NO RONCAR DAS ONDAS

O ano pasado, o fotógrafo Xacobe Meléndrez Fassbender, publicaba o libro Berrros no roncar das ondas, inspirado, segundo el mesmo expresa na páxina inicial, nos versos de Bernardino Graña, poeta galego do mar. Ese libro era o resultado dunha exposición anterior na que, sobre grandes lenzos, as imaxes mariñas e submariñas de Xacobe, dialogaban cos versos de Bernardino. A exposición, feita para ser amosada nas rúas e prazas do país, formou parte a programación cultural do Encontro de embarcacións tradicionais que tivo lugar en Carril no ano 2011 e, posteriormente, percorreu moitos lugares de Galicia.

Imaxe de Berros no roncar das ondas

Imaxe de Berros no roncar das ondas

Agora, Xacobe vén de facer público este vídeo E o ceo virou branco, no que é posible recoñecer algunhas das paisaxes de entón. A peza foi realizada para a semana de danza de Lugo deste ano. A música que o acompaña foi composta por Steve Reich para Mallet Instruments. Esta é a relación de músicos que a interpretaron, baixo a dirección de Diego Ventoso: Pepe evangelista – guitarra eléctrica; Daría del Amo – oboe; Iván Martínez – clarinete baixo; José Ramón Saborido – clarinete; Alejandro Troya – saxofón soprano; Jorge Alves e Juan Ignacio Martínez – teclados; Javier Angel Gómez e Marco Mendoza – lira; Ismael Moeda, Yeray Pita, Xacobe Roca e David travieso – marimba; Pablo del Valle e Deigo Ventoso – vibráfono; Andrea Buján, Mónica García e Esperanza Iglesias – voces.

Formidable ese bucle que vincula o principio e o final do vídeo, as escumas e o ceo, que vira nun branco de inocencia e de esperanza.

E o ceo virou branco from NoTobo do Raposo on Vimeo.

MARÍA INÉS CUADRADO E A SÚA ESCOLA DE PALABRAS

Por vocación e paixón María Inés Cuadrado é, fundamentalmente, actriz. Foi ela quen escolleu un texto meu Non se che faga tarde, para levar a escena. Ese monólogo, que ten por protagonista a Olga, unha muller que é quen de inventar o amor, dirixido por Manane Rodríguez, foi representado moitas veces, aquí e no outro lado do Atlántico, tanto en Bos Aries coma en Montevideo. A compañía de María Inés tiña e ten un nome ben significativo: A xente das palabras.

A posta en escena máis recente foi esa colección de voces e rexistros cos que interpretaba a Opereta para voz narrada e cuarteto de clarinetes  A Berenguela, seguindo o texto de Manuel Maria, con música de Nani Garcia, ao que pertence este vídeo.

Agora que as cousas se poñen difíciles, que a profesión teatral e a cultura en xeral atravesan unha situación precaria á que nunca pensamos regresar, María Inés, como boa porteña, é quen de se reinventar, de lle plantar cara á situación, de manter o vínculo co que sempre foi seu oficio: a interpretación e a palabra. Non é doado montar un espectáculo e atopar escenarios, pero si é posible transmitir os coñecementos que un atesoura, transmitir o esencial do dominio e uso do corpo e da voz, coñecemento dun mesmo por medio de técnicas interpretativas que poder ser útiles a calquera, falemos de executivos que debe falar en público, de profesorado, de guías de turismo, oficiantes relixiosos, líderes políticos…

 

Pero ademais, ela descubriu no seu propio corpo o valor terapéutico e curador da palabra e da música. Música e poesía, fornecemento do noso interior para mellor enfrontar as situacións difíciles que nos presenta a vida.

Eses son os eixos da súa nova e última iniciativa: Artes escénicas para o desenvolvemento persoal. Dende aquí, eu ofrézome como colaborador e aprendiz nese proxecto ao que de corazón desexo sorte.

