JOSÉ EMILIO PACHECO E PETE SEEGER

Semán de perdas. Fóronse dous heroes, dous corpos que axudaban a facer máis resistente o ser colectivo, dous sorrisos, dúas voces que nos insuflaban ánimo e expresaban o sentimento común dos seus, dos nosos, dos que loitan e sofren cada día.

Coñecín e quixen a José Emilio Pacheco en México. Con el falei do poema como expresión do sentimento colectivo, a propósito de Miro la tierra, ese libro no que puxo voz ao sufrimento dos que padeceron o terremoto que asolou México en 1985. El, Carlos Monsiváis, Elena Poniatowska e tantos outros, denunciaron a corrupción previa e posterior que contribuíu e potenciou a catástrofe. O outro día Elena suspendeu o acto de entrega da medalla de Bellas Artes, como testemuña de loito pola perda do amigo.

Con Pacheco vivín unha experiencia marabillosa. Grupos de adolescentes camiñando detrás del polos corredores da feira de Guadalajara, sentándose na moqueta facéndolle roda mentres asinaba libros, pedíndolle que lles recitase versos, chamándolle mestre. Aquí en Galicia recibiu homenaxe do Pen Club, se non lembro mal, no ano 2006. Quero compartir aquí este poema breve seu, un deses poemas que nos axudan a seguir:

CONTRAELEGÍA

Mi único tema es lo que ya no está.
Sólo parezco hablar de lo perdido.
Mi punzante estribillo es nunca más.
Y sin embargo amo este cambio perpetuo
este variar segundo tras segundo,
porque sin él lo que llamamos vida
sería de piedra.

Nas cancións de Pete Seeger aprendemos o valor da liberdade, da resistencia, da pertenza a un ser común que soña un vivir solidario, outro mundo posible, o significado de palabras como xustiza e valor, e tamén a alegría.  Non lembraba eu esa viaxe a España da que estes días falou e escribiu Raimon, realizada durante a ditadura, visita feita por militancia, por crer que a música, a palabra, o concepto de cultura que el representaba, podía axudar na loita colectiva por ser libres. Aquí canta Worried Man Blues, con outra voz querida Johny Cash:

  

MORELIA DE MICHOACÁN

Hoxe, na revistasábado, o xornal El País informa das actividades artísticas dos fillos dos Cabaleiros Templarios. Dous dos fillos do capo Enrique Plancarte, Melissa e Kike, tentan triunfar na música con métodos mafiosos, mediante coacción, invadindo as redes sociais, cantándolle aos camións cargados de “verde y de blanquita”. Xa Elijah Wald, un músico estadounidense que viaxou só por todo México, investigando a conexión entre música e narcotráfico, deixara constancia desa relación no libro Narcorrido: A journey into the music of drugs, guns and guerrillas. Esta é a conexión ao artigo de El País

El cante de los príncipes del narco mexicano

Velaí, tamén un vídeo de Melissa e a súa banda. Por certo, se ela nunca ten o micro diante dos labios, quen canta?

Comentaba na entrada de onte, que vixando só polo estado de Michoacán, no mes de xuño do ano 2008, cando xa se iniciaran os conflitos, non sentira nin ameaza, nin temor. Pero é certo que só tres meses máis tarde, no centro de Morelia, durante as festas de celebración da Independencia de México en setembro, estoupaban dúas bombas, unha á beira da catedral, outra diante do Pazo de Goberno Michoacano, causando a morte a tres persoas e feridas a cento trinta e dúas.

En xuño, ao día seguinte de chegar, asistín a unha concentración de policías rurais do Estado, que reclamaban mellora económica e de medios, para loitar contra a ameaza do narcotráfico. Chegaran de todos os lugares do estado e colapsaban o centro da cidade cos seus coches, esixido seren recibidos polos parlamentarios do estado. O da mellora económica enténdense porque só estando ben pagado un pode resistir a tentación de se vender aos cartos dos cárteles.

Manifestación policial

Manifestación policial

Morelia é cidade fermosa e tranquila, declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco. O nome vén de Morelos, un dos líderes da independencia. Celebra imporante festival internacional de cine e é un fervedoiro de actividade cultural. Os frescos que aparecen na entrada anterior, están no claustro do Pazo de Goberno e son obra do pintor Alfredo Zalce. Nunha das prazas hai unha escultura dedicada aos paxaros. Xa daquela pensei que unha cidade que dedica estatua aos paxaros en praza pública, ben merece vivir en paz.

“A las aves que, en los amaneceres como en los ocasos, surcan los cielos de Morelia”, di a placa de bronce.

MICHOACÁN

Pintura mural en Morelia

Pintura mural en Morelia

Hai tempo que os medios de comunicación veñen falando deseguido do estado mexicano de Michoacán, sempre en relación coa violencia e co narcotráfico, pero nos últimos días a incidencia aumentou, co conflito armado entre o exército e os grupos e autodefensa. O territorio de Michoacán, clave no tránsito da droga cara o norte, é obxecto de disputa entre dúas das mafias máis fortes de México, o Cártel de Sinaloa, aliado con La Familia que goberna Michoacán e o dos Zetas, en guerra cos anteriores. A Familia exerce unha sorte de xustiza divina, segundo propia expresión, que os leva a decapitar inimigos e a manter limpo de droga o territorio que controlan. Enténdase o de limpo, non queren que exista tráfico nin consumo onde viven. Contra eles e contra as organizacións armadas dos outros cárteles, organizáronse as denominadas milicias ou grupos de autodefensa. Agora estes grupos non só loitan contra o cártel inimigo, senón tamén contra o exército, xa que o estado non pode admitir a existencia doutro exército paralelo e non sei se está ben dito outro, porque son tres ou catro, contando os das mafias, formados e dirixidos por exmilitares do exército oficial.

Sergio González Rodríguez é un dos xornalistas máis importantes de México. En realidade é tan investigador como xornalista, pero sobre todo é escritor. El é quen de facer da crónica informativa material literario e deste historia contemporánea. Ben coñecido polo libro Huesos en el desierto, onde narraba a súa investigación sobre o asasinato de mulleres en Ciudad Juárez, tamén é autor de El hombre sin cabeza, no que tenta explicar canto hai de rito, canto de fachenda e canto de mito, nesa práctica michoacana de decapitar os corpos inimigos e deixalos expostos nas rúas e estradas, normalmente con mensaxe. As súas investigacións situárono varias veces no límite, con intentos de asasinato e de secuestro. Coñecino na feira do libro de Oaxaca do ano 2009.

Quérolle moito a Michoacán. Estiven en dúas ocasións no Festival de Poesía de Zamora,

A catedral inconclusa de Zamora

A catedral inconclusa de Zamora

organizado polo poeta Roberto Reséndiz Carmona. En Zamora vivín experiencias singulares, recitando nos colexios, nas prazas, indo de madrugada aos lugares prohibidos en compañía do poeta canario Javier Cabrera. Zamora é, ademais, un lugar musical, un deses lugares no que a música está viva nas rúas e nas prazas.

