RAMÓN OTERO PEDRAYO

Infatigable, meu amigo Xosé Manuel segue na procura de materiais curiosos e históricos. Agora deu con este artigo que publiquei no ano 1986 no xornal La Voz de Galicia, naquel suplemento mítico para moitos, iniciado por Luis álvarez Pousa e, daquela, coordinado por Arturo Lezcano.

Falaba eu de Otero Pedrayo. Dáme a sensación de que hoxe, Otero, está moito menos presente entre nós que entón, cando Carballo Calero denunciaba a súa pouca presenza na vida cultural galega. E é mágoa, porque a súa literatura é lugar onde aprender e onde reflexionar. Para min tres dos seus libros deberían ser lectura obrigada de todos nós, penso nestes: Ensaio histórico sobre a cultura galega, Guía de Galicia e Arredor de si, sen lle facer de menos a todo o resto.

Por actitude, por coherencia, por coñecemento ou por amor a unha terra e aunha fala, Otero debería ser hoxe referencia en tempos difíciles, días nos que creban os valores, nos que sobrevivimos á corrupción, nos que enfrontamos a perda da identidade e a agonía da lingua.

No club de lectura da biblioteca González Garcés, lemos Arredor de si e O mesón dos ermos, con fortuna desigual, pero con paixón e alegría. O que observamos, conversando entre nós, é que existe un interesado preconcepto de que Otero sempre é difícil e barroco, dese xeito semella desculpado o esquecemento. E non é así, ou non sempre é así. Otero é o verbo rico e fértil dunha lingua viva e, sobre todo, é unha clara e limpa interpretaciòn da terra, da súa xeografía, do seu ser.

Vai o artigo. Hoxe correxiría a lingua, pero quizais para nada o resto. Dicir, unicamente, que no último parágrafo eu non escribín rúa da Paz, senón rúa de Santo Domingo. O cambio foi cousa de Arturo Lezcano, quen considerou que eu erraba os nomes das rúas de Ourense, xa que Otero, como Risco e como o Xocas, viviron na rúa da Paz. Pero eu empregaba ben o nome da outra, a de Santo Domingo, porque forma parte da miña memoria de infancia ver vir cara min a enorme figura de Otero, recortada contra o sol mediodía, camiñando rúa adiante, dende a Praza do Ferro. E non é esa imaxe dunha soa vez.

Premendo dúas veces sobre o artigo sae a lupa que permite ampliar e ler. A ilustración é de Xaime Quesada, publicada no libro Ourense, publicado pola Caixa de Aforros de Ourense en 1966, con textos de Otero. No libro figura cun pé que di: Ourense óllase nos espellos do Miño. 

 

 

CANLE NIUS EN LIRA

No ano 2006 cumpríanse os corenta anos do naufraxio do buque Ariete nas costas de Lira. Aquel ano, as Xornadas de cultura tradicional, organizadas pola Asociación Cultural Canle de Lira, estiveron dedicadas ás navegacións. Foron as penúltimas.

Para o Canle Nius daquel ano, presentado por Belen Campos ou da Cregha, Miguel de Lira e Xaquín Maceiras, gravamos este vídeo, dirixido por Enrique Otero. Hoxe, día 21 de xuño, primeiro día do verán, para recordar aquelas datas festivas e felices, sete anos despois, vai para todos, co desexo dun sorriso.

SIN RED: MÚSICA, IMPROVISACIÓN, POESÍA

É unha sorte, un agasallo da vida, compartir tempo de verán en Carnota, con amigos entrañables como Isabel, tamén chamada Cova Villegas, con Chefa Alonso, con Ildefonso Rodríguez, con Víctor M. Díez, con María José e Guadalupe.

É sorte, tamén, poder ler os versos de Ildefonso e de Víctor, partillar con eles as palabras que consolan porque non son prestadas, aprender que a memoria é ansiosa, coma a sede, ser libres e voar, arrolados polo son dos soños.