Como a imaxe vai cativa, engado a información por se alguén está interesado: www.micuadrado.com

Contactos en: 699288861 ou micuadrado@yahoo.es

ORKNEY AND THE SEA

Estes día iniciei a aventura de ler o libro de Rafael Argullol: Visión desde el fondo del mar. Periplo de 1.212 páxinas, singradura que terá os seus descansos e as súas demoras, xa que son outros os libros que me chaman, que agardan e que chegan, pero confío en ir aos poucos, navegando polas súas páxinas durante os vindeiros meses.

Un libro é, sobre todo, un diálogo entre autor e lector e este non sempre ten porque coincidir co que o autor informa ou declara. Velaí a razón deste apunte, proposta dun lector activo. Na páxina 19, Argullol describe unha viaxe a Escocia, onde logo de visitar o lago Ness, decide navegar ata as illas Orcadas. Conta que os habitantes das illas eran “amables e pacíficos”, pero considera que o único entretemento alí era agardar a hora na que sentar no pub e escoitar os chíos das gaivotas. No regreso pregúntase que o levou ata o lugar máis monótono que poida concibirse.

Eu viaxei ás illas Orkney en 2009. É certo que non ía só, que a viaxe formaba parte dun intercambio do proxecto Fishernet, que eramos oito os galegos da expedición e que alí nos atopamos coas outras persoas que participaban no proxecto: amigos de Islandia, Noruega, Chipre e Bulgaria e, por suposto, con Gareth e Alison, anfitrións entrañables.

Será que os intereses de cada quen son diferentes, pero en min a lembranza dos días que pasamos alí segue alumeando un espazo interior onde prenderon o afecto e a alegría por coñecer un lugar tan especial. Os habitantes das illas son, efectivamente, amables e pacíficos, pero tamén acolledores e a xeografía ten e grandeza do Atlántico Norte e a intimidade do pequeno e da tribo. Era xaneiro, tempo de frío, e fascinoume a presenza dos cisnes, dos éideres, das focas que vivían nos portos, dos gansos que cubrían os campos. Tamén a descuberta dunha cultura mariñeira semellante á nosa, con manifestacións tan fermosas como unha canción Partans in his Creelque fala do reparto do quiñón e que soa ao final deste vídeo no que tantas cousas nos resultan familiares:

Stromnes

Stromnes

O noso lugar de residencia principal foi Stromnes, pequena vila de pescadores, con pouco máis de dous mil habitantes, pero con dous museos, un de arte contemporánea e outro do mar, os dous activos, contemporáneo nas formas, nos contidos e na programación o primeiro, máis clásico pero cálido o segundo. As estreitas rúas da vila desembocaban no mar e as fachadas dalgunhas casas adornábanse con osos de cetáceos.

Impresionounos Skara Brae, lugar arqueolóxico moi coidado, situado na beiramar e exemplo de posta en valor do patrimonio. É este un asentamento neolítico, din que o mellor e mellor conservado de Europa, habitado arredor do terceiro milenio A.C. e hoxe declarado Patrimonio da Humanidade. Tamén tivemos ocasión de ver o Anel de Brodgar, un impresionante cromlech.

En Kirwall, a capital do arquipélago, visitamos a catedral de St. Magnus, de 1137. Ademais, puidemos visitar a destilería de Highland Park, onde fan un whisky de malta moi valorado polos iniciados, aínda que eu merquei unha botella de Scapa, feito na illa de Scapa Flow, coñecido porque alí fundiu Alemaña a súa flota na I Guerra Mundial. As fotografías foron tomadas por Lino Lema.