A primeira noite, da primeira vez, visitei na súa casa a Francisco Elizalde e puiden compartir con el mesa e cubalibres, sen cear e ata moi entrada a noite de calor. Elizalde é autor dunha ampla obra, na que destaca un libro breve, pero impresionante: Ángeles de la muerte: “Voy descendiendo a mi alma diariamente/ por estas escaleras hurañas de mi sangre,/ como si el alma fuera mi sepulcro…/ Es decir: pacto, vértice, puerta, círculo, imagen. […]

Zamora, música na rúa a catro mans

Zamora, música na rúa a catro mans

Escríbolle agora aos amigos de alá, preguntándolles por esta nova explosión de violencia. Dinme que está limitada a unha parte do estado. En Zamora viven tranquilos. Cóntanme de novo o que xa sabemos: Estados Unidos pon os cartos para loitar contra os cárteles, consume a droga que cruza o país de sur a norte e abastece de armas ás bandas mafiosas e grupos de autodefensa. México pon sicarios e mortos.

Cos mariachis, cantando La golondrina

Cos mariachis, cantando La golondrina

Naquela primeira viaxe, finalizado o encontro, viaxei ata Morelia, a capital do estado, destino dos nenos que México acolleu cando a Guerra Civil española. Alí, tras botar un par de días, deixei a maleta na consigna da estación de autobuses, collín a mochila, paguei un billete e viaxei cara o oeste: Pátzcuaro (con moita sona polas imaxes dos pescadores do lago, que arrebolan a rede por riba da cabeza); Lázaro Cárdenas xa no Pacífico, cidade con nome de Presidente amigo da nosa II República; Praia Azul, unha aldea de pescadores á beira da praia onde decidín pasar dous días. Ía só e nada me sucedeu, nin nada me asustou.

En Lázaro Cárdenas

En Lázaro Cárdenas

As fotografías que acompañan esta entrada pertencen a estes días e son tomadas por min. O poema que segue foi escrito na primeira das viaxes. Sirva isto para expresar o meu amor por esa terra e pola súa xente.

Resto de naufraxio en Praia Azul

Resto de naufraxio en Praia Azul

Resto de naufraxio en Praia Azul

ZAMORA

I

Sobre Zamora
a chuvia é coma sombra
de anxo, transparencia gris
que bautiza e seca
ao mesmo tempo.
Tamén aquí a nostalxia,
tamén aquí a culpa
intuída
nos ollos que buscan
e que miran,
na pel do sol
redonda coma un salto vocálico
de sílabas e labios.
Tamén aquí a vida aberta,
ferida
que respira
no agarimo do aire.
Tamén aquí a vida
como aire.

II

Cando o crepúsculo
o limpabotas cepilla a praza
de recendos e pombas,
as bolboretas tecen os fíos da memoria
e as garzas baleiran a tarde sobre o curso dun río
que agoniza.
O éxodo dos pasos
e o taciturno rodar das bicicletas
anticipan as sombras.
Entón, cando o silencio,
os anxos da morte descenden azuis
sobre o patio,
as súas bocas encintas
declinan versos de lava
e ron e fume de tabaco.
Cando o crepúsculo
as andoriñas arden
no afiado lume das ausencias
e as bágoas redimen as perdas.
Zamora é daquela un labirinto
de canles extraviadas
un eco de esperanza
na ollada inocente das mulleres tristes.

III

Na noite, Zamora
extravíase entre cúpulas
distantes,
inacabados soños, suores
vexetais e cascudas
que estouran baixo os pasos.
Máis alá do rumor
habita unha nudez crispada
de verme e pelo bébedo.
Máis alá da dor
e as súas transparencias
cóncavas, o insomnio
esvara pola carne mineral,
polo danzar estéril
dun sorriso sen luz.
Pelícanos en Praia Azul

Pelícanos en Praia Azul

 

GRUPO POÉTICO RENOVACIÓN

Esta é unha desas historias que poucas veces se contan aínda que, ollando para atrás, un chega a decatarse de que a vida é a que é, en boa medida por aquilo que, no seu momento, por falta de perspectiva, non soubemos apreciar ou valorar. Eu conto isto que segue cando vou aos colexios, pero non é algo que me pregunten nas entrevistas, nin que teña ocasión de expresar con frecuencia, así que aí vai.

Empecei a escribir con 14 ou 15 anos. Conservo nunha axenda aqueles primeiros versos en castelán, cuartetas ben medidas e rimadas en consoante, inspiradas en Rosalía e nos poetas románticos españois, particularmente Bécquer e Espronceda. Eran poemas moi sufridos, de adolescente namorado dun imposible, que escribía sobre a dor do amor non correspondido e sobre a morte.

Con 16 anos produciuse un cambio radical. Non sei moi ben como, a estrutura ríxida crebou, o verso fíxose libre e, sobre todo, o aire da vida varreu as vellas palabras, abrindo e osixenando os contidos. Era o curso de COU, o primeiro ano no que nos mesturabamos mozas e mozos, unha novidade, no meu caso, transcendente para toda a vida. Era o tempo de Machado e de Miguel Hernández. Eu non tocaba a guitarra, aínda que non cantaba mal e, malia xogar de reserva no equipo de baloncesto do colexio, non destacaba moito, pero descubrín, que o verso era elemento que chamaba a atención das novas compañeiras, e decidín dedicarme a el.

Foto Sindo e autorretrato

Foto Sindo e autorretrato

Preto de min, no fondo da clase, sentaba Sindo -Gumersindo Álvarez Reza-algo maior ca nós. Deixara de estudar un curso por procurar emprego e recuncara ao ano seguinte cos que iamos por detrás. Nós tiñamos 16 anos, el 17, pero xa lera a Freud, sabía de Marx e de Engels, de Hemingway e a poesía surrealista. Fixémonos amigos, deixeille os meus poemas e convenceume de alí había algo que pagaba a pena e que debía seguir. Sempre que teño ocasión lembro ese momento marabilloso da vida, cando pensei que si, que podía escribir, non dedicarme a iso profesionalmente, só escribir, cousa que sucedeu por el, que tamén escribía.

El empregaba un pseudónimo: Güersy Gar. Fixémonos amigos e empezamos a traballar xuntos. Orientou moitas das miñas lecturas e del recibín moitos consellos. Logo marchou estudar a Madrid e eu quedei en Ourense. Dende alá regresaba nas vacacións e traía as novidades: Ezra Pound, Marineti, Attila Jozsef. Mentres, eu descubría a nosa literatura, que compartía con el. Quizais no ano 1974, con fachenda e entusiasmo, fundamos o Grupo Poético Renovación. Daquela liamos a Nicolás Guillén e procurabamos o ritmo, inventabamos palabras sonoras, imaxes musicais e crebabamos todas as estruturas. Gravamos varias cintas con todos os poemas en galego e castelán. Eu son o depositario. Sindo, ademais, pintaba e non o facía nada mal.