É fortuna ou sorte que Sin Red, a formación composta por Cova, Chefa, Víctor e Ildefonso, teñan Galicia e, en particular, A Coruña, como destino dos seus periplos musicais e poéticos, nos que a improvisación é o centro, expresión de tolerancia e habilidade para tomar decisións, di Chefa Alonso, alegría de compartir, entre eles e, de maneira particular, co público. Trátase, en calquera caso, dun exercicio vital de liberdade.

Sin Red. Fotografía de Manolo Múñoz
Sin Red. Fotografía de Manolo Múñoz

As voces son de Cova, garganta e boca transformadas en instrumento e música e de Víctor, que fai dos versos ecos que nos chaman e que nos conmoven, acompañándose por variados obxectos que producen son. A condución melódica é cousa de Chefa coas percusións, pero non só, que tamén se expresa co saxo soprano e de Ildefonso cos seus saxos, clarinetes, frautas e xoguetes. O conxunto ofrece unha variedade de matices nos que instrumentos e voces disólvense, ofrecéndonos un espectáculo baseado sobre todo na escoita, tamén nos silencios, con evocacións que nos poden levar dende a paisaxe sonora da cidade, ata a profusión de sons dunha noite de verán nun campo verde rodeado de bosque, pasando pola beira do mar cando o crepúsculo ou pola luminosa profusión de rumores en día de mercado. En calquera caso, xente, sons, palabras, nós, vida e, claro, voz e música, porque a palabra oída é musical e xa sabemos que o poema é, sobre todo, ritmo e, tamén, que hai música na charla dos amigos, tal e como lembra Ildefonso no seu libro El jazz en la boca, música na memoria e nos soños.

Así, Sin Red, na rede dos afectos.

http://youtu.be/RDnqT8beLog

E, como apunte final, lembrar que Cova e Ildefonso forman parte, dende hai anos, da formación de jazz Quinteto Cova Villegas, con disco novo no mercado dende hai nada: free space, que ten, como primeiro tema a Conferencia de los pájaros, de Dave Holland, peza mencionada na entrada deste blog dedicada ao cuco.

CINCUENTA ANOS DE RAYUELA

Aínda que xa nunha entrada anterior celebrei os cincuenta anos de Rayuela, a novela de Julio Cortázar, non esta de máis lembrala de novo agora, no aniversario exacto. Para o suplemento CULTURAS de La Voz de Galicia, escribín o texto breve que segue. Atopei, ademais, a fotografía feita por Mariángeles Fernández, con Aurora Bernárdez diante da Rayuela da vida, en Compostela, no ano 2006. Si, detrás Emilio Pérez Touriño e Ánxela Bugallo.

Diante da Rayuela

Diante da Rayuela

XOGO DE PALABRAS

No CUADERNO DE BITÁCORA de Rayuela, Cortázar anota as claves da escrita da novela. Nel atopamos o nome do xogo en castelán, francés, inglés, catalán e unha referencia ao galego: “Mariola (Galicia, Coruña)”. Cortázar busca o nome da Rayuela nas linguas que lle son próximas, pero… que xustifica a invocación ao galego?

O máis galego que había en Cortázar, era Aurora Bernárdez, afirman en Bos Aires. Aurora, primeira muller e administradora do seu legado, pasou parte da infancia na casa familiar no concello de Maside. Pero a redución non pode esquecer que en 1944, Cortázar coñecera aos galegos do exilio Luís Seoane, Lorenzo Varela e Arturo Cuadrado.

Revistas como Correo Literario ou Cabalgata, editoriais como Nova, Botella al Mar, o traballo en Emecé, falan da actividade dos exiliados, ao que habería que engadir o exercido por Rafael Dieste na editorial Atlántica. En agosto de 1944, no número 19 de Correo Literario, aparece o relato “Bruja”, asinado por Julio F. Cortázar.