Skara Brae

Skara Brae

SAN MARTIÑO DE PAZO

Hoxe viaxei ata as terras de Allariz, ao enterro da miña tía Choncha. Cheguei ao mediodía, con calor. Logo do tempo no tanatorio, desprazámonos ata San Martiño de Pazo, a parroquia á que pertence Amiedoso, a aldea da que era ela. Son estas paisaxes moi queridas para min. Meu pai era de Magarelos, en San Torcado, a parroquia seguinte, continuando pola estrada que vai a Celanova. Amiedoso, Magarelos, As Quintas, son nomes que ecoan na memoria. Son moitas as lembranzas que me unen a este territorio, unhas de nenez, outras recentes, de cando xoguei a ser apicultor, primeiro cos amigos Tito e Fidel e o meu curmán Juan, logo co meu pai. Da infancia lembro en particular o ouveo do lobo, un verán no que fomos retellar a casa da avoa, aproveitando a vacación do meu tío Luís, o home de Choncha, os dous emigrantes en Francia. Lembro tamén a visión fugaz dunha loba, á beira do Arnoia e os tritóns, na fonte que había diante da reitoral de San Torcado e digo loba non por ser eu quen de identificarlle o sexo á sombra de animal que só entrevín, senón polo que dixo meu pai.

Porta lateral

Porta lateral

A igrexa de San Martiño de Pazo queda situada nun lugar alto. Dende ela vese todo o val de Allariz, pechado ao fondo e cara o leste pola serra de San Mamede. Sobre o outeiro do que foi castelo, ondea a bandeira do país. Intúese, contra o horizonte polo norte, o que penso pode ser a serra do Faro. A igrexa é fermosa, sobre todo nos restos mozárabes que conserva, do século X. Foi templo dun cenobio vinculado á Celanova de San Rosendo, pero moi alterado por posteriores reformas.

Chegamos ata a igrexa ela por unha estrada que ascende entre soutos. Castiñeiros moitas veces centenarios, que dan as castañas coas que fixen os magostos dende neno. Onte percorrín a aldea de San Martiño. Recendo intenso a figueiras, aroma de verán serodio, outra nostalxia, e vin casas vellas amañadas a novas e confortables, pero tamén a evidencia do que perdemos, coma o esqueleto da cabaceira situada diante da casa reitoral.

O adro está rodeado de cruces, unhas máis antigas e outras menos. No funeral de corpo presente, os dous curas novas que oficiaron foron incapaces de pronunciar unha palabra en galego, malia o auditorio de fieis que non falan outra lingua. Se cadra, igual era bo que viñera por aquí o papa Francisco. Igual lles daba unha volta, a eles e a situación, e lles explicaba esa teoría súa sobre o papel da igrexa na sociedade, que vin escoitando na radio no regreso, declaracións publicadas hoxe e que corresponden a unha entrevista de seis horas concedida a unha revista xesuíta.

LUISA VILLALTA: PAIXÓN E COMPROMISO

O pasado venres, na capela de San Roque de Sada, vivimos unha emoción moi especial. Cumpríndose os 25 anos de vida do Instituto Isaac Díaz Pardo, alumnos e profesores quixeron desenvolver un programa de actividades singular, no que ocupa un lugar principal a figura de Luísa Villalta, que foi profesora do Instituto.

As 20,30, na capela, inaugurábase a exposición de Maribel Longueira O papagaio, a pegada dos sentidos, imaxes que dialogan cos textos que Luísa escribiu para ese traballo fotográfico de Maribel e que tamén se exhiben. Este traballo conxunto deu lugar ao libro póstumo, publicado por Laiovento, que leva o título da exposición. Momento particularmente emotivo foi a estrea do documental Luísa Villalta: paixón e compromiso, elaborado e producido por profesores e alumnos do instituto e que vai a continuación.

Seguimos botando en falta a Luísa, nove anos e medio despois do seu pasamento. Ela era voz de referencia, non só pola súa obra literaria, senón tamén pola súa capacidade de reflexión, espírito crítico e capacidade para a convivencia. Estas son as imaxes de Maribel e logo vai un poema de Luísa, que eu sinto particularmente intenso:

O PAPAGAIO/EL PAPAGAYO 

A amizade ten flor que rebenta nas paredes,
sobrevive da podremia mutua
e só precisa das fiestras abertas
onde nace e se deita o sol de dentro.
Compartir as cordas de tender a roupa
vibrantes de emoción e de necesidade
por aquelas cousas que a auga da vida
non dá lavado, pola dor que as esfrega
deteriora, volve inúteis
e entón hai que poñelas a secar
ao ar das bocas abertas, xanelas asustadas.
Non é amor no sentido estrito da palabra
senón amor de luz, esa grande indiferencia
que produce estar ao alcance
porta con porta, vida con vida,
coas cordas frouxas, destensadas
máis e máis a medida que a auga do tempo
amolece o tecido irreversíbel
destes corpos nosos, o único que somos.