Pasou o tempo. Eu publiquei e el non, aínda que nunca deixou de escribir. Os dous vivimos na Coruña e, ás veces, vémonos. Sempre pensei que había en nós unha raia da vida mal trazada, que de non poder saír os dous, el merecía publicar máis ca min. O outro día deume unha alegría. Na Escola de Idiomas, onde estuda francés, pedíronlles escribir un texto. El fixo seis poemas en galego e francés, seis haikus que mereceron felicitación e recoñecemento. Pedinllos e mandoumos. Velaí van.

<<SIX HAIKUS>>

 (pseudonyme: Gaspard Lanuit)

 Les paroles, les larves,
papillons de désirs:
labyrinthes vides.

***

Névrose et verre:
Un flot de mort soudain
ronge les portiques.

***

La douleur, un jeu d’ombres:
tourbillon et insomnie,
calme et lucioles.

***

Une tour sous la pluie
dans la promenade d’émaux.
Murmures des morts.

***

La bruine: la lune
encore pendue au viaduc
cache les empreints.

***

Nos cendres sacrées:
wagons réduits en miettes,
ardoises sur la mer.

<<SEIS HAIKUS>>

(orixinal en galego)

 (Autor: SINDO – Gumersindo Álvarez Reza)

 Verbas ou larvas,
bolboretas de anceios:
Encrucilladas.

***

Neurose e vidro:
o manancial da morte
roe nos pórticos.

***

Xogo de sombras:
remuíños e insomnio,
calma e vagalumes.

***

Torre entre a chuvia:
polo paseo de esmaltes
voces dos mortos.

***

Orballo: a lúa
colgada do viaduto
borra as pegadas.

***

Cinzas sagradas:
vagóns esnaquizados,
lousas no mar.

 

CRAIG PATTERSON: BEACHCOMBER DA FELICIDADE

Onte, tarde de domingo, estiven tomando unha cervexa con Craig Patterson, a quen coñecín co gallo da homenaxe que o IGADI organizou en Baiona no ano 2011, en lembranza do amigo común Fernando Pérez-Barreiro Nolla. Daquela, el veu dende Cardiff, para compartir a memoria dun home ao que quería e admiraba. O ano pasado, coincidimos precisamente na capital de Gales, porque sendo presidente da Asociación Internacional de Estudos Galegos, correspondíalle a organización do congreso ao que acudimos Maribel e eu, para falar de virxes crebeiras.

Craig vén de se instalar aquí. Deixou todo o que era en Cardiff e mudou a Galicia, coa ilusión de atopar unha vida mellor e, sobre todo, sentirse satisfeito de si mesmo. Coñécenos ben, é membro correspondente da RAG e fala un galego fermoso. Responsable da tradución ao inglés de Cousas de Castelao, da Esmorga de Blanco Amor, agora está no final da tradución de Sempre en Galiza. A experiencia que está a vivir podedes lela na páxina 90 e seguintes do número 2 da revista Luzes.

Onte conteille que está iniciado xa o traballo de edición do que será o libro das crebas. Sabe de que vai o asunto e coñece a palabra. Entón como sen querer, faime o agasallo de me dicir como se di creba, crebeiro e andar ás crebas en inglés: beachcomb, beachcomber e beachcombing, velaí a orixe do termo bichicomas, como se lles di ás crebas na península do Morrazo. E debo corrixir o meu texto urxentemente, xa que eu atribuía esa expresión a unha derivación do inglés Beach Cover, que alguén me dixo unha vez.

Lembrou, tamén, que sendo el neno, a mediados dos anos setenta, había unha serie de televisión titulada, precisamente, Beachcomb. Busquei en internet e dei con ela. Fiquei impresionado da cantidade de entradas que responden a eses tres termos. Pero unha das cousas que máis me gustou, foi esta canción que vos deixo, interpretada por Mark Knopfler & Emmylou Harris-Large. A ver se vos gusta:

O CAMPO DE OIRA

Na anterior entrada lamentaba non ter a imaxe do bar flotante no medio do río, aquela que hai tempo, me enviara Marcos Valcárcel. A cousa axiña quedou resolta, xa que Rafa Salgado, o responsable do blog “Ourense no tempo”, que xa me facilitara a foto que figuraba nese artigo sobre o san Amaro, e os amigos Eustaquio e Jorge achegaron novo material, e entre as imaxes enviadas, había varias do bar flotante, lugar que tivo o seu glamour, xa que a el, nos mediodías de xullo e agosto, levaban as actrices que chegaban a Ourense polo verán, para representar as obras de teatro ou os musicais no teatro Losada.

Sen moita gana de me poñer nostálxico, debo dicir que o bar flotante forma parte entrañable da miña infancia. Lembro un día no que fomos ata el en barca. Remaba meu pai e ía connosco, que eu lembre, a tía Lela. Esa lembranza, ese instante, foi o que quixen recoller no poema que incluín no libro Miño:

O BAR FLOTANTE
 
Sobre bidóns de aire
o bar,
a barca,
os remos choupeando
nun desacougo manso
de rapaz.
Baixo a sombra das canas
a calor do papá,
os risos do barqueiro
os bicos bébedos.
Ía sol
no centro das olladas
na corrente admirable,
destino de ser mar
por ser de auga.
Ía sol
na forza do papá de pulso escuro
no corpo azul das aureanas núas.
Era no bar flotante
de verán e a louza, o cristal, o xeo,
o porrón do que bebían
os celebrados heroes de sifón:
o Toñito Patata, o Capitán Bombilla,
a Concha do cigarro.
Foi nun verán de bar e de barcas
e de aire,
na flotante memoria das sombras.

Ao bar ïamos nas barcas que Carlos Arias, no seu comentario, identifica como “batuxos”, que debe ser nome da zona de Lugo, tanto da cidade como da Terra Chá e máis abaixo, cara Portomarín, que eu nunca así lles escoitei chamar ás nosas barcas. Cando elaborei a colección de poemas galegos dedicados á carpintería de ribeira e ás embarcacións tradicionais, publicada pola editorial Toxosoutos co título Tamén navegar, en homenaxe a Xohana Torres, como o libro era froito dunha colaboración coa Federación galega pola cultura marítima e fluvial, procurei introducir tamén textos que invocasen as embarcacións de río. Un delas é un poema de Manuel María no que aparece o batuxo troiteiro:

Aínda se olla navegar un que outro
batuxo de troiteiro, leve
e veloz como un salouco.
Deixa un pequenísimo ronsel
no cristal, terso e escuro,
das ondas, doadas e amigas.
O batuxo é o irmao fluvial
das dornas e as gamelas.
Amo a súa gracia vencedora
de remuíños, agachadas correntes
e riadas. O batuxo feito está
de escumas. E navega xentil
entre un soño de oucas e andoriñas.