Seoane e Cuadrado, fundan en 1943 aeditorial Nova. Nela Cortázar publicará as traducións: Memorias dunha enana de Walter de la Mare e O home que sabía demasiado de G. K. Chesterton. En 1945, Seoane e Varela fundan a revista Cabalgata. O número de febreiro de 1946, inclúe o relato “Lejana. Diario de Alina Reyes”, no que Cortázar trata o tema do dobre ou da personalidade escindida, que tanto o seducía.

En 1949, cando Dieste e Carmen Múñoz marchan a Cambrigde, ocupa o seu apartamento un escritor novo, coñecido dos cafés, segundo lembrará Carmen anos despois. Nel Cortázar escribe Imagen do John Keats, libro no que as referencias galegas son constantes: Lorenzo Varela, Blanco Amor, Luís Seoane, Mariquiña Valle Inclán ou Francisco Luis Bernárdez.

Atento á realidade que latexa do outro lado das cousas, Cortázar soubo da existencia dunha colectividade que falaba unha lingua propia: “Yo tengo probado que los gallegos respiran por el idioma” di un dos personaxes da novela El examen. Galegos aparecerán sempre na súa obra: Manolo e Fernando en “La escuela de noche”, a enfermeira de día en “La señorita Cora”, Galo Porriño en Los premios ou Curro, o propietario do café Cluny en 62 modelo para armar.

Cortázar viaxou a Galicia e admirou a súa xeografía e o seu ser. Acaso o anterior permita comprender a razón pola que a palabra “mariola” aparece no seu caderno de bitácora, ao cabo, tamén o galego é lingua que permite contar como o tránsito pola rayuela da vida que nos leva dende a terra ao ceo e viceversa.

O CUCO

O outro día, en Santa Mariña de Corcoesto, o lugar no que pretenden explotar esa a mina de ouro e de veleno, mentres xantabamos baixo a carballeira, falei co meu amigo Xacobe Meléndrez do canto do cuco. Comentei eu que había anos que non o escoitaba en Oira nin el Lira. Chamounos a atención non escoitalo alí, lugar de bosques e pastos, en mediodía anubrado. Tamén el reparara no silencio do seu canto nos bosques de Cecebre, onde vive.

Días despois, cara ao mediodía, nunha mensaxe ao móbil, Xacobe informábame de que, mentres me escribía, o cuco cantaba en Cecebre. Con todo, dáme a min a impresión de que o cuco é especie en regresión, unha máis das moitas que padecen os cambios no clima que algúns aínda negan.

Quizais non sexa esta a especie máis querida, por aquilo de que pon ovo en niño alleo e deixa que sexan outras especies: carrizo, lavandeira, azulenta, papuxa das amoras ou paporrubio, os que choquen ese ovo de tamaño maior, pero semellante en cor ao da especie parasitada. Malia isto, o cuco é paxaro importante na nosa tradición cultural. En Lira, o canto do cuco medía o tempo de explotación do ourizo e, dende nenos, contabamos a repetición da cucada para saber os anos que teriamos de vida.

De cativos, miña nai contábanos a historia retranqueira do cuco que foi convidado a participar na sega. El respondeu que se facía sol, tería que se poñer á sombra; se estaba anubrado tería que cuquexar, polo que, de chover, iría.

Di miña nai que son moitas as especies que bota en falta, entre elas o cuco, a bubela ou o reiseñor. Acaso conveña invocalas para que volvan, por iso vai esta peza musical, a conferencia dos paxaros, Conference of the birds, de Dave Holland, que lles escoitei tocar no bar-concerto Filloa, non hai moito, a esa formación histórica de jazz, composta por esa república de homes libres, coma paxaros, que son: Fito Ares, Bernardo Martínez, Ildefonso Rodríguez, Antonio ou Toñito Ferreiro e o batería Fernando Lamas.

