RITOS DE JAIMA DE LIMAM BOISHA

No pasado mes de maio, cumpríronse corenta anos da creación da Fronte Polisario, organización que sucedeu ao Movemento para a Liberación do Sahara. Durante o mes, e para conmemorar este feito, celebráronse actos en moitos lugares. Tamén na Coruña. Organizouse e desenvolveuse aquí un programa de actividades baixo o título “Olladas ao Sahara Occidental” que incluía presentacións de libros, exposicións, mesas redondas, proxección de documentais e ata xantar popular.

Presentación de Ritos de jaima

Presentación de Ritos de jaima de Liman Boisha

Na tarde do venres 10, na biblioteca da Asociación veciñal de Monte Alto, puiden asistir á presentación do libro Ritos de jaima, do escritor saharauí residente en Madrid Liman Boisha. A presentación tivo a virtude de conxugar lectura, comentarios e diálogo frutífero co público presente. O libro ten un prólogo de Javier Reverte, que o define como antropoloxía cantada ou poemario antropolóxico, porque nel, Liman, vai singularizando en textos poéticos os ritos e costumes que a xente do Sahara desenvolve nas jaimas nas que vive e, a continuación, nun texto en prosa, explica cada un deses momentos ou dese tempo esencial na vida das familias e as persoas que habitan na badía, o deserto fértil onde van os saharauís cando chove.

A voz de Liman, limpa e vizosa, vai debullando poema tras poema. Neles brillan con forza imaxes e metáforas evocadoras, que producen alegría e emoción no lector, achegándonos a unha cultura ancestral, rica e complexa. Alí, onde todo sucede, no espazo vivencial da jaima, lugar do público e do íntimo, da celebración e do dó, da acollida ao visitante e da despedida, mantense o ser dunha colectividade que loita por sobrevivir, alí transmítese a historia en boca dos maiores e insinúase o amor. Na jaima, expresión dun vivir comunal, reúnense as mulleres, aténdese ao enfermo, nacen os nenos, pero nela, tamén, penduran os amuletos, faise oración, prodúcese o intercambio. Estamos diante dun libro insubmiso, en palabras de Reverte, un libro no que non hai sensación de derrota, que reflicte os latexos máis íntimos dunha alma individual e colectiva que non se rende. Como mostra, do que o libro ofrece, velaí vai este poema titulado El golpe, que fala do exilio, agora que a ONU vén de aprobar unha nova resolución que non soluciona os problemas dos lexítimos habitantes dun territorio cobizado e explotado por outros.

Ojalá que se hubieran roto
un millón de vasos,
que se hubieran deslizado
de nuestras manos
bajo la jaima saharaui,
que hubieran estallado
en mil millones de pedazos,
en lugar de esta larga
congoja de exilio
con la que cargamos tantos años.
El golpe insondable
se manifiesta
camino hacia ti,
camino hacia mí,
y de repente…
se desploma
una taza o un vaso
sobre el suelo,
y se hace pedazos,
y se lleva el peligro.
Era
el golpe misterioso,
el insondable,
que venía
camino hacía mí,
camino hacia ti.
Ojalá que se hubieran roto
un millón de vasos,
que se hubieran deslizado
de nuestras manos
bajo la jaima saharaui,
que hubieran estallado
en mil millones de pedazos,
en lugar de esta larga
congoja del exilio
con la que cargamos tantos años.
O libro forma parte do proxecto Bubisher e todos os beneficios por el xenerados van destinados a soster este proxecto que desenvolve accións solidarias e vitais nos campamentos de refuxiados.

No campamento quedamos con esta canción.

 

 

 

ABDOULAYE BILAL TRAORÉ, FILLO DO SOL

Hoxe, na libraría Nova Colón da Coruña, presentaremos o libro de poemas Oculto al soldo escritor senegalés Abdoulaye Bilal Traoré. Bilal, para min, é unha persoa moi especial, non só por ser poeta senegalés residente na Arousa de Pontevedra, senón, e sobre todo, porque é un ser humano excepcional, bo, afectivo, amigo dos amigos, alguén a quen nunca lle roubarán o abrazo e o sorriso, alguén  que proclama nun dos poemas deste libro: “me niego a vivir sin alegría”.