 

Grazas pola colaboración e por estar aí. Apertas. Chisco

JUAN GELMAN NA MEMORIA

Golpeoume a noticia da morte de Gelman. Sabía que podía acontecer en calquera momento, pero tamén me afixera a pensar que estaba aí, compañía constante. No meu estudio os libros de literatura están ordenados por orde alfabética. A literatura universal diante de mesa de traballo, a galega ás costas. O “G” de Gelman cádrame diante dos ollos, baixo o andel do “C” de Cortázar e sobre o “P” de Poe ou de Pessoa; á dereita de Freud, García Lorca ou Gamoneda, á esquerda de Graves, Seamus Heaney ou Miguel Hernández, poño por caso. Os libros de Gelman que máis destacan no andel son os tomos da Antoloxía de Visor, cos seus cantos negros e brillantes. Con eles outros máis humildes no seu formato, como Si dulcemente, que me agasallou unha moza arxentina nunha das viaxes a Bos Aires, ou o libro-audio da colección de poesía da Residencia de Estudiantes. Dende que o coñecín, cada día, a miña ollada tropezaba cos seus libros e, moitas veces, levábame aos seus versos, un poema ou dous de cada vez e pensaba nel como alguén que estaba aí dende sempre, que non se podía ir, porque significaba moito para moitos de nós: a dignidade, a dor, a firmeza ou a humanidade.

Cando Eva Veiga e eu tiñamos o programa de poesía na Radio Galega, aquel Baixo o mesmo ceo, que semanalmente fixemos durante varios meses, tivemos a fortuna de entrevistalo. Eu recoñezo que poucas veces tiven diante alguén co ollar tan triste e, ao tempo, que transmitise e expresase tanta humanidade. A dor pola perda do fillo e da nora durante os días da ditadura; esa culpabilidade terrible que asalta aos superviventes, cando se preguntan por que non eles tamén?; a teimosía na procura da neta secuestrada, e sempre, sempre, o verso como berro e como acougo.

Non podo deixar aquí, para que a escoitedes, aquela entrevista, feita no Quiosco Alfonso da Coruña, cando a Asociación de Escritores en Lingua Galega lle outorgou o galardón de escritor galego universal. Foi aquela unha conversa intensa, na que tanto Eva coma min sabiamos que estabamos pisando o territorio do íntimo e, tamén, procurando del a reflexión sobre o futuro. Sempre lembrarei a súa ollada e o ton da súa voz cando, invocando uns versos seus, lle preguntei polas alternativas que nos quedaban para combater este sistema perverso que nos goberna e domina. El, ollándome intensamente, díxome: ¿Por qué no me lo dice usted?.

Eva e eu sempre lamentamos non conservar unha foto con el, aquela tarde. Aos poucos días da entrevista, o desaparecido xornal Galicia Hoxe pediume que escribise un perfil, para un especial que lle ían dedicar. Iso si o podo compartir aquí, como comparto este vídeo cun poema seu, tan acaido para este serán de chuvia.

JUAN GELMAN NAS RAÍCES DA DOR

Probablemente a figura de Juan Gelman pasará inadvertida a alguén que non o coñeza e que se cruce con el na beirarrúa. O seu corpo, algo desarborado, camiñará a rente como un máis dos moitos seres anónimos que conviven connosco, un Xoán Ninguén, como aquel que Gary Cooper encarnaba na película de Frank Capra. Porén, ao saber del, ao sentilo preto, ao nos mirar nos seus ollos, ao compartir os seus silencios, a figura de Juan Gelman acada unha dimensión profundamente humana e impresiona. Daquela non é posible a indiferenza. Quizais é que advertimos no corpo e na alma as cicatrices dunha dor imposible de soportar; tal vez sexa o pouso que nel foron deixando tantas preguntas sen resposta; acaso porque el, mellor que ninguén, representa a dignidade dun home só contra o horror, a derrota e a infamia. Algo disto percíbese na súa voz grave, nos seus xestos concisos, na súa ollada fondamente triste, no seu sorriso cálido, na fortaleza dun ser tantas veces golpeado, que soubo facer da poesía o ceo protector baixo o que seguir amando.

Porque a palabra amor é esencial na súa vida e na súa obra, tan intimamente unidas, ata o extremo de recoñecer que todos os poemas son un acto de amor, de amor e desexo, puntualiza, invocando a René Clair para afirmar que a poesía é amor que queda en desexo e que non se esgota, por iso o poeta continúa escribindo.

No seu caso, a poesía foi o fío que lle permitiu manter o vínculo co perdido. O 24 de agosto de 1976, o seu fillo Ariel e a súa nora Claudia, embarazada, eran secuestrados por un comando militar e pasaban a engrosar a lista dos desaparecidos. Os restos do fillo aparecerían anos despois, nun bidón con cal, os da nora aínda non apareceron hoxe. Tras unha longa loita puido atopar a súa neta, nacida en prisión e entregada a outra familia polos asasinos.

Humedécenselle os ollos cando escoita os seus versos: “Esta noche,/Hijo, podés venir”, cando lembra o sucedido hai máis de trinta anos, cando intenta expresar a dor, cando recoñece que co tempo un convive mellor con ela, pero que de cando en vez aínda se revela, porque en realidade, o que doe é a derrota.

“A poesía, a arte en xeral, constrúen outra realidade a partir da realidade mesma, son a memoria da realidade transformada en memoria da escrita”, afirma, recoñecendo que o poema é o lugar de exilio a salvo de todos os exilios, o lugar de encontro e liberación, memoria contra a sombra e que foi preciso penetrar ata a raíz da dor e da cólera para poder reflexionar e dicir, para compartir. Parte da súa vida transcorreu baixo a chuvia allea, título dun libro escrito hai trinta anos en Roma e que agora presenta nunha nova edición na que os seus versos dialogan coa obra do pintor Carlos Alonso, tamén exiliado en Roma polos mesmos días. O exilio continúa coas perdas, di Gelman, aínda que un regrese ao país, porque son tantos os amigos desaparecidos…

A súa voz poética flúe coma un río, atopando lectores que aprenden os seus versos de memoria, que agasallan os seus libros, que o senten como algo propio. Palabra, a súa, a polinizar os territorios da ausencia. Palabra poética como furia de amor que abre os corredores abafantes, palabra da intemperie que nos acolle, corazón ou berce onde o amor disolve a dor en cartas que non escribirá. Porque, palabra de Gelman, dáse o que non se sabe que se dá, e recoñece, tamén, que o medo é do que está mudo.

“¿Por qué no me lo dice?”, responde cando invocamos os seus versos “Tomar distancia de la lucha del pueblo/ para entenderla mejor o verla mejor”, cando lle preguntamos cal é a loita hoxe?, cara onde podemos volver a ollada?, que nos queda?, e axiña recoñece que estraña o ardor do debate, a firmeza na defensa do que un cría xusto, que se daba na década dos setenta.

