SABIA MARIA SABINA

No ano 2008 tiven a fortuna de asistir a feira do libro de Oaxaca, en México. Foron aqueles días fantásticos, de luz e de sol, compartindo as horas con escritores mexicanos e, tamén, co meu amigo Ramón Caride Ogando, quen presentaba a versión castelán, publicada en México, dunha das súas novelas. Foi moita a riqueza persoal que trouxen daquela viaxe: a visita a Monte Albán, fascinante e enigmático complexo arqueolóxico; o coñecemento da artista Susana Wald e do poeta Ludwig Zeller, de quen faría tradución dalgúns dos seus poemas ao galego, publicados por Espiral Maior; as conversas con Sergio González Rodríguez, autor do libro Huesos en el desierto, sobre a traxedia das mulleres de Ciudad Juárez; o fundamento da historia da terceira novela de Suso Espada, Nota Roja e, tamén, a descuberta de María Sabina.

Unha das tardes, na feira, asistín á presentación dun libro dunha autora para min descoñecida, eran os Cantos de María Sabina. Nacida en 1894, pertencía á etnia mazateca e só falaba esa lingua. Shaman, sabia, curandeira, adquiriu sona en todo o mundo a partir dos traballos dos antropólogos norteamericanos Robert Gordon Wason e Valentina Paulovna. Visitada polos Rolling Stones, Jim Morrison, The Beatles, Bod Dylan, Aldous Husley, Robert Graves ou Walt Disney, ela sempre fuxiu da publicidade e, tamén, da posibilidade de se facer rica, ela que só cobraba o que os pacientes lle podían dar.

Curaba cos fungos das serras de Oaxaca, aos que chamaba “nenos santos”  e, sobre todo, co poder da palabra. Faleceu en 1985.

Camilo José Cela, quen soubo dela por Robert Graves, escribiu en 1965 unha peza teatral que leva o nome da shaman e que inclúe a tradución dos seus cantos. Publicada en 1967, sería estreada tres anos máis tarde en Nova York. Todo o que eu teño lido sobre ela, as súas reflexións e a maneira de entender a vida e os seus misterios, afírmanme na opinión de que, efectivamente, por riba de calquera outra consideración, María Sabina era unha muller sabia. Velaí parte dos seus cantos, que, dende logo, supoñen, ao meu entender, a constatación do papel da muller e do valor do feminino.

Soy mujer que mira hacia adentro
Soy mujer luz del día
Soy mujer luna
Soy mujer estrella de la mañana
Soy mujer estrella dios
Soy la mujer constelación guarache
Soy la mujer constelación bastón
Porque podemos subir al cielo
Porque soy la mujer pura
Soy la mujer del bien
porque puedo entrar y salir del reino de la muerte
Soy una mujer sin sangre
El pájaro me roba la sangre
El libro abierto me roba la sangre
El agua me roba la sangre
El aire me roba la sangre
La flor me roba la sangre
Me conocen los santos del cielo y los ángeles
Dios me conoce
El corazón de la Santísima Madre de Cristo
El corazón de Nuestro Señor Jesucristo

Soy una mujer que llora
Soy una mujer que escupe
Soy una mujer que ya no da leche
Soy una mujer que habla
Soy una mujer que grita
Soy una mujer que da la vida
Soy una mujer que ya no pare
Soy una mujer que flota sobre las aguas
Soy una mujer que vuela por los aires
Soy una mujer que ve en la tiniebla
Soy una mujer que palpa la gota de rocio posada sobre la yerba
Soy una mujer hecha de polvo y vino aguado
Soy una mujer que sueña mientras la atropella el hombre
Soy una mujer que siempre vuelve a ser atropellada
Soy una mujer que no tiene fuerza para levantar una aguja
Soy una mujer condenada a muerte

Soy una mujer de inclinaciones sencillas
Soy una mujer que cría víboras y gorriones en el escote
Soy una mujer que cría salamandras y helechos en el sobaco
Soy una mujer que cría musgo en el pecho y en el vientre
Soy una mujer a la que nadie besó jamás con entusiasmo
Soy una mujer que esconde pistolas y rifles en las arrugas de la nuca

Soy mujer que hace tronar
Soy mujer que hace soñar
Soy mujer araría, mujer chuparrosa
Soy mujer águila, mujer águila dueña
Soy mujer que gira porque soy mujer remolino
Soy mujer de un lugar encantado, sagrado
Porque soy mujer aerolito
(Esta versión dos cantos foi publicada por Alejandro Aguerre en: estarenelaire.blogspot.com/…/los-cantos-de-mara-sab‎)

