ELENA PONIATOWSKA

Un día Doris Lessing, dous despois Elena Poniatowska, a morte e a vida, oscilando sempre. A alegría que sentimos nesta casa polo premio outorgado hoxe a Elena, é moi grande. Ela é persoa moi querida para nós. Con ela pasamos días fermosos, en Galicia e en México.

Hai pouco, un serán, collín o autobús para a casa na praza de Vigo. Sentei á beira dun home que sostiña na man unha bolsa da FNAC. Cando o bus se puxo en marcha, sacou de dentro un libro. Era Leonora, de Elena. Observei como o folleaba e como se detiña de cando en vez para ler unha frase ou un parágrafo. Emocionoume a súa emoción e díxenlle que a coñecía. Preguntoume se mantiña contacto con ela e respondinlle que si, por correo electrónico. Pediume entón que lle dixera, de parte dun lector coruñés, que moito lle agradecía os seus libros. En canto cheguei á casa transmitín a mensaxe, aos poucos días recibía un correo dela no que informaba que os médicos lle prohibían manter correspondencia e participar en actos, pero non deixar de escribir. Cousas do corazón.

Como celebración e homenaxe, engado aquí o artigo que escribín no regreso da viaxe que fixemos a Fisterra. Mañá será o tempo da crónica do xantar na súa casa no DF. Na foto, Alexandre Nerium explícalle o funcionamento da rede do xeito, durante a visita que fixemos ao Centro de Interpretación da Pesca no Castelo de San Carlos en Fisterra.

CON ELENA PONIATOWSKA EN FISTERRA

Hai na literatura mulleres, en aparencia fráxiles, capaces de librar batallas que semellan imposibles, valentes na denuncia da inxustiza, comprometidas cos desfavorecidos, consecuentes ata o extremo nos seus principios, insubornables, que nos fan tremer cos seus libros e tamén coa súa voz, co seu discurso coherente e limpo no que as palabras brillan no seu significado orixinal, sen manipulación e sen engano, coma rosas ou papoulas nun campo ermo. Penso en Nadine Gordimer, premio nobel sudafricana, capaz de desentrañar os paradoxos que condicionan a moral do mundo e advertir o engano que habitamos, ou en Elena Poniatowska, a escritora mexicana que tivemos a sorte de recibir en Galicia estes días pasados, convidada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), que quixo recoñecer a súa literatura e o seu compromiso, coa concesión do premio de Escritora Galega Universal. 

Nacida en París pero residente en México dende nova, sabiamos da súa obra, de como a súa escrita se puxo sempre do lado dos excluídos, narrando a traxedia, denunciando o abandono, combatendo a corrupción; literatura construída cun estilo persoal no que a crónica dos feitos narrada a través de centos de perspectivas diferentes ofrece a riqueza das olladas múltiples e constrúe un todo que se alimenta da diversidade, exactamente como a vida. Falo de libros como a Noche de Tlatelolco ou Nada Nadie –las voces del temblor-, o primeiro sobre a represión do movemento estudantil polo exército e a policía en 1968 no Zócalo da capital, tamén denominada Praza das Tres Culturas; o segundo unha enorme crónica da traxedia que provocou no Distrito Federal o terremoto dos días 19 e 20 de setembro de 1985 e da corrupción que a catástrofe desenmascarou.

O pasado sábado tivemos a sorte e o privilexio de guiala nunha visita a Fisterra, excursión na que tamén participou o seu fillo Felipe, compañeiro habitual nas súas viaxes polo mundo.

A primeira parada do itinerario foi o dolmen da Pedra da Arca en Baíñas, por lles ofrecer unha mostra da cultura megalítica que nunca antes viran. Preparaban os tractores os campos para a sementeira do millo e observando a terra aberta e húmida, Elena, afeita a outras paisaxes, advertíanos sobre a condición fértil do eidos, afirmando que vendo esa terra tan negra daba gaña de comela, e dicíao ela, que sabe do sabor do po e dos cascallos –concreto lle din alá-, por ter percorrido os lugares da traxedia cando o terremoto, ela que falou entón dos “dentes de extraer o amor, dentes nos que reflicten as chispas luminosas do día”, dentes que comían a pedra e o cemento abrindo toupeiras polas que chegar ata os vivos e ata os mortos.

En Fisterra agardaba por nós ese cabaleiro do mar que é Alexandre Nerium, poeta que amosa o pequeno museo da pesca que alberga o castelo de San Carlos. Conta Alexandre con tanto amor as técnicas da pesca do seu mar, explica con tanta claridade as expresións mariñeiras: augas tintas, encarnar, xeito ou ardentía, que o seu dicir vén sendo coma un longo poema, cadencioso e rítmico. Así o percibiu Elena, que anotaba conceptos coma bourel, corno da brétema, deriva ou encascado. “¿Como se llaman las cajitas de red y de madera con que pescan el pulpo?” Preguntou na hora do xantar, anotando “nasa” no seu caderno vermello.

“Fisterra, el fin del mundo” repetía observando o horizonte dende o promontorio do cabo. Conteille que alí estivera Borges, xa cego, que percibiu a grandeza e a dimensión daquel espazo polo baleiro que intuíu no aire, segundo conta María Esther Vázquez, a súa compañeira naquel periplo por Galicia. Porén, advertimos axiña que Elena conmóvese máis coas cousas pequenas e cotiáns que co mito e coa inmensidade. Se queren axudar planten unha flor, escribiu algunha vez, reparando agora en canta flor se lle ofrecía e, malia a nosa explicación de que non é así todo o ano, de que temos outono de cores e inverno de sombras pero sen floración, chegou á conclusión de que Galicia é un país de flores. Quizais por iso, aos escritores que traducimos os seus relatos recollidos no libro A filla do filósofo, publicado pola editorial Galaxia, nos deixou unha nota na que di: “En México todo vai mal e vostedes agasalláronme unha semana que é unha tregua, un espazo branco e luminoso no túnel, unha magnolia ou unha camelia desas que se alcanzan coa man e que eu vexo tan afastadas…”. Galicia un país de flores, unha metáfora, non estaría mal convencérmonos desa posibilidade.

 

 

 

 

4 reflexións sobre “ELENA PONIATOWSKA

    • Grazas a ti, Carmen. Si, a min fascíname esa aparente fraxilidade de Elena, que se transforma en firmeza en canto fala da inxustiza, da corrupción e do abuso de poder. Ela e Monsiváis loitaron moito xuntos contra todo iso en México. Algo de Monsiváis falarei no artigo de mañá. Bicos

  1. Pingback: As crebas » Discurso de Elena Poniatowska, Premio Cervantes 2014: «Soy la escritora de los andariegos comunes»

Os comentarios están pechados.