SENEIVO PRIMERO

No último número da revista Galegos, o fotógrafo Xacobe Meléndrez e eu asinabamos un artigo sobre o despece do buque “Seneivo primeiro”. As fotos foron primeiro e arredor delas e da súa forza medrou o texto. A intención era ofrecer unha sorte de parábola ou metáfora sobre o estado e futuro da pesca no país. Hoxe, dous meses despois, vista a prohibición do xeito, non só nos ratificamos, senón que pensamos que a vontade política das tres administracións: Xunta. Estado e Unión Europea, é liquidar a pesca como actividade económica relevante, deixando, unicamente, a pesca industrial. Nós, con iso, non só perdemos postos de traballo e unha referencia económica fundalmental, senón tamén unha parte do que somos. Velaí o artigo e as fotos formidable, impresionantes, de Xacobe.

A nosa estirpe, vós, homes do mar que vindes
   co peso dos barxáns por capear ó lonxe,
                        fartos de atalingar mouréns, de achicar dores,
                                                                          de volver debagar canta avidez subsiste
                                                                            enriba dos cuarteis dos temporais inortes

Alexandre Nerium (Vogar de couse)

Na rúa Manuel Piñeiro Pose da Coruña, preto do porto, hai un bodegón con nome de mar, ao que cada serán acode un número amplo e variable de homes, de aspecto rexo e de carácter forte, que falan mentres beben, agardando a chegada de alguén a quen contar as historias contidas nas burbullas da memoria. Son mergulladores xubilados, parte do cadro de persoal das empresas galegas dedicadas ao despece de buques. Eles, que escrutaban o océano coma o mascato, saben que ao encher o mar, a auga corre a norte e que sobre os areais e coídos quedan sempre os restos dos naufraxios.

 Desguace del Seneivo Primero

O seu é un falar que atrapalla as palabras, un dicir con présa, quizais porque o seu foi oficio de silencio e agora precisan contar, mentres non se pare o reloxo, nin afoguen os recordos. Lembran as dificultades que enfrontaban para salvar a carga dos buques náufragos ou para retirar do fondo as pranchas dos pañois, as pezas da maquinaria, as hélices, as cadeas e as áncoras. Invocan os nomes dos compañeiros mortos, como Rondón, esmagado por un desprazamento da carga, cando o despece do Erkovich na praia de Bastiagueiro, aquel buque sudanés que foi a pique en 1970, logo de colidir co alemán Dormund, e que levaba nas adegas bidóns de dieldrina, un praguicida prohibido en todas as súas formulacións dende 1969. “Antes o traballo facíase sobre todo no mar, agora o choio está na terra”, apunta un mergullador, apurando un vaso.

 E leva razón. A política comunitaria de redución e renovación da frota pesqueira, afecta de maneira particular a Galicia, comunidade na que o mar e a pesca tiveron, dende sempre, un valor social e económico principal. Mil douscentos quilómetros é a medida do litoral galego, con sesenta e cinco portos pesqueiros.

Boa parte da nosa historia sucedeu por mar. Está probada a navegación entre Galicia, a costa occidental francesa, en particular a Bretaña, e as illas Británicas nun tempo anterior á memoria. Por mar partiu Ith e logo os fillos de Mil, atendendo á chamada de Irlanda, e versos de mar pronunciou Aimirgin, o bardo e druída, que acompañaba aos milèsians de Brigantia, antes de pisar a nova terra: Son a brisa do mar,[…] son unha onda que cobre, son o son do mar,[…] Mar de peixes,/ terra fértil,/ masa de peixes,/ peixes baixo as ondas,[…]

Cando Galicia afirma a súa presenza no mundo e na historia, cando se transforma en centro de peregrinación no que conflúen os camiños de Europa, o símbolo elixido polos camiñantes para identificar ese lugar, ese destino, é a cuncha da vieira, proba da chegada ao límite da terra, territorio do confín, horizonte no que o sol dá a volta cada día, en palabras de Homero. Herdeiros de Aimirgin, os trobadores galegos cantaron o mar de ondas que cercan, pero no que agroma o amor.

Nese mar extremo, fronteira entre a luz e as sombras, navegaron dende sempre os pescadores galegos, dándolle nome ás pedras afogadas, aos remuíños e escumas, aos carreiros do fondo, aos ventos e ás brisas. Chama a atención a diferenza de perspectivas e de criterio que determina a nosa posición no globo, dependendo de quen nos mire ou de quen nos pense. Para o escritor irlandés Seamus Heaney, premio Nobel de literatura e doutor honoris causa pola universidade da Coruña, Galicia nunca foi a última terra coñecida, senón a primeira terra que os irlandeses atopaban cando navegaban cara ao sur.

desguace Seneivo primero, desmontando o motor para a súa reutilizacón

Toda Galicia recende a mar, tamén o territorio interior máis estremeiro. Cando os galegos nos xuntamos, adoitamos cantar, se nos deixan, claro, que agora nin cantar é doado. Hai un cancioneiro de cada lugar pero, terra dentro ou na costa, na vila ou na cidade, hai dúas cantigas -quizais tres- que nunca faltan no repertorio: A Rianxeira e Catro vellos mariñeiros -a terceira podía ser O rodaballo-. Sexan dúas ou tres, son cancións de mar, referencias da pesca de baixura, esa actividade que construíu igrexas como a Colexiata coruñesa ou a Santa María de Pontevedra, que axudou a definir unha parte esencial do ser que nos define.