TRISTE ALBA SEN GLORIA

Conmovidos, tristes, feridos, emocionados… así foron o serán de onte e o espertar de hoxe, dia da Patria, alba sen gloria, sen voz e con bágoas. Non sei se coñezo a alguén que viaxase no tren accidentado, non sei se coñezo a alguén que coñecese a algunha das vítimas, pero vai este abrazo para todos os que hoxe choran e sufren. Deixo esta gravación de El cant dels ocells de Pau Casals e esa tradución dun fermoso poema de W. Falulkner que a min, en máis dunha ocasión, si me axudou. Sexa só por expresar un sentimento que seguro compartimos moitos de nós.

Este poema é o último dos doce que forman parte dunha selección feita por Javier Marías, a partir do libro de William Faulkner A Green Bough e que leva por título un dos versos deste poemas: SI YO AMANECIERA OTRA VEZ (1997. Alfaguara)

A miña versión está feita a partir da versión de orixinal e da tradución de Javier Marías.

SE HAI DOR, QUE SEXA SÓ CHUVIA,
e esta só dor de prata pola dor en si,
se estes verdes bosques soñan aquí para espertar
o meu corazón, se eu amencera outra vez.
Mais durmirei, pois, onde hai morte
mentres nestes azuis e somnolentos outeiros do alto
teña eu, coma a árbore, a miña raíz? Aínda que estea morto,
esta terra que se agarra a min atopará o meu alento.

P.D. : Recoñecer, malia o título, que si hai gloria tamén nesta alba; a gloria da solidariedade da xente dun país, que segue a ser profundamente humano e que se expresa de tantas maneiras.

VOLUNTARIOS EN MALLOU

Castro de Mallou. Escavación 21 de xullo de 2013

Castro de Mallou. Escavación 21 de xullo de 2013

O sábado pasado tiven a sorte de compartir unhas horas cos voluntarios que participan cada fin de semana na campaña de limpeza e posta en valor do castro de Mallou, en Carnota. Baixo a atenta ollada de Antón Malde, director da escavación e sabendo dos traballo de comunicación de Manuel Gago, o que reina entre os voluntarios é a solidariedade e o bo humor. Moi interesante e motivador o traballo dos nenos, concentrados, respectuosos, entregados, comprometidos, xa, coa defensa do noso patrimonio.

Sempre me movera en ámbitos próximos á arqueoloxía, a antropoloxía, a historia, pero nunca participara directamente no traballo de ir desenterrando pedras, de ir descubrindo estruturas, de respirar o po da historia. É algo engaiolante, que cativa. Eu sentín algo semellante a unha forza procedente da terra, algo especial que logo se reproduce nos soños, a forza do que somos.

Castro de Mallou. Alxibe

Castro de Mallou. Alxibe

Castro é pequeno pero fermoso. Desenvolvérase nel un campo de traballo, polos anos 2005 e 2006, se non me falla a memoria. Daquela descubríranse cousas tan interesantes como a calzada de acceso, a porta e o torreón de defensa, o alxibe e unha construción misteriosa, moi regular, pero que nunca foi usada e que contén grandes penedos caídos ou que nacen no interior e que sempre estiveron alí, segundo os estudos realizados.

A croa está rodeada por tres murallas defensivas, e o conxunto está vinculado co mundo máxico e coa cultura espiritual de todo o territorio. Unha das pedras que coroan o outeiro onde está situado, chámase cadeira ou pedra da raiña Lupa, establecendo así un vínculo co monte Pindo, onde estaría o trono da deusa ou raíña, segundo a lenda e a tradición oral. Preto do castro os petróglifos do Prouso, Laxiñas e Filladuiro. Pola súa beira transcorría o camiño que empregaban as leiteiras de Mallou, Maceiras, O Carballal e Sestelos, para ir vender o seu leite á vila (Muros) cambiando de vertente pola Porta Ventosa. Eran aquelas valentes e esforzadas mulleres ás que inmortalizou a fotógrafa norteamericana Ruth Matilda Anderson, dela e delas é esta imaxe:

Leiteiras
Ruth Matilda Anderson

EN FAMILIA, DENDE LIMA

Violeta, Inma e Xacobe, marcharon a Perú coa ilusión acendida, pero tamén con certo temor. Por fin, logo de tantos anos de espera, a adopción era un feito. Ían tres e volverían catro. Agardaba por eles Cristian, pero estaba a aceptación, a observación, a adaptación. Había que superar a proba e esta quedou saldada xa o primeiro día. Xa nos parecía a nós que a cousa ía ser así, sabendo do intelixente e sociable que é Violeta, do entrañable cariño que desprende Inma, da marabillosa relación que Xacobe mantén cos nenos dende sempre.