O PREMIO XERAIS

O sábado pasado estivemos na illa de San Simón, na festa de Edicións Xerais de Galicia, na convocatoria anual de fallo e entrega dos premios Xerais de novela e Merlín de literatura infantil. Foi ocasión de saudar e falar con moita xente que había tempo non viamos. A alegría, ademais, foi grande, xa que o premio Xerais foi para un bo amigo, Xabier López López, ao que tamén había tempo que non vía, autor dunha obra xa importante e pola que sempre sentín admiración. A novela coa que gañou o premio e que teremos na man en poucos meses, leva por título Cadeas. Non coñecía a Antonio Fraga, gañador do Merlín co libro O castiñeiro en abril. Emocionounos a súa emoción e celebramos a felicidade de recibir o premio e casar, todo en oito días, dous sábados de xuño que, sen dúbida, serán fitos esenciais na súa vida.

Importante a intervención de Xavier Docampo, mantedor do acto, cun discurso sobre a lectura e sobre a lingua titulado: E serei unha cerdeira (panfleto). Tamén importantes as reflexións de Manolo Bragado sobre o mundo da edición e do libro que vén. Alegres os músicos da agrupación Os irmandiños de Vincius. Fundamental o traballo de Celia Torres.

Era a trinta edición do Xerais. En 1988, hai 25 anos, gañaba o premio O bosque das antas. Debo ser, aínda hoxe, o único gañador do Xerais que non recolleu o premio o día do fallo do xurado. Daquela o premio fallábase en outono. Aquel ano coincidía en sábado, 12 de novembro, día seguinte ao San Martiño, festa en Ourense. Aconteceu que eu non sabía moi ben como funcionaba o asunto. Nos xornais vin, ese mesmo día pola mañá, que a miña novela estaba entre as finalistas, pero non sabía que debería estar presente no fallo e entrega do premio, diso nada dicían as bases. Inocencia, ignorancia, ou as dúas cousas, o certo é que aquela tarde eu fun de magosto á casa duns amigos preto de Celanova. Regresamos a Ourense e xa pola noite, tomando unhas copas, David Cortón e Eustaquio Puga, sen me dicir nada, acordaron achegarse á redacción de La Región, situada aínda na rúa de Cardeal Quiroga de Ourense. Volveron coa boa nova. O bosque das antas gañara o premio. Ao día seguinte non había foto do gañador. A foto era de Víctor Freixanes, entón director da editorial, recollendo o premio no meu nome. Souben logo que durante todo o día, a editorial tratara de localizarme inutilmente. Entón aínda non tiñamos teléfonos móbiles.

Cinco veces pasei a máquina a novela, xa que, daquela, tampouco non tiñamos ordenadores. Era a prehistoria. Hoxe, ollando para atrás, sei e recoñezo que aquel premio marcou a miña vida. Entón non puiden dar as grazas, pero, se cadra, aínda é tempo. Grazas a editorial por convocar o premio cada ano e aos xurados, ao meu xurado, composto aquel ano por: Roi Alonso, Luis Álvarez Pousa, Antón Gómez Vilasó, Pedro de Llano e Berta Piñó. Logo dun tempo sen colaborar, hoxe sigo publicando a miña narrativa con esta editorial, nela están os dous últimos títulos: Para seguir bailando e A noite branca.

Reproduzo aquí as cubertas da primeira e a cuarta edición daquel libro, transcendental par min. A imaxe da primeira era de Vilar Cardona. A da cuarta, unha barca como sería a de Amador, o barqueiro da novela, é de Maribel Longueira. Fomos dar con ela un serán, preto de Vide, logo de percorrer as beiras do Miño dende Chantada.

JULIAN BARNES E O SENTIDO DUN FINAL

Hoxe, xoves 6 de xuño, foi o último día de xuntanza do club de lectura en galego da Biblioteca Miguel González Garcés, antes do verán. A lectura que hoxe compartimos foi O sentido dun final, de Julian Barnes, publicada por Rinoceronte e traducida por Xesús Fraga, xornalista, escritor, tradutor, nacido en Londres, hoxe residente en Betanzos e que traballa na sección de cultura de La Voz de Galicia. Xa antes el traducira Arthur & George, do mesmo autor.

