan en contradición co discurso do seu fundador, pero tamén, claro, a Hipatia en Alexandría.