MONTE PINDO

Cada sete ou oito anos, cunha regularidade precisa, arden os montes de Carnota. Un ano toca en Mallou, Maceiras e Lira, outro en Lariño e esa regularidade tamén afecta ao Monte Pindo. O último incendio foi o do ano 2005, cando o Pedregal ardeu durante varios días. Co paso do tempo e das estacións, a vexetación regresa, modificada, iso si. Cada vez é maior a presenza de eucalipto, diminúe o bosque autóctono, pérdese chan vexetal, a pedra ofrécese núa o rodeada de toxos, xestas e silveiras, e a vida, no seu conxunto, vai minguando. Nese contexto expándese o xabarín, que é praga, pero non a diversidade de especies que no seu equilibrio definen o que coñecemos como natureza.

Esta noite pasada, como correspondente destacada no lugar do suceso, Maribel, que aínda permanece en Lira, tomou estas imaxes dende a fiestra da casa. Unha corresponde a media noite, a outra ás dúas da mañá.

Este incendio puxo en perigo aldeas, afecta ás infraestruturas básicas como luz, teléfono e internet, pero tamén arrasou os lugares onde medra o carballo anano, a xoia do Monte e ao bosque de acivros, carballos, sanguiños e loureiros que acollían a vida nas valgadas. Expresión de ira e de derrota ese lume claramente provocado por alguén. Ira, mágoa e derrota o que sentimos quen amamos o Monte, o bosque, ese ou calquera outro que sucumbe calcinado.

Sei que a problemática incendiaria é variada. Seino dende que no ano 1980 participaba en Ourense naquel mítico Comité de Defensa dos Montes Galegos. Boa parte das reflexións de entón, recollidas no manifesto que o Senado asumira como propio, seguen vixentes. Nada se fixo por parte de gobernos e administracións sucesivas por cambiar a relación co bosque. Porque en Galicia, agás algúns lugares concretos, nos que non arde nunca, a relación que mantemos co bosque é de morte. O bosque é un problema, non un recurso, pero para solucionar iso son necesarias capacidade, decisión e valor, algo do que carecen as institucións que nos gobernan.

Este ano publicouse o libro Versos no Olimpo: O Monte Pindo na poesía galega, en edición da que eramos e somos responsables Miro Villar e eu. O libro quería ser unha homenaxe a ese espazo único, singular e fermoso. Versos para a vida, canción de ilusión e de esperanza na convicción de que ese Monte, recoñecido como parque natural, tal e como pide e proclama a “Asociación Monte Pindo Parque Natural”, podería xerar recursos que garantisen a súa posta en valor e a súa defensa. O libro tamén pretendía ser un recurso máis co que fornecer as arcas desta Asociación. Quen tivo ocasión de dar un paso adiante, ollou para outro lado. Moi de moda están ultimamente entre nós os rostros de perfil. Aínda que tamén poderiamos pensar que a petición de declarar parque natural o Monte, animou a man dos incendiarios, nun intento por reducir o seu valor e evitar que o Pindo acade ese grao de protección.

O primeiro poema do libro Versos no Olimpo, escrito por Marilar Aleixandre, leva por título Arde o Pindo. Quizais onte, lido en alto contra o final da tarde, puido ser coma un esconxuro, hoxe é lamento, pero aí vai, porque neses versos, supoño, que moitos de nós nos identificamos.