A familia: Inma, Violeta, Cristian e Xacobe

A familia: Inma, Violeta, Cristian e Xacobe

Emociona ler os correos de Inma. Nesta foto, unha das últimas, están en Barranco, e esta é a crónica do día: un barrio moi bonito, bohemio, artístico, de moita cor, con casas coloniais, moito verde, flores, galerías de arte, paredes pintadas con grafitis ben fermosos e perto do mar… de vivir en Lima aquí sería onde me gustaría estar. Nós estamos en Miraflores que é un barrio moderno, de grandes edificios, centros comerciais, moi parecido a calquera grande cidade, pero Barranco é diferente, lémbrame San Juan de Puerto Rico, ou Trinidad en Cuba, máis criollo. Aquí estamos os catro, xunto á estatua de Chabuca Granda.

E como están con Chabuca Granda, velaí esta interpretación de La flor de la canela, para que o seu son os acompañe alá e no regreso.

O FREIXO: NAVEGAR NUN MAR DE VELAS

A fin de semana pasada, celebrouse no Freixo, concello de Outes, o XI Encontro de embarcacións tradicionais de Galicia, que cada dous anos promove a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial. Son estes tempos difíciles, tamén para iniciativas como esta e, aínda que o número de embarcacións convocadas era menor ao doutros encontros, non foi menor a emoción de contemplalas atracadas e abarloadas no porto do Freixo e navegar a ría de Muros-Noia en días de sol.

O sábado pola tarde vivimos un acto particularmente emotivo, con dúas homenaxes, unha aos carpinteiros de ribeira do Freixo e outra, non agardada nin programada, pero non por iso menos xusta e emotiva, que foi o recoñecemento da Federación ao labor desenvolvido durante os vinte anos de encontros por Lino Lema Bouzas. Lino lembrou que hai vinte anos, no primeiro dos encontros celebrado en Ribeira, viñera o barco portugués Fe en Deus, que volveu este ano. Outra embarcación portuguesa participante no encontro foi a María dos Anxos.

O domingo pola mañá tivemos ocasión de navegar na que quizais é a última embarcación en se incorporar a esa flota de ilusión e de esperanza que son as embarcacións tradicionais galegas, o racú construido por Xerardo Triñanes no seu asteleiro de Cabo da Cruz, pensado como prototipo que amosar a aqueles que queren facer navegación a vela, tentando demostralles que unha embarcación tradicional, en madeira, é tan mariñeira e pode ter tantas comodidades como calquera das de fibra que se ofrecen por aí. O racú de Xerardo, bautizado como O Laberco, en lembranza dun tío seu, ten o seu luxo, a súa confortabilidade, a seguridade, representada polo dobre casco e, sobre todo, a fiabilidade dun barco ben feito. Habilitado para navegar a vela e a motor, o barco ten camarote con tres liteiras e cuarto de baño.

Navegamos primeiro polo Mar do Freixo, para logo, tras pasar por diante da illa da Creba, cruzar ata Portosín. Na illa xa non está a Virxe que invocaban mariñeiros e pasaxeiros do Carreto, cando recitaban: Indo polo mar abaixo/ o aire rifoume a vela/ Nosa Señora da Creba/ deume o pano para ela. Chegamos ata Muros e demos volta, nunha mañá de mar amenizada polo saber gaiteiro de Pablo Carrera.

Entramos en porto acompañados pola xeiteira Nova Mariña, esa embarcación que supuxo o principio de todo o movemento de recuperación deste noso patrimonio marítimo, réplica daquela Mariña atopada na marisma de Caldebarcos por Staffan Mörling, hai agora 22 anos. Todo un símbolo, a primeira embarcación e a última, navegando xuntas, a Nova Mariña con Uxío en proa, outro símbolo.