Si, ao longo dos séculos, a actividade pesqueira foi quen de artellar unha armazóncultural completa e complexa. Nesa particular e marabillosa construción das xentes do mar, atopamos un rico patrimonio, tanto material, como inmaterial ou espiritual. Este estaría constituído polas prácticas, representacións, expresións, coñecementos e técnicas que proporcionan á comunidade un sentimento de identidade e continuidade. Incluiría as formas de organización social e do traballo, costumes e saberes, nomenclatura, tasalonimia, tradición oral, música, bailes, ritos, festas, remedios, artes culinarias e todas as habilidades relacionadas cos aspectos materiais da cultura e a interpretación do medio natural. Abranguería, tamén, as creacións literarias e artísticas, anónimas ou de autor, que teñen como referencia o mundo do mar en xeral e da pesca en particular.

Pero o patrimonio inmaterial ten a característica de ser sensible, fráxil e vulnerable. Nos últimos anos, co proceso de transformación das sociedades pesqueiras, co cambio nos procesos extractivo e produtivo, coa perda da transmisión oral e a implantación doutros modelos de traballo e de relación laboral, este patrimonio sufriu dano e abandono. Hoxe a situación é de risco, proceso ao que non son alleas o resto das comunidades pesqueiras europeas.

Poucas mozas soñan xa con casar cun mariñeiro, malia vir lavado do mar, tal e como dicía a cantiga. O oficio de pescador, duro arriscado e mal pagado, carece de prestixio social e poucos son os rapaces que deciden incorporarse a el, non só pola escasa rendibilidade, senón tamén polas dificultades administrativas a superar, a inescrutable política pesqueira comunitaria, a contaminación das augas, a excesiva explotación dos recursos ou a competencia dos mercados exteriores e dos furtivos interiores. “Tristemente o destino da frota é o despece. Moitos barcos non poden facer fronte á situación, debido aos numerosos problemas polos que atravesan, especialmente a escaseza de cotas” afirmaba en 2013 Francisco Correa, presidente da asociación de armadores Arpesco.

Aínda acollendo e recibindo nunha aperta a chegada de traballadores procedentes doutros lugares, en particular de África e de América do Sul, si cómpre advertir que a súa incorporación ao sector pesqueiro supón unha quebra na transmisión de saberes e na permanencia do fío sutil compartido entre xeracións, que é o sostén da cultura espiritual. Este feito requiriría de políticas activas de integración e de diversidade, procurando manter o que neles é de seu e, ao tempo, procurando a súa incorporación á comunidade que os recibe, pero esas políticas, hoxe, non existen.

Pódese considerar o pasado como o ano dos despeces. As frotas galegas artesanal e de altura presentaron 125 solicitudes de baixa, fronte ás 76 do exercicio anterior. Tal e como indicaba o mergullador coruñés xubilado, o despece de todos os buques, grandes e pequenos, fíxose en terra. Paseando os portos e falando cos mariñeiros, percíbese o desánimo e advírtese o interiorizada que está a sensación, e tamén o sentimento, de que a pesca galega, tanto a de baixura como a de altura, vive o seu final.

Xa antes, no verán de 2006, advertindo a transcendencia do momento e coa idea de deixar constancia dun proceso que intuía histórico e que conviña documentar, o fotógrafo Xacobe Meléndrez Fassbender, asistiu ao despece do buque Seneivo Primero, no porto de Oza, na Coruña.

Construído en 1976, no estaleiro Balenciaga de Zumaia (Guipúscoa), o Seneivo Primero tiña 37 metros de eslora, 7 de manga e unha potencia de 662,3 kw. Dende a botadura, participara en variadas labores de pesca, primeiro como palangreiro e logo como parella de arrastre, procurando especies como a pescada e tamén demersais, como a solla e o linguado. Quince homes enrolaba cando andaba ao pincho, once cando traballou en parella, todos galegos. O Seneivo Primeiro sempre navegou polo oeste e o sur de Irlanda, na zona 21A coñecida como Mar Céltico, o mesmo que cantou Aimirgin na súa lingua mariña: Eu invoco a nobre Irlanda,/ o leste da gran praia do fértil mar[…]

Nas fotografías Xacobe amosa a progresiva desaparición do buque e a transformación das 350 toneladas de rexistro en metal para reciclaxe, a retirada do formigón de lastre, dos aceites e outros produtos tóxicos, recollidos de maneira controlada, para o seu posterior tratamento. Por elas asistimos ao corte das pranchas, ao picado do cemento, á extracción do motor, -o corazón de ferro-, enviado a Marrocos e empregado para dar vida a outra embarcación. Nalgunha das imaxes pódese percibir un hálito, se cadra o derradeiro estertor do barco.

Desguace del Seneivo I

Xacobe Meléndrez concibiu a serie como unha metáfora da crise da pesca en Galicia, pero ao tempo, el que dende sempre foi e segue  a ser persoa comprometida co medio ambiente, puido comprobar o contraste entre as necesarias medidas de control ambiental e seguridade laboral exercidas aquí sobre as empresas de despece e ferralla, en comparación co que apreciamos na célebre serie Shipbreaking de Edward Burtysky, feita nas praias de Chittagong, en Bangladesh, hoxe destino turístico para fotógrafos.

O despece foi realizado pola empresa de Carlos San Claudio Santa Cruz, herdeira de José Santa Cruz, unha das de máis tradición en Galicia, para a que traballaron algúns dos mergulladores cos que podemos falar no bodegón da Coruña, escoitándolles dicir como foron os traballos de despece no Amercian Star, no Federico Barreras, no Ariete, no Casón ou no Mar Exeo. Quizais o derradeiro suspiro do “Seneivo primeiro” despezado en terra, tiña ritmo de verso expresado na linguaxe mariña dese Mar Céltico.  

 

Unha reflexión sobre “SENEIVO PRIMERO

Os comentarios están pechados.