arde o Pindo

arden selvas e montes
arde o Cáucaso, o Osa e o Pindo
Metamorfoses, II, 224-225
nos días en que a cinza encontrou o limiar
da nosa lingua
os enxames de lagostas fuxiron
ao son da pandeirada de Nebra
as ás do deforme anxo de lume
bateron no Pindo
ardeu a pedra incombustíbel
escaravella a toupa de fogo
os seus túneles por baixo das árbores
plantadas pola man de meu pai
el volve morrer con cada árbore derrubada
eis a gadoupa do anxo esgazando a paisaxe
asinando nas mans, nas gorxas
nas casas onde non achou
as marcas do sangue
as fontes esqueceron os camiños
fundiuse o ouro do Sil
as sete bocas do Xallas ficaron baleiras
a auga subiu fervenza arriba
enguruñouse o Mar de Fóra
os peixes van escorrentados cara ás foxas abisais
os arroaces non ousan chimpar fronte a Rostro
as luras verten bagullas de tinta
e os homes
os homes aínda xordos
ao que berra a voces
o monte queimado

ANDORIÑAS

Onte pola mañá, pouco despois das nove, saín coa miña nai da casa de Oira. Tiñamos dúas citas médicas. Sobre o cable da luz, pousaran as andoriñas. Comenteillo e ela dixo que estarían preparando a viaxe, que sempre marchaban en setembro. De ser así, hoxe estarán voando cara o outro lado do mundo, milleiros de quilómetros por diante, ata chegar ao sur de África.

andoriñas

andoriñas

Sempre fixeron niño no patio da casa de Oira, ata que a miña tía Olga ergueu a parede dunha das adegas, dándolle a altura do resto da casa. O tellado máis baixo da adega era a saída natural cando as crías aprendían a voar. Pero coa parede alta, batían contra ela e caían no chan, onde agardaban os gatos. Aínda resistiron un par de anos, vese que a carga xenética da tradición xera fidelidades, pero axiña desistiron. Buscar outro ámbito ou perecer. Esa debeu ser a alternativa. Agora xa non aniñan na casa, tampouco as meixengras, pero si nos arredores e unhas e outras son compañía feliz na primavera e no verán.

Mirándoas pousadas sobre o tendido eléctrico, pensando na viaxe, sentín unha nostalxia cálida, a do verán que se vai e, tamén, a da viaxe aos confíns e a descuberta. A imaxe que acompaña este artigo non é miña. O móbil, onte, non daba para tanto.

No libro Mar de Lira incluín un poema que se refire a elas, alegres e miúdas compañeiras dos días da infancia:

Era andoriña, 
si, si,
era andoriña
pendurada á mañá
no bico dun canto. 

Sam Peckinpah inclúe a canción mexicana La golondrina na película The wild bunch, entre nós Grupo salvaxe. Velaí un vídeo curioso no que podemos escoitar o que non foi, como Peckinpah quería que soase a banda sonora do film.

ELÍAS KNÖRR OU ELÍAS PORTELA

Islandia e Galicia, máis alá da súa condición de lugares extremos -a afastada Thule e a mítica Fisterra- teñen en común o océano. Un mesmo mar baña as costas de Islandia e de Galicia. Para ambas comunidades, a pesca é elemento principal da economía. Nese mar extremo, fronteira entre a luz e as sombras, navegaron dende sempre os pescadores islandeses e galegos, dándolle forma a un oficio, interpretando os ciclos da vida e da morte e, a partir del, articulando unha cultura particular, a cultura das xentes do mar.

Carta marina de Olaus Magnus

Carta marina de Olaus Magnus

Levados e traídos polas correntes, cada día, as ondas depositan sobre as praias volcánicas de Islandia ou sobre as brancas e douradas de Galicia, obxectos perdidos, refugallos, despoxos naturais ou humanos que contribúen a conformar a paisaxe dos longos litorais oceánicos.

Sobre as negras dunas de Islandia, os veciños da ribeira amorean a madeira procedente da carga de buques que navegan pola liña do océano ártico.