Na homenaxe aos carpinteiros de ribeira do Freixo, descubriuse unha placa cun poema de Antón Avilés de Taramancos, ese tan fermoso, incluido no libro As torres no ar, no que o traballo dos carpinterios  propio ser do poeta:

Na outra banda do mar constrúen o navío:
o martelar dos calafates resoa na mañá, e non saben
que están a construír a torre de cristal da miña infancia.
Non saben que cada peza, cada caderna maxistral
é unha peza do meu ser. Non saben
que no interior da quilla está a médula mesma
da miña espiña dorsal; que no galipote a quencer
está o perfume máxico da vida.
Que cando no remate ergan a vela, e a enxarcia
tremole vagarosamente no ar
será o meu corazón quen sinta o vento,
será o meu corazón. 

O noso corazón. Dende aquí desexarlle longa vida aos encontros de embarcacións tradicionais e bo vento para as velas das nosas vidas.

 (Todas as imaxes son de Maribel Longueira)

OURENSE: CLAUSTRO DE SAN FRANCISCO

Onte, día do Carme, visitei, coa miña nai, o claustro do antigo convento de San Francisco, en Ourense, patrimonio furtado a ourensáns e visitantes dende que o exército abandonou as instalacións do cuartel que incluían o que restaba do mosteiro franciscano. Antes, cando aínda tiña residencia alí o rexemento Zamora, a visita era posible amosándolle o carné de identidade ao oficial de garda, quen quedaba con el, devolvéndoo á saída. Logo ese patrimonio foi entregado ou devolto á sociedade civil e, paradoxalmente, nese proceso, veu o silencio, o impedimento e o abandono. Así ata hai pouco menos dun mes.

Claustro de San Francisco. Faro de Vigo. Foto Iñaki Osorio

Claustro de San Francisco. Faro de Vigo. Foto Iñaki Osorio

Moitos e moitas veces, vimos reclamando que a cidade de Ourense non pode prescindir do seu patrimonio, sobre todo do que está en mans das institucións civís e sempre poñiamos como exemplo o claustro e, tamén, o museo arqueolóxico. O claustro está, a ver conseguimos visitar de novo o edificio singular do museo, catálogo arquitectónico da historia da cidade, así como as extraordinarias coleccións que o museo atesoura.

Estrela David

Estrela de David

O claustro restaurado, aínda que con obras pendentes, luce fermoso e algo fatigado polo paso do tempo e a desidia. Desapareceron os setos, non sei se de buxo que había antes e o patio aberto, coas catro grandes palmeiras, deixouse a herba. Paréceme a min, furgando na memoria, que o número de figuras decapitadas ou mutiladas, medrou nestes anos. Pero este dano, as feridas visibles, non ocultan a súa fermosura. Edificado entre os anos 1325 e 1350, gótico pero con lembranzas románicas, ofrece tamén marcos renacentistas nas portas que se abren nos seus panos.

Home verde

Home verde

A riqueza iconográfica vexetal e animal, as figuras humanas, os seres míticos, dan vida aos capiteis, tanto polo interior como polo exterior. Chamoume a atención reparar en cousas que non vira antes, como unha estrela de David e, sobre todo, a figura dun home barbado, entre dous capiteis vexetais, que supoño representa ao home do bosque, o home verde, o Green man das Illas Británicas, Basajaun de Euskadi, Busgoso asturiano ou Numa, nas novelas de Juan Benet.

Este é un personaxe mítico, común a toda a cultura europea, que representa o ser da vida vexetal, o señor do bosque e das árbores, que vén sendo como dicir o señor da vida. Del tense ocupado o investigador Alfredo Erias. É posible ler unha entrevista con Alfredo, no blog de Manuel Gago: www.manuelgago.org › Home › Destacado

No libro No corazón da fraga, publicado pola editorial Everest Galicia, Suso Cubeiro e eu incorporábamos esta figura da mitoloxía do norte peninsular e empregabamos, por proximidade, o nome asturiano de Busgoso. Nunha das fantásticas ilustracións de Suso, moi escondido entre árbores e follas, como corresponde, amósase a súa imaxe que os nenos deben atopar, na proposta que lles faciamos nese libro, que tamén era xogo para compartir.

