CAMIÑANDO POLO PINDO

O sábado pola tarde, aproveitando a tregua que nos deu a chuvia, María, Lino e eu achegámonos ao Pindo. Non subimos ao corazón, A Moa e Casa Xohana quedan para outro día. Nós accedemos pola ladeira oeste, seguindo o camiño dos Costados, cruzamos Chan de Lamas e achegámonos ata os Aguillóns, logo de vadear o rego Caldeirón e pasar polas Cortes de arriba.

Observamos con alegría como renova o carballo anano, en varios lugares, tanto nos que controlabamos en Chan de Lamas como na ladeira sur dos Aguillóns. Agás iso, algunha flor e moito abrótano, non sei se macho ou femia. O resto desolación e silencio só interrompido polo escorregar da auga por regos e regatos. Nunha das pucharcas do rego Caldeirón puidemos ver tres tritóns. Se cadra esa fauna acuática é o que sobrevive. Iso e as formigas.

Nas dúas imaxes anteriores pódense ver pés de rebolo ou carballo anano e na outra como o carreiro de acceso aos Aguillóns, antes difícil de seguir, quedou marcado sobre a terra queimada. As barreiras que se ven nas abas do monte son os protectores colocados pola Consellería para deter o escorrentar da terra. A súa eficacia foi relativa, porque rebordaron polas beiras. Pero chama a atención ver como as gramíneas medran ao seu través.

SANTA COMPAÑA

No ano 1895, Jesús Rodríguez López publicaba un libro titulado Supersticiones de Galicia, obra pouco coñecida hoxe, pero que no seu momento tivo a súa importancia, causándolle serios problemas coa Igrexa. O libro deu para unha segunda versión en 1910 e, en 1943, a editorial Nova, fundada por Arturo Cuadrado e Luís Seoane en Bos Aires, publicaba a edición arxentina. Eu teño unha edición, facsímil da de 1910, publicada en Valladolid no ano 2001.

O libro é de moito interese para quen sentimos curiosidade por estas cousas, en particular polo xeito en que enfronta o mundo galego das crenzas tradicionais e das supersticións, vinculándoo ao mundo celta, pero ten, tamén, a súa graza, sobre todo cando vai cualificando os escritores que cita, así vemos que Añón é eximio, Victoriano Novo y García é notable, Alfredo Brañas merece o recoñecemento de inspirado, Ubaldo Insúa de correcto. É este último quen refire que a Compaña rolda por camiños e encrucilladas.

Vén todo isto a conto porque Edward Thomas, no poema “Roads” (Camiños) ten estes versos: The larger companies,/ That by the roadside be,/ And beneath the rafter/ Else uninhabited/ Excepting by the dead;/ (As numerosas compañas/ que están xunto os camiños/ e baixo as trabes/ deshabitadas/ agás polos mortos). Neles eu aprecio unha clara referencia á Santa Compaña. E non sería estraño. Fernando Alonso Romero, no libro El mundo de los muertos en Galicia y en el folklore del occidente europeo, recolle a tradición escocesa, galesa e irlandesa, das ánimas percorrendo os camiños,  de maneira moi semellante a como sucedía (non sei se aínda sucede) aquí.

Continúo esa lectura lenta e intensa dos versos de Edward Thomas, na edición bilingüe xa comentada de Linteo, que recolle a súa obra poética completa. Todas as mañás, no almorzo, dependendo da lonxitude do poema, leo dous, tres ou catro, primeiro en inglés e logo na versión castelán. Pero esta lectura xa non é solitaria. Dende hai semanas, por azar, Antonio García Teijeiro e eu atopámonos nesa mesma descuberta que agora compartimos, coa singularidade de que os dous levamos o mesmo ritmo, aínda que non sempre lemos os mesmos textos. Agora cruzándonos correos sobre os achados de cada mañá, comentamos aquilo que máis nos emocionou e sorprendeu e deixamos constancia deste xogo nos nosos blogs. Recoméndovos o del, Versos e aloumiños, que vén de ser nomeado candidato aos premios que cada ano concede a Asociación de escritores en lingua galega. O enlace está neste, á dereita, porque é espazo amigo.