Bilal naceu en Dakar en 1968 e dende o cambio de século reside en Galicia. É secretario da Asociación senegalesa de Pontevedra.

Coñecín a Bilal no ano 2010, nun encontro de poesía celebrado en Pontevedra. Dende o primeiro día, entre os dous, agromou unha simpatía que, co paso do tempo, medrou ata se transformar en amizade. Aquel día, o Bilal músico, acompañoume mentres eu recitaba Borraxeira, poema cheo de ecos que el soubo interpretar axiña. Coincidimos de novo en Aveiro, onde me acompañou no recitado dun poema moito máis difícil e longo, Alzheimer, e penso que aquel día conseguimos entre os dous encher a sala do museo onde tiña lugar o recital, dun ambiente emotivo e especial. Este ano volveume acompañar na presentación en Pontevedra da novela A noite branca. Polo tanto sempre lle estarei agradecido por esa colaboración, sempre xenerosa e vital.

Recentemente descubrimos tamén un vínculo que nos unía aínda máis, xa que el era discípulo do profesor e escritor senegalés Amadou Ndoye, que estivo connosco na Coruña o pasado outono e que faleceu pouco despois de regresar ao seu país. Por Bilal soubemos da perda de Amadou, a quen lle foi dedicada unha entrada anterior neste blog.

Bilal é poeta, pero tamén músico e contador de historias. A música é para el algo natural, que acompaña os seus versos e que ilumina aínda máis o seu sorriso. Como contador, como narrador oral, desenvolve o proxecto Colores del alma, no que xunto co narrador arxentino Alejandro Guanella, promove un diálogo intercultural, integrando música, poemas e lendas da tradición africana, americana e europea.

A música é nel algo esencial. A percusión, dinos nun dos poemas do libro, é parte do seu corazón. El séntese fundido nun instrumento vivo que sempre estivo dentro de si. Esa relación está presente neste Oculto al sol que presentamos. Este libro non é exactamente unha novidade, nin tampouco unha reedición, ou si é as dúas cousas. O certo é que este libro tivo unha edición anterior, noutro selo editorial. A edición actual, inclúe un poema que non figuraba naquel primeiro, Glutamina, dentro dun apartado final que indica “poema engadido”. Dicir que a edición anterior abriulle as portas das universidades e centros que en España traballan e investigan sobre a poesía africana escrita en castelán. Froito dese encontro é o limiar que abre esta nova edición, asinado por Dulcinea Tomás Cámara, da Universidade de Alacante, que sitúa a obra de Bilal no contexto das literaturas hispanoafricanas ou do que ela define como hispanidade africana.

Dulcinea Tomás establece tres liñas ou tres corpus de literatura africana escrita en castelán: a hispanomagrebí, relacionada co pasado colonial español no norte de África, pero que tamén se estende a Guinea. A saharauí, moi forte e con moita presenza e nese sentido, podería lembrar que hai quince días estivo na Coruña o escritor Liamam Boisha, presentando o seu libro Ritos de haima, moi recomendable. A terceira liña ou terceiro corpus denomínase -descoñezo a razón- literatura hispanocamerunesa e a ela adscríbense escritores procedentes de Camerún, Sudán, Nixeria, Angola ou Senegal, como Bilal. Agora que nomeo Camerún lembro aquela reflexión de Borges sobre o imperio portugués, grande imperio do que só resta a memoira e o eco das palabras: Camarao, Camerún; Gabán, Gabón…

Os críticos consideran que para algúns autores destes países e comunidades, o castelán como lingua literaria supón unha terceira vía liberadora, entre a lingua indíxena, limitada en canto a sistema lingüístico e literario, por non estar normalizada, nin moitas veces normativizada e a lingua colonial da que non gustan.