Busgoso agochado no corazón da fraga

Busgoso, o home verde ou señor do bosque, agochado no corazón da fraga

 

GEORGE RODEZ OU A SINTONÍA DA ESPERANZA

Acompañounos estes días George Rodez, pintor norteamericano residente en Miami. O pasado mércores, día 3, na sala do museo Casares Quiroga da Coruña, inauguraba a súa exposición Síntomas del sueño. Estas son algunhas das reflexións a propósito da contemplación da súa obra:

Algunhas tribos indias das pradeiras, tensaban peles con cordas dentro dun marco, para reter e aprehender os soños. Así fai George Rodez cos seus lenzos. Porque os soños esvaecen, son cousa efémera, fráxiles, vulnerables como a rosa, corrómpense coa vixilia e cos anos. Os soños, tanto os da noite como os da vida, desaparecen e pérdense entre a brétema do esquecemento. Pasamos os años soñando unha vida e, cando espertamos, esta pasou e só resta ollar o pasado con nostalxia, comparando o vivido co que soñamos vivir e, malia isto, os soños nos afirman e definen. Álvaro Cunqueiro, dicía que o que nos diferenciaba das restantes especies animais do planeta era a capacidade de soñar. Dicíao el, que era un gran soñador de delicadas metáforas, de seres marabillosos, de viaxes fantásticas e de escondidos tesouros.

George Rodez. Casa Casares Quiroga 2013

George Rodez. Casa Casares Quiroga 2013. Fotografía Maribel Longueira

Rodez, nas súas pinturas e debuxos, trata de reter un universo onírico confuso e caótico, converténdoo en formas, exorcizando as sombras que axexan e intimidan ao lles dar corpo, ao facelas palpables e visibles.

O seu é un mundo complexo, cadros nos que a textura e a cor adquiren significado, liñas que son como una percusión batendo na consciencia. Labirinto de arañeiras hostís que tratan de reducirnos, de confinarnos, como lle sucede a ese Ícaro que xa non voa ceibe, que non pode exercer o seu albedrío diante o risco e a aventura, porque está atrapado nos cordeis dun cometa, na persistencia de ollos que perseguen e inmobilizan. Pantallas que profanan o íntimo, sexo amortallado, un irónico arlequín que move os imperceptibles fíos do azar, existencia inestable como a velocidade, a présa, un lance de xogo nese mar limitado, atrapado, tamén el na cobiza da cartografía do ouro e os arames, golpe de dados contra o que naufragan as mensaxes extraviadas na perfidia da sorte e do abismo.

Pero é necesario atrapar os soños, expresalos para esconxurar o mal facéndoo visible. Rodez, a través da súa pintura, proponnos buscar a protección das palabras, xogar con liberdade na mariola da vida e da morte, do ceo e da terra, da orixe e do destino.

Pintura viva, intensa, con ritmo musical, como una sintonía de abelorios. Luz e calor do Caribe onde o pintor vive, surrealismo expresionista con algo de grafitti, así son os seus cadros. Deses fíos invisibles pendura algunha dor de Frida. Hai nese xogo de atrapar, desentrañar, representar, unha proposta inocente e incandescente, a proposta de quen cre que o soño, os soños, axudan a recoñecer mellor as ameazas e os perigos, a trazar un horizonte como destino, a vivir outras vidas, porque eles son utopía e a esperanza, tal vez humilde como a do tango de Gardel, pero esperanza ao cabo, a certeza de que non hai máis ceo que este existir diario que habitamos.

 

ANDRÉS CRESPO

Na alborada de onte, faleceu Andrés Crespo, profesor de historia de ensino secundario, pero historiador tamén, entregado á causa da recuperación da memoria histórica e, na medida do posible, do resarcimento das vítimas e dos seus descendentes. É moito o que lle deu a esta causa Andrés aquí en Galicia, sempre empeñado en conseguir xustiza nun país e nun estado que, moralmente, carecen dela.

Coñecino hai algúns anos, cando Santi Macías vivía na Coruña e moitas tardes víanse os dous con Carmen García Rodeja, para tomar unha caña antes de cear. Foron varios os encontros felices que mantiven con eles. Resulta curioso na orde de entradas deste blog, que figure Manon Moreau á beira de Andrés, porque os dous se coñecían, queríanse e compartían traballo, soños e obxectivos.

O momento máis intenso da miña relación con Andrés foi o día da exhumación da fosa das Pontes de García Rodríguez, no ano 2006. Día moi especial nas nosas vidas. Aquela tarde, cando apareceron os restos dos catro asasinados e tivemos a evidencia de que alguén, sen lle temer á Falanxe, se ocupara deles dándolles un segundo enterro, abrindo a fosa, achegando ataúdes para dous e roupa talar para os outros, ordenando os corpos, e cubríndoos de novo, Andrés emocionouse. Esa emoción súa nese instante, será imaxe retida para sempre na miña memoria.