Evoca con emoción a José Ángel Valente que o axudou a conseguir traballo como tradutor, con quen mantivo relación de amizade ata o final e ao que lembra nunha dedicatoria colectiva no libro Eso. Gelman celebra o recoñecemento de escritor galego universal por parte da AELG, o que o fai ser máis arxentino, di con bo humor, admitindo o papel que Galicia xogou na construción do seu país de nacemento.

Juan Gelman naceu en Bos Aires en 1930. Na actualidade vive en México, país onde atopou o amor e o acougo.

SAN AMARO DE OIRA

Hai anos, camiñando por Bos Aires logo de xantar, preto do Pazo de Xustiza, atopamos un pequeno mercado de libros, catro ou cinco mesas instaladas no centro da praza. En Bos Aires, diante dos libros sempre hai que parar, que alí o libro é obxecto principal. Eu andaba algo apurado, con gana de mexar, e díxenlle a Maribel que me agardase alí, que ía procurar un bar. Nunha rúa pequena, lateral ao Pazo de Xustiza, din cun bar chamado “O noso”. Emocionado pensei que ese era o meu e entrei. Servían sobremesas á xente que xantara no pequeno local, doce de leite, sobre todo. Na barra, cando regresei do baño, pedín un café cortado e pregunteille ao home que servía de onde era. El respondeume que polo acento, viña sendo do mesmo lugar ca min. Díxenlle que no grande si, que non tiña dúbidas, pero que me interesaba o lugar pequeno. Respondeu que era de Barra de Miño, á beira do río. Eu díxenlle que o meu avó era de moi preto, de Rivela, río abaixo. Preguntoume quen era e conteille: Claudino, director de banda de música, fuxido no monte cando a guerra. Entón el dixo: Canto escoitei falar del sendo neno! Aquilo emocionoume. Díxenlle entón que miña nai era de Oira. Coñecía Oira e faloume dos veciños e dubidou pensando que coñecía á miña nai. Pero nun momento engadiu que a festa de Oira era o San Amaro en xaneiro. Eu confirmei dicíndolle que si, o día 15.

Mañá é día 15, San Amaro, a festa do lugar pequeno. Convén non confundir San Amaro con San Mauro, que son santos diferentes. Cando eu era neno, escoitaba contar unha historia de San Amaro, moi semellante á que logo lin atribuída a San Ero: iso do cantar do paxaro á porta do paraíso e os douscentos anos que pasa o santo ensimesmado no canto.

Por esta data, o río sempre vai alto. Tamén hoxe. Non tanto coma o ano pasado, pero si leva forza e manifesta carácter.

Esta postal está tomada do blog: ourensenotempo. Nesas barcas navegaba eu o río de neno co meu pai e cos meus tíos. Ese era o campo das merendas no verán. Ao fondo, do lado dereito, obsérvase a contrución dun dos muros do encoro. Gustaríame atopar unha que me enviou Marcos Valcárcel, na que se vía o bar flotante, ao que se ía nesas barcas.

Hai algún tempo atopei este poema de Valentín Lamas Carvajal, moi gracioso e que aquí, cun sorriso vos deixo.

DEVOCION….. POR COMENENCIA

A D. Arturo Vazquez Nuñez.

Señor San Amaro d’Oira
feito de pau d’amieire,
hirmao d’as miñas chanquiñas
criado n-o meu lameiro.

Preto d’ a ponte d’ Ourense
está San Amaro d’ Oira,
lugar que ten unha ermida
branca, y-unhas brancas chouzas,
a veira d’ o craro Miño
e d’ us amïeiros â sombra.
Un devoto como hay moitos
que rezan si lles ten conta,
ô seu señor San Amaro
que hay n-aquela ermida d’Oira,
falóulle d’ esta maneira,
segun dicen vellas crónicas.

Señor San Amaro d’ Oira,
á axustarche as contas veño,
que non por ti seres santo
y-eu ninguen, como labrego,
éiche de pasar a bulra
sin que non faga o meu xénio.
Pedinche unha cativez
inda non fai moito tempo,
pedinche que lle pediras
a Dios, que ganase o preito
que c’ o meu veciño Fuco
por teson viña sostendo,
e pra que ben me serviras,
pra que vises que non teño
costume de ser ingrato,
e que non son cativeiro,
púxenche diante duas velas
acesas, faléille ô crego,
e mandei que che tivesen
unha misa con gaiteiro.


¡Todo me custou bôs cartos!
(alá por us catro pesos,
que batin en catro rodas
como soles ô santeiro.)
Tamen che recei a maores
(vaya, non mintas, Lourenzo)
unhas cinco centas salves
y-outros tantos padre-nuestros:
¡cómo si tal cousa! nada,
todo foy nin mais, nin menos,
que votarlle millo á páxaros
e pidirlle pan ô vento.
‘O xuzgado pasei onte
pra enteirarme d’ o meu preito,
vinme c’ o Menistro, fumos
ámbos a votar un neto,
¡e cal non foy meu asombro
cando estabámos bebendo
e me dixo, (pero baixo
palabra de xuramento)
que o señor Xuez fallára
contra min, e que perdendo
saíra o preito con costas
por non ter ningun direito!
Contéille o caso d’ as velas,
o d’ a misa con gaiteiro,
e sin quitarlle nin porlle,
canto me pasou, contéillo.
O Menistro qu’ en nagocios
de xusticia non é lerdo,
confesóume que surtia
n-as cuestios millor efeuto
deixarse ver c’ o escribano
que andarse c’ os santos vendo:
¡e ten razon que lle sobra,
deprocatéime hoxe d’ elo!
¿En que xuncras eu pensaba
pra pedirche valemento,
pra gastar os meus cartiños
en facerche algús ouséquios,
s’ eres San Amaro d’ Oira
feito de pau d’ amieiro,
un santo com’ outros tantos
que non teñen valemento
e que abofellas, crariño,
non sei com’ estás n-o ceo?
A devocion que che tiven
pagachesma ven con esto:
¡andar con velas e misas,
pra sair perdendo o preito!
¡ora! mais che me valera
precurar os amieiros
qu
e n-o lameiro d’ as Laxes
â veira d’ o Miño teño,
pois entón como ti, santos
poidera mandar facelos,
¡vamos! anque s’ estragase
moita madeira, por centos;
pois, siñor San Amariño
mais que non ch’ o leve o xénio,
eiche dicir pra vengarme
que d’ ese pau eres feito,
qu’ eres hirmau d’ as chanquiñas
que postas n-os pes eu levo,
e que fuches San Amaro
criado n-o meu lameiro.

 

MANUEL ÁLVAREZ TORNEIRO

O pasado mes de outubro, por encargo da revista Tempos Novos, entrevistei a Manuel Álvarez Torneiro, aos poucos días de recibir a nova de que lle fora outorgado o premio Nacional de Poesía do ano 2013, polo libro Os ángulos da brasa. 