Estamos pois diante dun escritor de orixe africana que escribe en castelán. E este é un feito significativo na poesía de Bilal, xa que o feito de escribir nunha lingua que seguramente non foi a súa de infancia e de adolescencia, supón a posibilidade de forzar a linguaxe ata un extremo no que nós, educados nela dende nenos, seguramente non nos atrevemos, desconstruíndoa ou transformándoa dende o punto de vista sintáctico, de xeito voluntario ou non, o que dá como resultado unha modificación que ten valor significante, ofrecendo imaxes que son unha sorpresa e, tamén, unha revelación: velaí ese título formidable: “Aire de a solas llenas”. No poema Eres, dedicado a Salma, paréceme que se reflicte algo disto que digo:

Eres todo.
El medio y su semejante.
Eres uno e indescriptible.
Eres lo que siento.
Eres lo que se siente.
Eres la emoción.
Pureza al estado puro.
La llamada del humano divino.
Limpio, accesible.
Eres puro humano.
Eres Paz.

Pero non é ese o único trazo de abstracción na poesía de Bilal. O libro vai evolucionando dende unha poesía do próximo, do inmediato e máis evidente, do compartible, ata a libre expresión de versos que son, cada un, coma unha chamada ou coma un lampo, do que é bo exemplo o último poema Glutamina, ao que pertence esta estrofa:

Hasta donde alcanza el ojo
Igual que la misma distancia en el menos
Del opuesto ojo de nuca
Cavidad cerebral de la nada y todo
Cero del instantáneo presente”.

A de Bilal é unha poesía rítmica, como non podía ser doutro xeito, tratándose dun excepcional percusionista. Antonio Gamoneda, no libro Fonación, palabra y escritura, publicado pola editorial Trifolium, sostén que no poema, o ritmo non é unicamente cuestión musical, senón que nas demandas que este esixe, prodúcense asociacións de palabras soprendentes que adquiren significado. O ritmo é pois un valor significante no poema, que dá imaxes e metáforas marabillosas. Algo disto sucede nos poemas de Bilal, onde as aliteracións, eufonías e anáforas producen non só un sentido rítmico, senón tamén emocional, que forzan a significado do verso.

Dicir, tamén que a poesía de Bilal está implicada na sociedade na que vive e tamén na que lembra por ser a súa de orixe,  ollando a realidade do cotián, aquí e alá, por moi excepcional que resulte, velaí, senón, ese poema dedicado ás vítimas do atentado do 11-M ou o titulado Tim Ti Móol (arco iris). Pero é, ademais, unha poesía transcendida de internacionalidade, de alguén que se sente cidadán do mundo e nese sentido convén lembrar a súa reflexión sobre o eu posesivo e o eu colectivo, dialéctica que el, como emigrante e viaxeiro por un continente afastado do seu núcleo familiar orixinario, sente dun xeito particular.

E sempre, de xeito transversal, en todo o libro, o afecto e o amor, con imaxes desta forza: El amor tiene un hoyo como nombre ou proclamacións como esta: lo has buscado y te encontró/ le diste abrazos/ y te apretó hasta quemar/ es el susurro del amor sin más.

E para rematar, vai este poema titulado Primavera (Galicia la asentada), que quizais explique o valor do título do libro, nese verso no que o poeta se proclama “hijo del sol” e no que podemos observar algunha das cousas ata aquí comentadas:

Cuando lo oscuro se aclara paso a paso,
cuando el híbrido
está compuesto de lo medio despejado,
medio oscuro,
cuando lo despejado ya gana terreno sobre lo oscuro,
cuando está y se come un cuarto de lo oscuro,
dos cuartos,
tres cuartos,
cuando ya está totalmente despejado,
cuando lo siento,
cuando la margarita está amarilla, el tojo también,
cuando veo sonreír el pino
y todo lo demás como champiñones,
la cabeza alta, veo de frente con placer,
bebo con boca, ojos, oídos abiertos
toda la energía natural que me faltaba,
oriento todos mis sentidos en la buena onda
que la naturaleza me está regalando.
Me siento bien, hijo del sol,
cuando falta claridad,
la esperanza de ver la primavera es alta.
Estoy lleno de vida a un cuarto,
dos cuartos,
tres cuartos,
totalmente despejado del color blanquiazul.   