A última vez que nos vimos achegouse el a unha libraría onde eu asinaba exemplares da Noite branca, para me dicir que xa a lera e que pasara a súa proba do algodón, xa que non atopara erros históricos dignos de mención. Observei que traía o libro cheo de marcas e notas nas marxes. Abrazámonos.

Por el, pola memoria que quería recuperar, pola memoria que nos une, pola amizade, recupero a continuación o artigo que escribín coa crónica da exhumación das Pontes e que foi publicado polo Diario de Ferrol. Na fotografía que acompaña o artigo, vemos a Andrés, co seu pelo branco, un dos seus trazos distintivos, xunto co sorriso.

 EXHUMACIÓN: NECESARIA TRISTEZA

Don Darío chega ao cemiterio vello das Pontes de García Rodríguez despois das cinco da tarde. Vén dende Castro de Rei para ser testemuña da exhumación dos restos de Manuel Ramos, Juana Ferreiro e de dous dos seus fillos, asasinados a noite do 22 de agosto de 1936. Octaxenario e residente en Buenos Aires, el viviu o verán pasado a experiencia da exhumación do cadáver do seu pai, liberándose dunha angustia vella que o mancaba. En opinión dos sobriños, mellorou a súa saúde, gañou vida e animouse a regresar a Galicia, el que antes dicía que nunca pisaría España. O pai de Darío tamén foi paseado. Véndoo a el e o que sucede nas Pontes neste día de verán, non se comprende como hai organizacións que negan o valor da recuperación da historia, da proclamación de inocencia dos que padeceron o terror, da exhumación daqueles sepultados en terra anónima; non se entende como aínda hai quen afirma que a recuperación da memoria non é unha necesidade sentida pola sociedade.

Exhumación fosa As Pontes. Arquivo Asociación Memoria Histórica

Exhumación fosa As Pontes. Arquivo Asociación Memoria Histórica

O grupo de persoas que traballan na exhumación sente ledicia ao velo e a nova da súa chegada, na voz de Andrés Crespo, alcanza o fondo da fosa onde Susana Álvarez e Nuria Maqueda traballan con agarimo en descubrir un dos corpos.

Aquela noite de agosto de hai setenta anos, un grupo de pistoleiros falanxistas presentouse no domicilio onde vivían Manuel, Juana e os seus seis fillos. Fixeron saír ao pai e ao irmán maior, executándoos diante da porta. Cargados os corpos nun carro, obrigaron a que Juana e outro dos fillos os acompañaran e, chegados ao cemiterio, fixéronlles cavar a fosa, executándoos tamén a eles, enterrando aos catro xuntos.

O equipo da excavación atopou pola mañá dous dos corpos, un enriba do outro, envoltos nun plástico que, paradoxicamente, ten a cor morada da bandeira republicana. Agora, seguindo as instrucións precisas do arqueólogo Javier Ortiz, os dedos de Susana traballan con extrema delicadeza sobre o terceiro, atopado hai pouco, e que familiares e amigos queren recoñecer como o de Juana. O que resta do corpo está vestido cun sudario, se cadra, unha mortalla e, a interpretación que axiña é asumida por todos, é que, no día que seguíu á execución, o enterrador, amigo de Manuel, deulle aos cadáveres o mellor trato que puido, arroupando un con mortalla e procurando caixa para os outros, extremo este que parece confirmarse cando Aníbal Arroyo, que vén de remplazar a Nuria, dá co que foi calzado do cuarto, atopándose sobre os restos anacos de cristal e cravos que sobreviviron á descomposición da madeira da caixa.

Santiago Macías, vicepresidente da Asociación para a recuperación da memoria, ocúpase de atender aos numerosos medios de comunicación, congregados pola singularidade desta exhumación. Teresa Rivas participa nos traballos de excavación e co equipo colabora Toru Arakawa, xaponés que hai poucos días apareceu por Ponferrada buscando a Santiago, decidido a axudar como voluntario na campaña de verán da Asociación. É el quen máis se afana, decidido a demostrar a utilidade do seu esforzo.