Tivemos a sorte de que Xesús compartise connosco o tempo deste serán, xa que, bo coñecedor da obra de Barnes, tivo que penetrar e desentrañar o texto como só fai un tradutor e, ademais, é amigo persoal do escritor inglés, un dos máis sobranceiros da actual narrativa europea.

É esta unha novela recomendable, que conta unha historia complexa cunha linguaxe chea de matices e de sutilezas. Falamos da memoria, de como, ás veces, a vida deixa de ser coma o río que inevitablemente vai dar ao mar e, por un efecto estraño, flúe cara a orixe, auga de río que, na novela, de cando en vez, por causa da resaca ou dun refluxo das ondas, ascende pola canle, fenómeno que a xente acode a ver. Así é o proceso que vive Tony Webster, o protagonista. Ás veces inocente, outras distante, cruel ou cínico, o personaxe percorre a súa vida cara atrás, ata o desenlace da historia que Barnes sabe adiar e que, finalmente, supón unha gran sorpresa para o lector.

Por esta novela Barnes obtivo o premio Man Booker Prize en 2011. Xa antes fora finalista con outros dos seus libros máis voluminosos e, cando foi preguntado polos xornalistas se non se avergoñaba de gañar ese premio cunha novela de 160 páxinas, el, con fino humor inglés, afirmou que non, porque eran moitos os lectores que, chegando ao final, sentían a necesidade de lela de novo, polo que, en realidade, a novela tiña máis de 300 páxinas.

Gozamos con Xesús como gozamos coa novela. Xesús desvelounos algúns dos secretos do tradutor, a tensión que se crea cando debe escoller entre varias acepcións para verquer á súa lingua un termo que non ten tradución exacta ou cando na súa lingua non existen as palabras que debe traducir, como aconteceu neste libro con algunhas das expresións do xogo do criquet, sen tradución nin en galego, nin en castelán. Dicir, descoñecendo o texto orixinal, que a versión de Xesús Fraga déixase ler sen interferencias, xa que, como expresaron varios lectores do club, a escrita é natural e semella que se estea lendo un orixinal en galego.

O OURO DO TEMPO DE XAVIER BERMÚDEZ

Quero compartir con todos os que pasan por aquí, esta boa nova, a selección, na sección oficial do festival Internacional de cine de Karlovy Vary, da última película, de Xavier Bermúdez, O ouro do tempo. Esta é a información de axencia:

Praga, 4 jun (EFE).- El drama intimista “O ouro do tempo” (El oro del tiempo), del director gallego Xavier Sánchez Bermúdez, será el único representante de cine español e hispano que opte al Globo de Cristal en el festival internacional de cine de Karlovy Vary.

El prestigioso festival centroeuropeo, que celebra su 48 edición, tendrá lugar en la ciudad balneario del 28 de junio al 6 de julio.

El nuevo trabajo de Sánchez Bermúdez narra cómo un acomodado médico rural (interpretado por Ernesto Chao) mantiene encendida la pasión por su mujer (Marta Larralde), que murió muy joven y cuyo cadáver conserva en una nevera de su casa a la espera de que los adelantos de la ciencia le devuelvan la vida.

Sánchez Bermúdez regresa a Karlovy Vary, donde en 2004 obtuvo dos Globos de Cristal, uno a la mejor dirección y otro a la mejor actuación femenina, precisamente a cargo de Marta Larralde, en la película “León y Olvido”, un trabajo sobre la integración de los enfermos de síndrome de Down.

Este o trailer:
http://vimeo.com/67634059

Noraboa a Xamalú Films, a Manane Rodríguez, a Xavier e a todos os que compartiron con eles este novo proxecto. A ver se a podemos ver axiña.