 

RESINA DE POLIÉSTER, CORREA CORREDOIRA

Fomos á presentación do novo libro de Xabier Correa Corredoira, titulado Resina de poliéster e publicado por Baía Edicións. Acolleu o acto, no que tamén participaban Lino Braxe e os músicos Miguel Ladrón de Guevara e Ismael Bardei, a galería Monty4. Viñeron canda nós Stella e Níels, os amigos islandeses que nos visitan estes días. Foi para eles unha experiencia fascinante, pola cantidade de xente que congregaba a presentación dun libro de poemas e pola forza creativa de Xabier a quen descubriron tamén como pintor. Aproveitando, faleilles de Elías Portela ou Elías Knorr, o poeta nacido no Morrazo, pero que hoxe é unha das voces máis singulares da poesía islandesa e de quen me gustaría falar máis devagar outro día.

Fomos de presentación, pero nós xa sabiamos do libro porque hai dez días atopamos a Xabier na esquina da rúa da Torre co Campo da Leña e falounos del e recitounos algúns dos poemas que sabe de memoria e fíxoo, xa daquela, coa paixón que Xabier pon en cada cousa da vida. Onte recitou e deixouse levar por un blues ben compasado que improvisaron os músicos xa contra o final.

Resina de poliésterResina de poliéster. Di el que ese é o material máis cabrón, máis agresivo e máis perigoso daqueles cos que traballa no estudio. Para el, este tempo canalla que habitamos, a densidade da agresión que sufrimos, as emanacións nocivas das palabras e dos discursos que escoitamos cada día, son como resina de poliéster. Velaí a razón do título, velaí a xustificación do libro. Digamos que é este un libro necesario, polo que ten de denuncia, de resistencia e, sobre todo, pola forza que tamén é desexo e que, quizais, contaxie en nós a necesidade xa non de sobrevivir, senón de combater.

De mostra van dous poemas. Un polo que veño de comentar, outro porque fala de baleas e… niso ando.

DO REGRESO DA PALABRA POBO
depende a melloría da terra.
Pasamos as tendidas correntes
e as cordilleiras exaltadas
co territorio enrodelado
na caluga. Arrastramos sombra
entre lumes tras carne divina
coa que acadar mover a morte.
Mais fracasamos ao someter
os animais e o cereal
á cultura; a muller con himen
e a terra acaeron dominio
privado, herdade de príncipe
que dispón clases e arreda
escravos tras muro eléctrico
que só a república mundial
deitará co abalo do trigo. 

———————————————–

AUSCULTAS CO FONENDO A TERRA
coa man colles o pulso na falla,
a fogaxe do monte cinsento,
apalpas ganglios polos ríos
e tensión nas carnes abertas;
no iris do abismo albiscas
cemiterios radioactivos,
a túa ollada clínica chega
ás fístulas da estratosfera,
entendes o canto das baleas…
Es moi capaz de morrer por elas.
Es quen Zaratustra reclamaba:
O que virá detrás daqueloutro
que pestanexaba preguntando
Que é amor? E unha estrela?

ISLANDIA, O REINO DE THULE

Aproveitando a visita de Stela e Níels, amigos islandeses que andan estes días por aquí, aprendendo cousas do noso xeito de ser e, tamén, familiarizándose coa lingua, deume por lembrar a viaxe que aló fixen no ano 2010, xunto con outros compañeiros participantes no proxecto europeo Fishernet e, tamén, procurar cousas sobre a cultura e o xeito de ser dese país tan singular, único, podería dicir. Durante a viaxe vivimos a experiencia dunha travesía, a bordo do barco Haukur, unha fermosa embarcación de madeira, con posibilidade de navegar a vela ou a motor, cruzando a liña do círculo polar, indo de Siglufjordur a Husavik, nun dos días nos que máis frío pasei na miña vida, malia vestir o traxe especial que nos deron. Durante as horas de navegación procuramos baleas, pero non vimos ningunha, que para todo hai días.

Velaquí un grupo de galegos navegando no Haukur e vencidos polo frío logo de varias horas de travesía e malia levar postos os traxes térmicos.