É moita a xente que se congrega arredor da fosa. Están os familiares, pero tamén amigos, veciños, algún político discreto, membros da asociación, un equipo de psicológos dunha universidade madrileña, xornalistas, rapaces dunha asociación cultural das Pontes que queren facer unha reportaxe. Uha das netas de Manuel e de Juana lembra que sabía que ese era exactamente o lugar, porque de nena ía coa súa nai a deixar flores sobre a herba. Outra chora, expresando a mestura de ledicia e de tristeza que sente, tristeza e dor polo pasado, ledicia por atopalos e por saber que, máis alá da morte, unha man amiga velou por eles e informa que o destino dos restos será o panteón familiar. Estarán coa mamá, afirma. Tamén agora foi a amizade quen se mobilizou. Antonio Castro, fillo dun amigo dos executados, foille fiel ao compromiso adquirido co seu pai, quen, antes de morrer, pediulle que en canto puidera fixese algo por eles. Foi el quen falou coa Asociación e quen agora se emociona, por seu pai, polos amigos e por el mesmo.

É importante escoitar o que se comenta nos grupos espontáneos que se forman. Neles, amigos, familiares e veciños falan en voz baixa e reconstrúen a historia dun tempo e dun país dende a memoria durante tantos anos silenciada; unha historia que sempre alentou neles pero que, de seguro, nunca ata foi contada como eles o fan agora, vencendo definitivamente o medo, sentindo que a exhumación ten múltiples valores, entre eles, como lle sucedeu a Don Darío, que axuda a vivir, porque detrás deste acto hai, sobre todo, xustiza, firmeza e amor.

MANON MOREAU

Manon Moreau

Manon Moreau

Hai poucas semanas, esta vez con Gabor, o seu home, estivo visitándonos Manon Moreua, xornalista e escritora francesa que sente Galicia como terra propia, unha necesidade que, cada pouco tempo, a fai regresar para encher os ollos e o corazón do recendo, a  luz e o aire deste país que descubriu como por azar e do que xa non pode prescindir.

Chegou aquí hai anos, ao fío dunha investigación xornalística sobre exhumación de vítimas do franquismo. Viviu intensamente a exhumación da fosa da Fonsagrada, onde enterraran ao comandante Moreno e algúns dos seus homes, asasinados na aldea do Acevo. Unha imaxe que conserva e que acode a ela de maneira recorrente, é a das mans pechadas dos milicianos, xa que a memoria popular conta que no momento de morrer quentábanas con castañas asadas.

Sobre estes feitos escribiu unha obra de teatro Où vas-tu Pedro? no que recolle parte do romance que conta o asasinato polos falanxistas da Fonsagrada, dos homes do batallón Galicia que regresaban á casa logo de caer Asturias. Sobre estes feitos trata tamén o documental Memorias rotas de Manane Rodríguez.

A obra de Manon foi representada en París con grande éxito. Eu traballei unha tradución e os dous soñamos que, algún día, podamos vela representada aquí.

A súa primeira novela Le vestibule des causes perdues, tamén toma como Galicia como referencia. Nela cóntase a historia dun grupo de personaxes que, por diversas razóns, emprenden o camiño de peregrinación a Compostela, chegando ata Fisterra. País de montañas e de mel, titúlase o capítulo no que os peregrinos chegan aquí, lembrando a narración do Códice Calixtino. Así empeza:

L’odeur de la Galice, feux de branchages, châtaignes à venir, et déjà, les premices de l’air marin. Dans leurs jardins cernés de pierres, des femmes en noir veillent la terre à l’ombre des châtaigniers. L’ombre si particulière des châtaigniers, abri des créatures. Le bruissement des châtaigniers. Sentinelles des chemins, ils les bercent de couleurs hors saison. Ici on croise des fantômes aus fontaines, ici les forêts ne sont à personne. On enjambe les ponts de pierre de villages éteints, ce matin un renard nous a coupé la route. Les montagnes sentent le thym. 

que traducido libremente podería dar algo así: O olor de Galicia, lampos de ramaxes, castañas que veñen, e xa, a primicia do aire mariño. Nas súas hortas cercadas de pedra, mulleres de negro velan a terra ao amparo dos castiñeiros. A sombra tan particular dos castiñeiros, o refuxio das criaturas. O balbordo dos castiñeiros. Sentinelas dos caminos, arrólanos de cores fóra de tempada. Aquí un cruz fantasmas nas súas fontes, aquí os bosques non pertencen a ninguén. Salvamos as pontes de pedra de pobos esquecidos, esta mañá un raposo cortounos o camiño. As montañas recenden a tomiño.