A entrevista sae publicada no número de decembro, que chega aos quioscos estes días de primeiro de decembro. Ata agora considerei que debía manter silencio con respecto a ela, xa que a exclusiva ou primicia tiña que ser da revista, pero agora, unha vez publicada, quero compartila con todos vós, así que aí vai. As fotografías da entrevista en Tempos Novos son de Carlos Paz, estas pertencen ao arquivo de Maribel Longueira. 

Manuel Álvarez Torneiro (A Coruña, 1932) vén de recibir, o día 7 de outubro, o premio Nacional de poesía, polo libro Os ángulos da brasa, publicado no ano 2012 por factoría K, na colección Tambo que dirixe Luís Rei Núñez.

Torneiro publicou o seu primeiro libro, Memoria dun silencio, en 1982, cumpridos os cincuenta anos. Nun principio, alternou libros e galego e en castelán. A partir de Fértil corpo do soño, escribiu e publicou unicamente en galego.

Nestes anos atesourou premios como o Esquío (1985 e 1994), Miguel González Garcés (1992, 1998 e 1994) e da Crítica (1999). Os ángulos da brasa mereceu antes do Premio Nacional, os da Crítica Española, Ánxel Casal da Asociación Galega de Editores e o de mellor libro de poesía do ano 2012 que concede a Asociación Galega de Escritores.

É doado velo tomando café e paseando polas tardes, co seu amigo e compañeiro de redacción no xornalLa Vozde Galicia, o escritor e académico Xosé Fernández Ferreiro.

Para esta entrevista citámonos nun café na praza de Catro Camiños da Coruña, moi preto do edificio que foi sede do xornal onde el e Fernández Ferreiro traballaron durante moitos anos. A través das fiestras véxoo vir pola beirarrúa. Vén con paso lento, demorado, tranquilo na luz da tarde. Vén ao encontro con paso de verso.

P.- Manuel, xa cho dixen varias veces, pero nunca está de máis celebrar: Felicidades polo premio!

R.- Grazas, pero isto foi un tsunami, algo inesperado do que aínda non me recuperei. Ata o día 7 eu era feliz e agora non o son tanto. Eu pensei que o premio sería cousa de dúas entrevistas, unhas fotografías e saír un par de veces por televisión, pero isto superoume. Hai días nos que non teño tempo para xantar e tamén me alterou o sono.

P.- Dentro dun par de meses verás as cousas doutro xeito. Manuel, recibes este premio polo libro Os ángulos da brasa, pero a min dáme a sensación de que, dalgún xeito, recoñece unha traxectoria, o conxunto da túa obra, coherente e dunha calidade poética innegable…

R.- Pero iso non o sabía o xurado, algún si, pero non todos. O libro non é nada novo no conxunto da miña obra. Xa dixen que non é o libro meu que máis me gusta. Non sei cal escollería de entre os 16 que van publicados. Tería que lelos devagar e facer unha escolma . O resultado sería o libro que máis me gustase. Agora si, eu non boto un libro adiante ata que non sinto que ten un valor superior sobre os demais.

P.- Imos ao principio. Logo de estudar, traballas como dependente…

R.- Si, traballo nunha farmacia, dende os 14 ou 15 anos, ata os 18. Logo vou ao servizo militar. Regreso e ao pouco tempo xa empezo a traballar enLa Vozde Galicia. Eu colaboraba coa Voz, mandáballes comentarios de libros. Un día chamoume o director, Francisco Pillado. Daquela íante buscar para traballar. Citoume unha tarde no despacho. Cheguei, senteime e díxome: Queres traballar con nós?. Onde hai que asinar?, pregunteille. En ningún sitio, mañá empezas, respondeu. Foron 25 anos, traballando como xornalista de mesa, que eu pouco saín á rúa -afirma, aínda que si lembra que foi un dos redactores que cubriu a información do incendio no Pazo de Meirás-.

P.- Que opinión che merece o xornalismo actual?

R.- Paréceme que antes había outro sentido dos valores. Hoxe todos falamos de xornalismo independente, pero independencia non hai moita, prima o banal, se cadra por influencia da televisión, e tamén están as directrices ideolóxicas, dos grupos económicos…

P.- Daquel tempo da farmacia e dos primeiro pasos no xornalismo, son as noites de bohemia, os grupos Amencer ou Atlántida, a relación con Urbano Lugrís e, sobre todo, a amizade con Antón Avilés de Taramancos, tan importante na túa vida e na túa obra…

R.- Si. Antón era un home sorprendente pola súa sabedoría poética. Nacera coa poesía aprendida. Lembro o día en que chegou á casa de Pepe Guillén, o presidente do grupo Amencer e dixo: Eu son poeta e veño de Noia e se queredes léovos algún poema. Era un rapaz, con  pantalóns bombachos e mirámolo con escepticismo. Sacou do peto uns papeis engurrados e principiou a ler. Pensamos que o que lía non era del pero, afortunadamente, si o era.

Non eramos asiduos. O seu grande amigo das tascas e aventuras era Urbano Lugrís. Xuntos viviron a bohemia e a penuria. Pero entre Antón e eu había un nexo, unha simpatía. Conectabamos moi ben e, pola noite, logo dos vasos e das cuncas, parabamos no portal da miña casa e líame poemas. En Noia asistín á creación de As torres no ar. Escribía na súa tasca, nunha mesa que tiña e non o distraía o ruído do bar. Tiña a paisaxe e a aldea metidas no corpo. Vivía moito o mundo labrego e mariñeiro. Falando con el sentías o mar. Sempre dixo que as tascas foran para el a universidade da vida.

P.- Tamén Miguel González Garcés tivo un papel na túa vida…

R.- Eu admirábao a el e a súa familia extraordinaria: Elvira, a súa muller, Laura, Carlos e Alberto os fillos. Elvira facía unhas tortillas deliciosas nas tardes dos domingos na casa do Portazgo, onde eu ía con frecuencia. Sentíame aceptado e como da familia, prendido da súa humanidade. González Garcés e eu liámonos cousas, poemas dalgún libro no que estabamos a traballar. Eu visitábao no xardín de San Carlos, onde estaba a biblioteca que dirixía e onde vivía. Prestábame libros e exerceu o labor de mestre. Eran épocas difíciles, sen posibilidade de acceder a libros que che interesaban. Viviamos na penuria cultural. Por el accedín a Neruda, a quen era pouco menos que imposible atopar nas librarías, el tiña varios libros e prestoumos.

P.- Hai moitas referencias literarias na túa obra: Neruda, César Vallejo, Aleixandre, Hölderlin, Valente, Ferrín… xa Concepción Delgado Corral, fai referencia disto polo miúdo no limiar de Os reinos do fulgor.

R.- Neruda, Octavio Paz e César Vallejo forman unha triloxía que a min me conmoveu de maneira especial. Residencia en la tierra de Neruda sacoume o chupete. Vallejo resulta indescritible, ás veces. Lin os clásicos: Quevedo, Góngora e os anteriores, Vixilio, Ovidio. Tamén os clásicos contemporáneos: Aleixandre, Cernuda, Dámaso Alonso, Luís Rosales e toda a xeración dos 50 que me enriqueceron e aos que sigo lendo. Pero a nómina é enorme.