En Galicia, os crebeiros, buscadores de restos con algún valor, pasean o litoral procurando aquilo do que aínda se pode tirar proveito. Os materiais traídos e levados polo mar sempre tiveron un valor especial para as poboacións do litoral. Ao cabo, tratábase de obxectos procedentes dese misterioso ventre que é o océano. Ese enorme misterio de ondas e de auga, oculto máis alá do horizonte, enviaba de cando en vez unha mensaxe, ben coa forma dun madeiro capaz de soportar a estrutura da casa, paca de algodón, té ou imaxes santas que aínda hoxe  presiden os altares das igrexas e ermidas que miran o océano.

Hoxe, moitos deses materiais son empregados por artistas de todo o mundo para construír con eles as súas obras: esculturas, collages, fotografías, instalacións. Tamén se ocuparon deles o cine e a literatura.

Un dos escritores que teñen traballado arredor destes obxectos é Elías Knörr, poeta de culto en Islandia, polo que a presidenta Johanna Sigurdardottir ten manifestado unha especial preferencia. Sjóarinn meo mogunhestana undir kjólnum é o título que chamou a atención de críticos e lectores, cara a poesía de Elías. Pero hai que dicir que Elías Knörr é o heterónimo de Elías Portela, escritor e tradutor nacido en Cangas do Morrazo en 1981. Ese libro, primeiro publicado en islandés, ten versión en galego como O mariñeiro con cabalos matutinos baixo o vestido, publicado no ano 2011 pola editorial Barbantesa. Nel podemos ler poemas coma este:

Esta noite foi a fin do mundo
Pola mañá
espertei con madeira 
varada no ollo dereito

ou este outro que a min moito me conmove:

Se quero transbordar soños
terei que mollarme na noite
para que as estrelas non me prendan

 

O meu bote non sabe de portos
mais descansa sobre as baleas
            cando a tardiña se fai grave
                                    sobre a miña fronte

 

Quero facer que os meus soños varen en novas bandeiras
e así se revolva o ceo
                                    con campás inesperadas
O mariñeiro con cabalos...

O mariñeiro con cabalos...

O lector debe saber que pode atopar outros títulos de Elías, orixinariamente en galego, como Imaxes na pel ou Cos peitos desenchufados. Tamén que ao seu traballo de tradutor, debemos magníficas versións de novelas islandesas contemporáneas, publicadas pola editorial Rinoceronte, en particular: Skugga-Baldur de Sjón ou Anxos do universo, de Einar Már Gudmundsson.

 

SEAMUS HEANEY

Seamus Heaney

Seamus Heaney

O venres da semana pasada chegábanos a noticia do pasamento do poeta irlandés e premio Nobel de literatura Seamus Heaney. Sabiamos dende hai tempo da súa enfermidade. Heaney fora nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade da Coruña, o 28 de xuño de 2000. Intensa relación con el mantiña o profesor Raul de Toro Santos, autor da antoloxía Poesía Irlandesa Contemporánea, publicada en 1999 por Espiral Maior.

Heaney mantiña con Galicia unha singular relación. No seu discurso, o día do nomeamento como Doutor Honoris Causa, falaba el dos vellos vínculos entre Galicia e Irlanda e dicía: Dende neno, dúas das miñas verbas preferidas foron Fisterra e Biscaia. Estas verbas repetíronse vegada tras vegada na radio, a todas as horas, día e noite; eran elementos constantes nas predicións do tempo e advertencias de temporais retransmitidos ppar os barcos no mar. E aínda engadía: Fisterra, que significa “a fin da terra”. Mais a fin da terra só se miraba dende o punto de vista dos que falaban a lingua latina e vivían no centro do mundo coñecido, e foron os primeiros en chamalo finis terrae. Visto dende Irlanda, por exemplo, Galicia non é a fin da terra, se non o seu comezo, a primeira terra que atopamos mentres o globo describe unha curva cara o sur, afastándose de nós cara África e a liña do Ecuador.

É posible ler parte da obra de Seamus Heaney en galego. Amais dos poemas que figuran na antoloxía de Raúl de Toro, está a tradución do libro Traballo de campo, que Vicente Araguas fixo en 1996 e tamén a obra teatral A cura en Troia, tradución de Manuel Outeiriño de 1998.