Como ilustración, de moi baixa calidade, pero é o que hai, deixo esta imaxe na que malamente se observa o mural de Xosé Luís de Dios, pintado na parede do fondo da sala principal do bar Tucho ou O’ Volter, de Ourense, local histórico e emblemático que non soubemos conservar. De Dios pintou nel unha santa compaña da nosa identidade, que levaba por título Alegoría da porta de palla, lembrando a novela de Vicente Risco.

COUSAS DE EDWARD THOMAS

 

Onte ao mediodía, cando a saída do traballo, escoitei un canto familiar. Busqueino e nun dos bidueiros que dividen a praza onde aparco, estaba un xílgaro. Emocionoume moito, sentilo alí, tan urbano e confiado, tan fermoso e tan libre. Pola mañá lera un poema de Edward Thomas que fala deles e, tamén, dunha casa. Tamén o poema conseguira emocionarme porque me sentín moi identificado co que Thomas di nel. Fala dunha casa que a min, salvados os freixos e a extensión, represéntaseme a nosa de Lira, nun lugar alto, a visión dos tres reinos, cun xardín ao tempo coidado e descoidado, a pía do porco como estanque, os verderolos, os paporrubios, os xílgaros e as meixengras que nos visitan.

Ao xílgaro da oficina fíxenlle unha foto co teléfono, deixouse, pero non se lle ve entre as sombras das pólas do bidueiro, así que velaí deixo esta collida da wikipedia. A tradución, perdoando, é miña.

FOR THESE

An acre of land between the shore and the hills,
Upon a ledge that shows my kingdoms three,
The lovely visible earth and sky and sea,
Where what the curlew needs not, the farmer tills:

 

A house that shall love me as I love it,
Well-hedged, and honoured by a few ash-trees
That linnets, greefinches, and goldfinches
Shall often visit and make love in and flit:

 

A garden I need never go beyond,
Broken but neat, whose sunflowers every one
Are fit to be he sign of the Rising Sun:
A spring, a brook’s bend or least a pond:

 

For these I ask not, but, neither too late
Nor yet too early, for what men call content,
And also that something may be sent
To be contented with, I ask of fate.

 

POR ISTO

Un acre de terra entre a beirada e os outeiros,
sobre unha cornixa onde se avisten meus tres reinos,
A amada e visible terra e o ceo e o mar,
onde o que o mazarico non precisa, o granxeiro cultiva:

 

Unha casa que me amará como eu a ela,
ben cercada, e honrada por uns poucos fresnos
que pardais, verderolos e xílgaros
visitarán a miúdo e farán o amor e revoarán:

 

Un xardín que nunca precisarei sobrepasar,
desamañado pero coidado, cuns xirasois que ben poden
representar cada un o Sol Nacente:
Un manancial, a curva dun regato, ou cando menos un estanque:

 

Non pido por isto, pero, que non chegue moi tarde
nin moi cedo o que os homes chaman contento,
e tamén que algunha cousa quizais sexa enviada
coa que estar satisfeito, Eu pido iso ao destino.

 

ALFONSO COSTA

Onte, na sala de exposicións do pazo municipal de María Pita, inaugurou exposición antolóxica Alfonso Costa. O título é ben expresivo A voz da mirada. Arredor moitos amigos nunha noite cálida.

Fragmento do cadro Bícate Barcelona

Fragmento do cadro Bícate Barcelona

A sala é magnífica, cadrada, con altura, permite ver toda a obra exposta xirando sobre un mesmo e, ao tempo, admite cadros de gran formato. Alfonso comentaba que no estudio había cadros para máis sala, pero a min dáme a impresión de que o esforzo de elección da antoloxía, limitado polo espazo, tivo un efecto marabilloso sobre o conxunto, xa que a obra que amosa é, dende logo, do mellor que Alfonso pintou neste últimos vintecinco anos, cadros que temos na memoria e que son referencia da identidade da súa creación.

Ser-en, partes 2 e 3

Ser-en, partes 2 e 3

Todos reflicten algunhas das características da súa pintura, moi ben expresadas por Xavier Seoane nas súas palabras de presentación: o territorio difuso dos límites; a necesidade de contar algo en cada cadro; o latexo da materia viva, ese asomarse de Alfonso ao abismo, procurando e intuíndo no que nel hai de animado e vital; a expresividade e a liberdade. Hai moito de orixe en cadros como Sombra de luz -A aurora- ou Un segundo despois e, tamén, a forza da vida en No esternón do tempo ou en Identidades, que forman parte da mostra.