P.- O primeiro libro que publicas é Memoria dun silencio, con cincuenta anos, es pois un escritor serodio… O de agardar, foi decisión voluntaria ou circunstancial? Como levabas ese tempo no que escribías, pero no que non mantiñas aínda relación co lector…

R.- Eu era moi esixente comigo mesmo. Unha esixencia de tipo crítico. Tiña que estar convencido de que o que escribía era bo. Pensei que ese libro xa non era tan malo e accedín a publicalo. O certo é que tivo moita repercusión -en 1984 Memoria dun silencio, é candidato ao Premio Nacional de poesía-. Ferrín no seu libro De Pondal a Novoneyra fala del con eloxios desmedidos.

O de non publicar non me preocupaba moito. Eu escribía e reescribía, esa era a miña preocupación. A poesía faise coa cabeza, hai moito laboratorio detrás. Os sentimentos, ás veces, aínda sendo certos e fermosos, prexudican o poema. Fai mellor a descrición dun incendio un poeta que o bombeiro que loita contra el.   

P.- Empezaches escribindo en galego e castelán a un tempo. Con Fértil corpo de soño prodúcese a decantación definitiva polo galego, opción que, ao meu ver, leva implícito unha transformación na túa poética que, sen perder o ton humano, existencial, pasa do individual a ser un dicir comunal, como se a lingua levase implícita a modificación do discurso, como se este se integrase nunha colectividade de seres presentes e ausentes que fan do poeta o que é…

R.- Iso é certo. A lingua… Eu tiña que dicir cousas do meu mundo rural que me afectaran moito, falar das xentes, dos traballos, dos sacrificios da vida, e iso só podía dicilo en galego.

P.- Nacido na cidade, pero sempre a memoria da urbe, da música, do cine (ese poema que tanto me gusta Tardes de Ingrid Bergman), convivindo coa memoria da aldea… Cal é esa aldea?

R.- Pousada de Arriba, por riba de Sobrado dos Monxes. Hai Pousada de Arriba e de Abaixo. De neno, e aínda de mozo, ía alí coa miña madriña a pasar os veráns, os meses de agosto e setembro. Vía traballar a xente, o esforzo case brutal e iso facíame pensar. Regresaba á cidade e comparaba a vida urbana coa que viña de ver na aldea. Nela coñecín e aprendín, tamén, o valor da paisaxe que se che mete polos ollos e, tamén, a coñecer o ser humano.

P.- A túa é unha poesía de afectos, na que a referencia á muller é esencial: María, Amalia, Manuela, Celsa, Dorinda… e sobre todo, Carmen, esa invocación constante en toda a túa obra e que calquera lector que se achegue de novas aos teus libros vai atopar en tantos, esa emoción que non decae. Para ese lector, podes explicar quen é Carmen?

R.- Carmen non é familia de sangue, pero débolle moito apoio, axuda, comprensión. O que sinto por ela é un amor de agradecemento. Por ela e polo seu home. Coñecinos cando tiña 15 anos e, dende entón, vivo con eles. É a miña familia, aínda que non o sexa de sangue. Unha relación que dura, sólida, tamén cos seus fillos. É un caso especial.

P.- Case todos os teus libros lle están dedicados, agás Epicentro, dedicado a Teresa Seara.

R.- O de Teresa tamén ten a súa razón de ser. Apoioume sempre moito. Ela é unha constante na miña creación. Prestoume libros, levoume a recitais que organizaba, escribiu críticas, limiares. Pensei que lle debía algo máis ca un café e dediqueille ese libro.

P.- Consideras á muller, a figura feminina como sostén da memoria?

R.- Sí, é indiscutible. A muller é o sostén da tribo. Eu dixen sempre que a Galicia fixérona a muller e a vaca

P.- Poesía de afectos, de presenzas, de amor, pero tamén de ausencias, en particular Pilar, a nai de case nunca…

R.- Morreu con 24 anos, tísica. Eu tiña tres. Non a coñecín. Sei dela moi vagamente polo que me contaron. Non conservo imaxe na memoria, nin fotos. Unha ausencia brutal. Escribín moito sobre o que doe a ausencia e o que imaxinas que puido ser. Ás veces penso que debería escribir máis sobre ela.

P.- O elevado ton lírico dos teus versos non impide, nin oculta, un inquebrantable compromiso coa xustiza e coa memoria histórica. Neste Os ángulos da brasa están, por exemplo, poemas como Paredes (mortos arreo e con todo posto/ nunha hora antes das primeiras luces) Aquí (maldigo en sombra e cuspo/ enriba da diadema da vitoria) ou algún no que falas dese espolio inxusto dos desafiuzamentos…

R.- Eu era mozo e escoitaba as historias terribles dos paseos, do franquismo. Sabes iso e recibes unha impresión tan enorme que penetra, afecta e rabuña tanto que queda para sempre. Perdemos a guerra e perdemos a posguerra. E claro, foron 40 anos con iso e ves como viviron tantos, que iso remata tendo un reflexo na poesía. Ao mínimo descoido aparece e eu non o rexeito. Alguén pode dicir que Torneiro anda coa poesía social e a min non me importa e, cando me peta, volvo a ese tema que foi duro e canalla. Agora, tes que darlle un acento lírico, non é unha mensaxe sen máis, é poesía.

P.- Na túa obra a música ten un valor esencial, non só por ser referencia permanente, creo que poderíamos facer unha nómina completa de compositores clásicos, pero tamén está o jazz (Coltrane), o tango, e de instrumentos, pero o importante é ese ritmo perfecto, a música interna do poema…

R.- A música acompañoume moito. Eu non escribo acompañado de música, pero escoitei moita música A música é a arte das artes. Quixera ser músico e saber tocar o violín, como quixera ser pintor. En realidade somos soños incumpridos. A música do poema vén de dentro. Aprendín en autores que tiñan nos seus poemas moita música, ás veces lelos é como escoitar unha sinfonía. Pero a música non é unha obsesión. O poema nace cun ritmo interno que logo se desenvolve e vaite levando a escribilo enteiro ou unha gran parte. Non teñen porque ser versos medidos a propósito, non. É coma un río que pasa, unha melodía, un ton.

P.- Falando de música, en Setembro Stradivarius lemos un verso no que dis que somos dun país condenado ao imposible…

R.- Si, somos así. Quizais porque somos un país que soñou demasiado e non todos os soños son posibles. Pero iso si, o día que non soñemos estaremos mortos. O soño é o que queda, o que ninguén nos pode quitar.

P.- Outra cousa que me fascina da túa poesía, tan limpa e brillante, tan melódica e fondamente humana, é o emprego dos adxectivos, un uso leve e sorprendente pero que amplía e transforma os significados sen que nos decatemos de que están aí (felpa fusilada, mel lento, noite cereal).