Quizais foi Fernando Pérez-Barreiro Nolla, quen primeiro escribiu aquí sobre el, en artigo enviado dende Londres para o Caderno de Cultura de La Voz de Galicia, publicado o 18 de abril de 1985. Hoxe, aquel artigo pódese ler nas memorias de Fernando publicadas este mesmo ano por Edicións Xerais, co título Amada liberdade. Xa Fernando facía referencia a varias das características de Heaney, destacadas estes días: a súa pertenza a dúas realidades culturais, coma Yeats, xa que sendo fondamente irlandés, escribe en inglés; a súa capacidade de harmonizar intelixencia e sentimento e a sabedoría que lle permite ser lírico, sen deixar de prestar atención ás cousas que pasan, de xeito que non satisfacendo a ninguén, en aparencia, finalmente cando o río da Historia, que nunca para, nos leva a pasarmos por diante doutras ribeiras e doutros templos, só fica a voz do poeta que rexeitou o conforto fácil das garatuxas dos beatos da hora, escribía Fernando.

Between my finger and my thumb
The squat pen rests.
I’ll dig with it.
Entre o meu indicador e o polgar
descansa a pluma gastada.
Cavarei con ela.

Cavar coa pluma, iso propoñía no poema Digging do seu primeiro libro Death of a Naturalist, de 1966, no que fai un símil entre o oficio de escribir e o da cavar do pai e do avó, comprometéndose a escribir coa mesma mestría coa que eles cavaban a terra e a turba.

Nos últimos anos, máis alá dos seus versos, a min moito me acompañou e enriqueceu o libro Al buen entendedor -ensayos escogidos- textos seleccionados y traducidos por Pura López Colomé e publicado en 2006 polo Fondo de Cultura Económica, con singulares reflexións sobre o oficio de tradutor, pero, tamén, sobre poetas irlandeses e galeses, entre eles Yeats e Dylan Thomas. O libro inclúe o discurso de aceptación do premio Nobel en 1995. O último libro que lin del foi Distrito y Circular, publicado na colección Visor de Poesía.

Durante as semanas que pasei en Dublín no ano 2010, fun varias veces á Biblioteca Nacional. Había alí unha gran exposición sobre W.B. Yeats, con imaxes que acompañaban a voz de Yeats recitando os seus versos e, tamén, os que recitaban outros escritores e actores irlandeses, entre eles Heaney. Porén, o vestíbulo acollía unha exposición pequena, arrombada contra a parede, na que non era doado reparar. Nela preguntábase a autores do mundo cal era o seu poema preferido de entre todos os que dan corpo á poesía universal. O material expositivo eran as cartas de resposta dos autores e os poemas elixidos por cada un.

Heaney respondía, en carta manuscrita, que para el o poema que máis o emocionaba e que máis o desacougaba era Cuchulain Comforted (Cuchulain Consolado), acaso o último que escribiu Yeats, no que este fala da intuición da morte por parte do heroe seis veces ferido, intuición que podía expresar o que  el mesmo sentía. Dende entón lin moitas veces este poema e procurei traducións diferentes. Os últimos versos din así:

“Now must we sing and sing the best we can
But first you must be told our character:
Convicted cowards all by kindred slain
Or driven from home and left to die in fear” 
They sang, but had nor human tunes nor words,
Trough all was done in common as before,
They had changed their throats and had the throats of birds.

A tradución ao castelán de Antonio Rivero Taravillo sería:

“Ahora debemos cantar lo mejor que sepamos,
pero antes debes saber quiénes somos:
todos cobardes condenados, asesinados por parientes
o expulsados de casa y abandonados a morir de miedo”.
Cantaron, pero sin melodías ni palabras humanas,
aunque todo se hizo en común como antes;
habían cambiado sus gargantas y ahora eran gargantas de pájaros.

Probablemente non está moi lonxe esta imaxe, daquela escrita por José Ángel Valente, tamén nun dos seus últimos poemas: Cima del canto. El ruiseñor y tú ya sois lo mismo.

Penso que tamén a voz de Seamus Heaney se transformou en canto de paxaro o pasado venres.