Agora que sei que Alfonso foi lector apaixonado de Cortázar e que na súa literatura e actitude vital bebeu e aprendeu, intúo que algo desa paixón pola liberdade creativa, nunca sometida a limitacións, a modas, a economía, pode vir do autor de Rayuela. Dicía alguén entre os asistentes á inauguración, e dicíao con discrección, pero con convencemento, que tardaría a sala en ofrecer unha exposición de tanta calidade artística.

Para os que vivan aquí, para os que estean de paso, ou para os que se animen vindo de fóra, unha cita absolutamente recomendable.

 

 

CRIMEA

Boa parte do que sei aprendino no cine. Lendo tamén, claro, e viaxando, que xa dicía Valle Inclán que viaxar era como ler varios libros a un tempo. Pero eu, vinculado dende sempre ao cine, descubrín moitas cousas na pantalla, entre outras, que Crimea era unha península moi importante dende o punto de vista estratéxico (isto é linguaxe actual, que non falaba así cando era neno) o que motivou moita guerra e moito combate sobre o seu territorio. Turcos, rusos, franceses, ingleses, morreron alí polo interese dos seus estados e imperios. Para o Reino Unido era de importancia capital, por ser lugar de paso na vía de comunicación entre Europa e os grandes territorios do imperio, cara o leste, ata a India.

Lembro, en particular, unha película e un poema. A película era A carga da brigada lixeira (The charge of the light brigade) de Michael Curtiz, o director de Casablanca. Traballaban nela Errol Flynn e Olivia de Havilland, unha das parellas máis singulares do cine, pois fixeron 6 películas xuntos. Vina varias veces no Xesteira e no Losada, os dous cines onde traballaba meu pai. Nela cóntase a batalla de Balaclava, que tivo lugar o día 25 de outubro de 1854, durante a guerra de Crimea, na que Francia, Gran Bretaña e o imperio Otonomano, combatían contra Rusia e o emirato de Suristán, que defendía a independencia dos reinos e emiratos que formaban o imperio británico en Asia. Suristán, na película, estaba gobernado polo malo da película, o emir Surta Khan, a que nunca esquecerei, de tan malo como era. Aquela guerra tivo consecuencias económicas, como terá o conflito actual. Entón, o trigo ruso deixou de abastecer os mercados europeos, polo que aumentou a demanda sobre o español, acompañada dunha subida do prezo, o que deu un dito popular de entón: Auga, sol e guerra en Sebastopol. A ilustración que figura arriba é un gravado do pintor inglés William Simpson.

O poema, escrito por Alfred Tenysson, era un canto á carga dos soldados de cabaleiría británicos que penetran no Val da morte, rodeados de canóns e de infantería rusa, disparando deseguido en contra deles. Cargan sabendo que obedecen unha orde mal transmitida. Este fragamento do poema de Tenysson acompañaba as imaxes da película, aquí van en castelán, que é como os atopei na rede, pura épica:

¡Adelante la Brigada Ligera!
¿Había algún hombre afligido?
No, aunque el soldado sabía
Que alguien había cometido un error:
Ellos no replicarían,
Ellos no preguntarían el por qué,
Ellos harían y morirían.
Al interior del valle de la Muerte
Cabalgaron los seiscientos.
Cañón a su derecha,
Cañón a su izquierda,
Cañón delante de ellos
Recibieron descargas de disparos y bramidos
Les atronaron con disparos y obuses,
Cabalgaron con bravura,
Hacia las fauces de la Muerte,
Hacia la boca del Infierno
Cabalgaron los seiscientos.

Non sei con exactitude quen leva a razón en todo este conflito de agora. Intúo, como sucede sempre, razóns encontradas e responsabilidades repartidas, aínda non compartidas. Ninguén é inocente, pero a pantomima do referendo e o discurso de onte de Putin, fan tremer. Tamén a épica de Tenysson que espero que ninguén invoque. Non creo que desta, as consecuencias dun conflito alí teña efecto positivo aquí, negativo seguro. E postos a ser egoístas e a mirar polo propio, perdoando, se empezan as represalias polos dous bandos, que pasará coa tradución rusa de A noite branca?