R.- Iso vén de Neruda. Emprego unha linguaxe que me aproxima moito a el. El era un mago que escribía esas cousas como se non sucedese nada. Lelo tanto foi como fertilizar un campo que agora dá froitos.

P.- A alegría de vivir e a nostalxia das perdas, a memoria, son elementos permanentes nos teus libros, nos teus poemas. A memoria camiña connosco levándonos da man coma se fósemos nenos… nese verso están eses elementos: a infancia, a man querida que nos guía e protexe, a lembranza…

R.- A memoria é a miña intendencia, o que me alimenta. Hai xente que escribe e que non ten pasado. A min gústame que digan: mira Torneiro, viviu e ten pasado. A memoria é o que son e espero que non se me vaia a alma.

P.- A palabra “brasa” co mesmo significado de vida, xuventude, destino, co que aparece agora neste Os ángulos da brasa, xa aparecía nun verso do primeiro poema de Desnudo en barro, e reaparece en Setembro Stradivaius.

R.- Brasa é palabra fundamental. Vale para prender e quentar, aínda que tamén queima e abrasa, pero é algo vivo sempre, ese é o valor que lle dou a esa palabra.

P.- Nun poema de Luz de facer memoria, de 1999, falas dun tempo durísimo… é así este tempo?

R.- Durísimo, si. Segue sendo inxustamente duro. Vivimos nunha sociedade canalla, civilizadamente desalmada. Están matando os valores. Poñen por diante a derrota, a desolación, o fracaso, fan que nos sintamos pequenos e humillados, continuamente. Matan a vida en favor do mundo e iso non debe ser así. A vida é unha cousa e o mundo é outra. A vida dáse no mundo, claro, pero non son o mesmo.

P.- Entregarse ao dominio do silencio… quizais o máis necesario logo destas semanas de vertixe, nas que semella que non es dono de ti… porén, ti tes obra escrita, pendente de publicación…

R.- Si, hoxe mesmo rematei un novo libro e chamáronme agora da editorial Visor para publicar Os ángulos da brasa en edición bilingüe galego castelán. Antes había que buscar editor, agora virán buscar os libros á casa.

P.- O grande amigo Xosé Fernández Ferreiro, de onte e de hoxe, amigo común que compartimos, rematamos con el esta conversa?.

R.- Amigo de case toda a vida. É difícil pensar que existiu vida antes de Pepe. A nosa é unha relación fermosa. Traballamos xuntos no xornal e agora vémonos cada día. Alegrouse co premio máis ca min. Estaba vibrante e exaltado.

Vén a noite. Marcha con présa, aínda ten que ir á aldea. Quedamos para vérmonos con Fernández Ferreiro, tomar café no lugar habitual, falar de todo e pasear polas rúas da cidade.

 

SOBOL: novo libro de CARLOS ARIAS

Carlos Arias, compañeiro deste blog, no que tantos comentarios deixa, e amigo entrañable, vén de publicar en edición dixital o seu último libro de poemas Sobol, dentro da colección de libros dixitais de Sermos Galiza.

Non é este o seu primeiro libro de versos, xa antes, na editorial Bubela, publicara Dor da claridade. Tamén e autor de relatos e novelas: O barco de seixo, Libro das capitulacións de Xulio Corveira Andrade ou Ríos que se abrazan. Autor dunha biografía de Eugenio Granell, seu foi o primeiro manual de xadrez escrito en galego.

Para min Sobol é un libro equilibrado e fermoso, un canto de amor escrito dende a plenitude de que aprendeu a vivir intensamente, prescindindo, absolutamente, das interferencias exteriores. Un libro cálido, xa dende o primeiro verso: No medio da mañá o tempo nos abraza.

É o propio Carlos quen explica o título e nos aproxima ao libro: Creo que se ve doadamente que se trata de ‘lobos’ escrito do revés. Vexo o lobo como un animal que avanza en calquera circunstancia, en solitario ou na manda, cunha mirada decidida cara ao futuro, e cos pés ben enraizados na terra. A inversión das letras responde a unha idea especular: entendo que estes lobos corresponden a un mundo ideal, coa súa simboloxía, que se desenvolve virtualmente no espello, á espera de que saibamos crear o vencello para que entren en acción consciente sobre a realidade que vivimos.

Os versos, limpos e cheos de vida, flúen como as augas, poema tras poema, nos que Carlos vai compartindo experiencias e enfiando propostas, como podemos ler nesta estrofa do poema V, que tan a xeito nos vén, non só por cuestións de calendario:

Hei prender as candeas do Aninovo;
hei achegarme lentamente ao peitoril onde a merla
deixou na noite a súa pisada sobre a neve.
Non me trouxo historia ningunha a este planeta,
senón o designio compartido de navegar a escuridade
e percibir a sombra da frecha baixo a auga
para adiantar os pasos, sen saber
se máis alá o abismo se repite.

En todo o libro alenta un ton clásico, dito no sentido máis positivo da expresión: o que prevalece e perdura. Algúns poemas semellan himnos á vida, outros convídannos a beber do máis cotián, pois a ese tempo pertence o máis importante do noso vivir: só aspiro ao té quente da mañá, compartido no aroma vagadío de fogar habitado.

O ser humano Carlos leva tempo prescindindo do que considera inútil, sexan propiedades, lastres ou ruído. Coma el, tamén o verso prescinde do innecesario. Pasa coa súa poesía como dicía Auden que acontecía cos versos de Kavafis (poeta que Carlos recoñece como importante): que nos revelan o dicir dunha persoa que posúe unha perspectiva única do universo, poesía sen adornos, cun dicir directo, na que en cada verso hai un propósito, unha proposición, un acontecemento ou unha emoción.

XXI

Un novo outono chega nos días cálidos de setembro.
A materia sinala a súa verdadeira esencia, a luz
vólvese halo nas copas quietas dos caxigos distantes.
Ouzo a pena por baixo do cachón, o murmurio secreto
que responde a quietude do illó, e comprendo
o baleiro que se agocha debaixo dos conceptos,
privados daquel seu empaque espurio, da doma
que creu someter ao seu presebe
os degorios sen lei
que nutrían os eidos dos sentidos.
De nada vale acadar a felicidade
para quen teme a plenitude; de pouco
serve unha fermosa lembranza
sen presente onde a engastarmos.

 

Non hai outra beira no meu camiño, non teño
un paso atrás que me libere de visitar as sentinas,
de recoller o refugallo e deixar as miñas forzas
extenuarse para chegar, outra vez, ao pé da escadaría.
Un círculo e outro círculo; ningún semellante.
Só a sensación de comezar de novo o trazo,
de ter no pulso a incerteza colleitada,
e gañar só na confianza
de ir máis adiante.

 

Deixo tamén o enlace á entrevista publicada por Sermos Galiza:

http://www.sermosgaliza.com/articulo/cultura/carlos-arias-sobol-aposta-pola-liberdade-poesia/20131217122831022434.html