Le vestibule des causes perdues

Manon navegou o Mar de Lira e connosco visitou o ano pasado o illote do Areoso na Arousa, esa Avalón galega,  illa dos mortos, concentración de dolmens, se cadra, tamén ela, illa da felicidade e da eterna xuventude como aquela que albergou ao rei Arturo.

Agora Manon vén de publicar o seu último libro, un conxunto de relatos reunidos baixo o fermoso título de Suzanne aux yeux noirs, que será obrigada e pracenteira lectura deste verán.

Suzanne aux yeux noirs

Coñecina na Fonsagrada, o día do enterro dos restos exhumados de Moreno e dos outros doce milicianos. Presentounos a amiga común Carmen García Rodeja. Penso que lle gustará que esta entrada finalice co romance que tanto a impresionou, en boca de Severina Murias.

OS LIBROS

Intensa actividade a destes días arredor dos libros. A semana pasada, presentabamos Versos no Olimpo -O Monte do Pindo na poesía galega-, edición da que somos responsables Miro Villar e eu e editado por Toxosoutos. Primeiro foi en Compostela e o sábado no Pindo. Estivo ben en Compostela, pero no Pindo foi fantástico, a presentación transformouse nun festival e non só porque había público, porque estaban oito dos autores que participan nel e que recitaron os seus versos, senón porque xente do público, animada polo momento, tamén recitou poemas. O libro foi pensado para dotar a asociación Monte Pindo Parque Natural de recursos, nun tempo difícil, no que a achegas públicas son practicamente inexistentes.

Presentación "Versos no Olimpo", na confraría do Pindo “Versos no Olimpo”, na confraría do Pindo. Imaxe Maribel Longueira.

O venres 28 de xuño, acompañaba a Xosé Manuel Núñez Seixas, Ramón Villares e Javier Jiménez, o editor de Fórcola, na presentación de Cadernos de Rusia, de Dionisio Ridruejo. Onte luns estiven con Correa Corredoira na presentación do seu poemario Fibra de poliéster, en Vigo. O venres día 5, nesa mesma feira, dialogarei con Antón Ribeiro Coello, sobre as nosas novelas Laura o deserto e A noite branca. Modera desta vez Ramón Nicolás.

Hai períodos de tempo así, nos que se acumula traballo e compromisos, tempo que nos esixe, tanto dende o punto de vista intelectual, como físico e, tamén compre dicilo, económico. Intelectual porque un debe ler, reflexionar, pensar que vai dicir e expresalo. Físico porque hai que ir aos sitios, regresar a casa tarde polas noites, durmir pouco. Económico porque os gastos de ir e vir, normalmente, corren a cargo de cada un. Isto non é unha queixa, é só unha evidencia, pero que non se nos diga que todo se move só polo interese e polos cartos. Toda esta actividade forma parte da amizade, do amor que temos polos libros, pola palabra e, tamén, da solidariedade entre nós, hoxe por un, mañá por outro, así que non hai lamento. Somos moitos os que cremos que o libro, hoxe, sobre todo hoxe, debe ser acompañado. Hai que darlle aire, presentalo, facelo visible, sacalo á rúa, e niso andamos, convencidos de que, malia que aquí os ventos sexan contrarios, a lectura -dáme igual o soporte- segue sendo fundamental para transformar e articular unha sociedade mellor.

Ás veces preguntámonos cal é a razón pola que os islandeses, poño por caso, foron quen de enfrontar a políticos e banqueiros, xulgalos e envialos ao cárcere cando procedeu. Quizais a razón está nesa noticia que leo hoxe no xornal, de que alí a media de lectura de cada persoa é de 40 libros ao ano. Non esquezo que, dende hai uns días, cazan baleas de novo, actividade que semella en contradición co ser do lector, pero tamén sei que o movemento en contra desa medida, alí, é forte.

Onte de madrugada, volvendo de Vigo con Correa Corredoira, comentábame que non superariamos a actual crise moral e de valores, tamén a de supervivencia como especie, mentres seguisemos mantendo un sistema social, económico e alimentario, baseado na morte do outro, e o do outro non se refire só a seres humanos, que tamén. Quizais teña razón, en calquera caso, a cousa dá para pensar.

Mentres, os libros e as cousas que nos din, feliz encontro co outro, cos outros, sen conflito e sen tregua.