DE GALICIA A NOVGOROD

Hai tres anos, tal día coma hoxe, iniciabamos a aventura que nos había levar dende A Coruña ata Novgorod, seguindo coa maior precisión posible o percorrido realizado pola primeira quenda da División Azul, entre os meses de xullo e outubro de 1941. Once mil cincocentos quilómetros entre ida e volta. Aquela viaxe foi consecuencia do proceso de elaboración da novela A noite branca, e tivo un efecto fundamental sobre o resultado final.

Coincidimos, Maribel e eu, na nostalxia que sentimos cando pensamos naqueles días e, tamén, en que a dimensión da viaxe medra co paso do tempo. Cando chegamos, traiamos varios milleiros de fotografías, pero ao pouco tempo, un disco duro externo caeu ao chan, avariándose. Nel estaban as imaxes dos lugares da fronte, de Novgorod, de Treblinka. Iso fíxonos desistir da idea de producir unha exposición e percorrer o país acompañando as imaxes coa palabra, contando como fora a experiencia. Enviamos o disco a varios lugares fóra de Galicia e consultamos tamén con talleres de recuperación de información fóra de España, pero ninguén conseguiu nada e nós demos as imaxes por perdidas. Pero estes días, quizais como agasallo polo aniversario, do fondo do ordenador grande de Maribel, empezaron a xurdir imaxes, copia das perdidas. Entre as recuperadas están algunhas moi importantes.

Quero celebrar convosco este encontro e o aniversario, importante para nós, con algunhas desas fotos. Podedes ver a que indica a entrada en Maloyé Zamoshye, lugar dunha das batallas nas que participou Alfredo. Tamén a Pavel Tenderá, o noso guía polos camiños e pistas do bosque, cortando leña, momento no que aparece Galina nas nosas vidas. Como no interior da súa casa nos conta a súa lembranza da batalla, memoria de nena de 11 anos. Como nos agasalla con té, mortadela, galletas, caramelos, sopa, con calor e con cariño.

Tamén podedes ver as cúpulas do templo do interior do Kremlin de Novgorod. Sobre a cuberta de pan de ouro está a cruz da lenda. Contan que Iván IV Vasilievich, (Iván o Terrible), diante do templo, asegurou que mentres a cruz estivese sobre a cúpula, Rusia nunca sería conquistada. Esa cruz foi traída a España polos divisionarios, xa que caeu durante un bombardeo. Vese que o Tsar non tiña razón, porque Rusia liberouse, precisamente, cando a cruz cedeu. O goberno español devolveuna case sesenta anos despois.

A outra é o cartel que anuncia o campo de Treblinka. Faltan por se manifestar todas as imaxes do que foi campo de exterminio.

AS CREBAS

Saíu o libro das crebas. Chegounos o venres. Resultado de tantos paseos pola beirada do litoral entre Muros e Fisterra, de tanto perdernos por recunchos do litoral da Costa a Morte, de tanta conversa e tanta información recollida, da curiosidade, do xogo, da casualidade e da descuberta. Corenta fotos de Maribel e un texto meu deron este, As crebas, outro xeito de andar ao mar, que a editorial Baía acolleu no seu catálogo, nunha colección chea de luz. Esta é a cuberta, lembranza e homenaxe a Man. As crebas, título tamén dun libro de poemas e do blog de Miro Villar. Falando delas percorremos moitos lugares e con elas iremos a Islandia, país de crebeiros, entre abril e maio. Fotos, versos e conferencia acompañada de imaxes, na compañía de Elías Knörr e de Níels Einarsson.

Onte, en Area Maior, dei con este cavaco (madeira na linguaxe dos crebeiros), que ben valería para apuntalar o tellado da casa, madeira de teca en bo estado, agardando por alguén que a recolla.

Estando xa o libro disposto para imprimir, no límite do tempo, puidemos recoller, como colofón, fóra de texto, a imaxe da estación meteorolóxica que apareceu en Lira o mes pasado, procedente de Miami e que xa foi comentada nunha entrada anterior.