A MINA DE CORCOESTO E OUTRAS FERIDAS

O sábado 1 de xuño, convocados por ARTEU, Factoría Delideas, a Plataforma pola defensa de Corcoesto e a Federación Ecoloxista Galega, fomos a Santa Mariña, en Corcoesto, o lugar onde está a mina que a multinacional canadense Edgewater, co beneplácito de Xunta e concellos, quere por en explotación. Para chegar alí, cruzamos terras de labor e bosque, maiormente de eucaliptos, pero non só. Había tamén carballeiras, piñeirais e restos das antigas fragas. Santa Mariña é lugar fermoso, con ermida, cruceiro, unha carballeira vizosa e centenaria, regatos e unha perspectiva marabillosa sobre as revoltas do Anllóns, aquí xa próximo á desembocadura ao pé do Monte Branco, entre os concellos e Ponteceso e Cabana de Bergantiños.

O Anllóns en Santa Mariña, imaxe de Riosebas (Sebas Anxo)

O Anllóns en Santa Mariña, imaxe de Sebas Anxo

Acudimos pintores, músicos, escultores, actores, escritores, fotógrafos, veciños, amigos e moita xente disposta a vivir unha xornada lúdica e reivindicativa, en contacto íntimo coa terra. Algo orballou, pero iso non impediu un fluxo constante de ir e vir que permitiu manter o número de participantes sempre estable. No inicio do carreiro que descende ata a boca da mina de ouro, que primeiro foi romana e logo inglesa, orixe deste proxecto que a cobiza alimenta, fomos deixando as nosas pedras para formar un milladoiro de emoción e cor.

Coma sen querer, presentamos, tamén, o libro Versus cianuro, poemas contra a mina de ouro de Corcoesto e digo presentamos, porque alí estabamos moitos dos escritores que nel participamos (setenta e catro, se non contei mal) e que fomos lendo poemas dos que nel figuran.

O domingo, a xente de Corcoesto, de Arteu, da Federación e da Factoría, participou na manifestación de Compostela, xunto coas outras comunidades de todo o país, afectadas por proxectos de explotación violentos e irracionais.

Estou co meu amigo Carlos Arias, quen me di que debemos ir máis alá de lamentarnos, que debemos enfrontar a agresión coa alegría de vivir aquí, neste noso país e debemos facelo con propostas transformadoras, se cadra como esta do sábado, que pretendía, sobre todo, esconxurar ou exorcizar a terra, respirala de novo e sentir o seu alento.

Deixo estes versos de Pondal, do poema Anhelos referidos a estas augas e este espazo e logo vai o poema que eu escribín para o libro.

Auga quigera ser, prácida e fría,
que c’a súa transparencia te brindara;
por que túa doce boca me gustara,
n’apagara túa sede: a encendería.

Non

Non!
Proclamaban os muros de Esquel.
Non é non,
berraban exaltadas pancartas suspendidas do aire
como ás de cóndor ou folerpas de noxo contra a infamia.
Conga non vai, é a salmodia
en Celemín, o berro seco
que se escoita en Cajamarca,
a cor dos corazóns que orgullosos desafían a cobiza.
Vida ou cobiza. Versos contra cianuro
en Corcoesto, na aira do verán
aberta á tarde. Versos contra o silencio,
polo irrenunciable dereito de ser.

II

Esluída no escuro,
proxectada na pelve
parapetada na axila,
eclosionando nos ángulos da boca,
na dobra das palabras,
A cobiza
oculta o rostro,
axexa,
envelena
e espera.

III

Ouro,
íntimo sol da terra,
durmido eco
da primeira luz.

IV

O veleno
alimenta o frío e o esquezo.

V

Dende a liberdade, escribo,
contra o lampo estéril da cobiza.
Polas voces que non berran,
polo ouriolo,
polo errático voo da bolboreta.
Dende este amor.
Escribimos coma vermes da terra,
dende esta paixón.