Espero que esta achega nosa axude a ollar ese mundo con curiosidade, porque del tamén se obtén información e por el aprendemos cousas. Hoxe a maior parte das crebas son lixo e sobre iso deberamos tomar consciencia. No libro fálase das illas artificiais formadas pola acumulación de moléculas de plástico nos lugares dos océanos onde conflúen as correntes. Gustaríame que este noso dea outros moitos libros, porque a súa vocación deste non é esgotar nada, senón abrir e dialogar.

 

MAHMUD DARWISH

É o amigo Moncho Iglesias quen me lembra que tal día coma hoxe, do ano 1941, nacía Mahmud Darwish, o poeta nacional palestino falecido en 2008.

No ano 2004, a Asociación de Escritores en Lingua Galega, dáballe o seu premio internacional, que leva o nome eufemístico de “Escritor galego universal” que a moitos escritores emociona. Darwish entón estivo en Compostela, recolleu o premio e puidemos participar con el nun recital e tamén conversar. Eu gardo unha foto daquel día, con el e con Alfonso Costa, pero non sei onde pode estar. Lembro, iso si, varias cousas das que comentou aquel día, algunha xa a escribín en entradas anteriores deste blog. Aquel serán díxonos que malia a ocupación, o desterro, os castigos, o illamento, nos campos de refuxiados a xente canta e baila, os mozos namoran e casan, os nenos xogan, quizais reforzando os versos do poema de Rafeef Ziadah, dos palestinos e da vida. Outra cousa que nos sorprendeu, de entre as cousas que nos dixo, foi que o seu lector máis fiel era Ariel Sharón, quen procuraba comprender a través dos seus versos como era a psicoloxía do pobo palestino.

Moncho facilítame o acceso a esta canción, Nesta Terra, do trío Joubran, a partir dun poema de Darwish, letra ou texto traducido por Moncho.

)

FARO DE BURELA

 Xa contei que Carlos Arias, habitual comentarista neste blog, colabora semanalmente cun artigo na edición dixital de El Correo Gallego e xa o outro día publiquei un aquí. Agora quixera compartir outro, que me emocionou moito cando lin e que ofrece unha perspectiva persoal desas cousas que pasan e que semellan curiosas pero alleas. Non sabía eu que el naceu co faro de Burela, pero o artigo e toda a circunstancia paréceme tan curioso e emotivo como para compartilo. Espero que vos guste tanto como a min. As imaxes están sacadas de internet.

Días de adeus

As ausencias inesperadas devólvennos un pasado imprescindible, que quizais nin estea na memoria. Paréceme imposible aínda que os dedos de Paco de Lucía leven dez días parados para sempre; sinto o que non vivín na construción do museo de Luarca dedicado á fauna abisal, borrado por unha onda inmensa, do Cantábrico expresado na súa forza ingobernable; lembro a torre do faro de Burela, nacida do salseiro, e a súa soidade a mar aberto, rodeado de escumas alegres nos días de verán, que sucumbiu de súpeto á teimosía do mar, abatido por un golpe final que demostrou o seu cansazo.

En 1959 chegaba un mozo de 27 anos a traballar como enxeñeiro ténico nos portos de Lugo. El e a súa compañeira traían, de regreso dun primeiro destino en El Bierzo, unha filla de oito meses e outra vida en camiño, que deu en quen hoxe escribe estas liñas. Case a primeira obra da que se fixo responsable estaba naquel con solitario, nunha costa tan fermosa coma áspera para a navegación, de días radiantes e suaves zarrapicados con borrascas e galernas. Burela tiña un pequeno porto pesqueiro aínda de cantaría, do que había saír o gran peirao que acollería a meirande flota pesqueira do golfo de Biscaia.

Nos anos sesenta, desde a estrada, viamos durante unha parte do traxecto aquela brancura vertical intensa e moi modesta, en comparación con outros soportes para sinais marítimos da nosa costa. A súa grandeza –que quizabes a levase, na visión popular, á categoría de faro, cando se trata dunha simple baliza– síntoa desde o espazo dominado, desde esa soidade visible a gran distancia, desde os ollos que tiven e o que seleccionou a miña retina para acubillar, desde aquel mundo de gaivotas e area; desde aquel tempo no que o lampexo regular punzaba a noite, esperado polos navíos para fixar rumbo, de fogar ou de traballo.

Mentres se erguía a construción, vivía eu os cálidos meses amnióticos, cunha percepción sobre a que se configuraba sen palabras o software da miña personalidade. Un contratista, moi novo tamén, levaba para o arrecife os materiais nunha embarcación dotada de grúa. O desembarco víase moi dificultado pola ondaxe, que impedía unha aproximación maior á rocha. A grúa depositaba a carga e os obreiros; o contratista,o derradeiro en desembarcar, tomaba o cabo suspendido da pluma e saltaba aproveitando o movemento pendular do soporte. Un cuarto de século despois, falecería cando ía axudar o alumnado dun colexio a facer unha plantación de árbores no porto de Foz. Mentres agardaba que chegase a rapazada, quixo pór orde nalgunhas cousas, entre as que se encontraba un cable eléctrico, que o electrocutou ao tomalo.

Nas distintas iconografías, a torre caída representa ás veces a construción de Babel e o xeito en que o divino desvía a intención humana nos seus proxectos. Cando un reto queda superado, ábrese un novo horizonte, no que se revelan outras probas, imprescindibles para o avance e para acharmos novas capacidades, veladas polas perspectivas máis pequenas; cando un proxecto fracasa, aparece o verdadeiro campo de acción, que chama as enerxías para amosaren unha dimensión máis profunda da súa forza transformadora. Ata agora, sempre houbo un despois, e o salto precisou unha musculatura máis potente en cada ocasión, na interminable secuencia que nos leva desde a pedra tallada ao almacenamento masivo de datos en dispositivos que caben nunha caixa de mistos.

En Babel, a vontade humana, cunha visión estática, procuraba garantir a seguridade máis alá de calquera imprevisto. A perspectiva que había xerar co paso dos milenios o positivismo fundamentalista confiaba nos recursos do home para chegar ao control absoluto respecto do contorno, coma se o pensamento consciente puidese conter todo o que conforma a realidade, coa súa mutación infinita e os fenómenos que derivan dela. Na baliza de Burela, a referencia que lles ofrecía seguridade aos barcos deixou a pedra na súa soidade, rodeada e batida pola auga, cunha torre fanada que pronto se converterá en cascallo disgregado polo fondo, talvez cunha zapata de formigón como lembranza. As imaxes impresionantes das ondas contra a súa vizosa figura xa pertencen ao pasado; tamén as da calma marabillosa, cando a súa serenidade descansaba contra o horizonte, distante e en silencio, coma a efixie dun santuario en mar aberto.

Non sei cantos músicos levarán dentro de si a semente de Paco de Lucía; non sei que inspiraría a baliza perdida de Burela. Creo que a música deixa atrás esta perda sen parar en prantos, e que a vida continúa á procura de novas formas despois da derradeira onda que resistiu a pequena torre daquel con da Mariña luguesa. Os pensamentos viran a tempos idos e parecen recrealos, xebrados de adxectivos intranscendentes agora. A vida e a música continúan cara a un despois en constane movemento, no que o pulo do xenio xitano se expresa, quizabes sen que os continuadores saiban o que lles chega desde el; a enxeñaría desenvolverá formas máis durables para os sinais sometidos á dureza dos elementos, alleas ambas á sucesión de adeuses. Só ás novas paisaxes que se abren; só a unha viaxe onde cada instante se mantén como soporte dunha procura que non lle pertence a ninguén.

Pertencín a ese tempo e o meu fogar infantil nutriuse da obra perdida. Mentres me esperaban, meu pai resolvía as incógnitas para superar o reto de colocar a baliza rodeada de rochas cortantes, cunha embarcación á mercé das circunstancias. Para iso se preparara e recibira a experiencia dos seus predecesores; a técnica pasaría por aí, e seguiría cara a outros proxectos similares, con desembarco en helicóptero. El lembra aqueles días con saudade polo home que materializaba as súas ideas, un veciño de Mañente coñecido como Canel, con quen compartiu moito tempo de vida profesional. Comparte comigo a súa memoria e déixame que sinta como aquel tempo avanza comigo, sen tampouco non saber que levo exactamente, nin para que. Só que isto segue, e crece en riqueza a experiencia.