Seguindo unha indicación de Juan Martínez Casanueva -o fillo do alférez que na novela A noite branca recita versos de Rubén Darío baixo a presión da artillaría rusa- cheguei á película documental “Heima” (Na casa), do director Dean Deblois , que narra con imaxes moi suxestivas, unha xira de concertos por Islandia do grupo Sigur Ros. Trátase dunha visión particular do que sucede máis alá, ou da outra beira do evidente, na trasteira dos escenarios dos concertos e, ao tempo, ofrece unha perspectiva suxerente das xentes e das paisaxes do país de Thule, aquel co que soñabamos cando nenos, mentres liamos as aventuras do Capitán Trueno, por ser de alá a súa amada Sigrid. A banda sonora do film é, como non podía ser doutro xeito, de Sigur Ros. Isto que vai aquí é o trailer, pero en You Tube pódese ver a película completa.

COLISEO XESTEIRA

O outro día, na feira do libro de Compostela, unha muller, descoñecida para min, cando me escoitou falar do cine Xesteira de Ourense, achegouse á mesa para me dicir que ese cine estaba vinculado á súa vida dende nena. Ela accedía a el cando quería porque lle facilitaban a entrada sen pagar os membros da familia Perille. Por esa autoridade coa que accedían ao cine, pensou sempre que eles eran os propietarios e construtores. Informeina de que eran socios na empresa, xa que o propietario e construtor fora Manuel Xesteira, tío de meu pai e tío avó meu. Esta referencia e a conversa que mantivemos animouna a mercar un exemplar de A noite branca. Espero que lle guste.

Manuel Xesteira e a familia Perille eran socios, tamén, na empresa de transporte de viaxeiros que cubría a liña Ourense- Verín, con cocheiras no que hoxe son as Galerías Centrais. Alí estaba o bar Túnel, nome que aínda conserva o café que existe hoxe. Arredor da liña e do bar formouse unha organización clandestina e unha rede que facilitaba a fuxida, por Portugal, das persoas perseguidas pola ditadura. A pensión Concha, que estaba na rúa San Domingos, era o lugar onde pasaban a noite os que agardaban a fuxida. Un dos encargados de manter abertos os camiños da liberdade, era Julio Losada, a quen a asociación Amigos da República rendeu homenaxe hai varios anos. A información, que moito me sorprendeu no seu momento, foime facilitada por David Cortón. Esta fotografía recolle a imaxe das cocheiras con estrutura de túnel, contra a parede aliñábanse os limpabotas, que os domingos repartían panfletos coa programación do cine pola rúa do Paseo. Tamén no túnel había carteleira na que se facía publicidade das películas de estrea. Isto seino pola memoria de meu pai, administrador do cine durante 44 anos.

Toda a documentación recollida aquí, figura nun arquivo encadernado en pel, elaborado polo meu tío avó, no que gardou a memoria da fundación do Xesteira. Na entrada deste blog titulada Cines de Galicia e cines da memoria, afirmaba eu que os autores do libro Cines de Galicia, erraban ao situar a data de fundación do Coliseo Xesteira en 1941. A data que dá o seu fundador é a de de xaneiro de 1940. Nos artigos de prensa da época, celébrase a apertura do novo local, que contaba con salón de té e unhas modernas instalacións técnicas, así como un amplo escenario, destacando o seu aforo.

O único artigo dos arquivados no álbum que pode ser reproducido aquí con calidade, é este no que o columnista Cascarilla, celebra o acerto do nome. Non hai referencia nin do xornal no que se publicou, nin da data.

RICHARD FARIÑA, UN GALEGO DESCOÑECIDO?

Meu amigo Tacho envía pola rede unha mensaxe en botella, que pretende procurar información sobre un cantante de folk americano chamado Richard Fariña. Esta é a súa mensaxe, que vén sendo unha peteción de axuda, amplificada, con curiosidade, dende aquí. A ver se conseguimos máis información:

A primeira vez que souben de Richard Fariña, foi nos últimos anos da década dos sesenta, cando todas as semanas collía por 15 ptas (0,11 euros) a revista MUNDO JOVEN, na que falaban de folk americano (Seeger, Dylan…) ou da sicodelia californiana. Nesas páxinas entereime da morte nun accidente de moto dun folky que residía en Carmel (California) do que se chegou a dicir que de non ter sucedido o seu pasamento tan de novo, tería ocupado o espazo de Dylan. O seu nome era Richar Fariña.

Daquela a transcrición do apelido nas revisas era Farina (fonética ianqui), pero cos anos apareceu ben escrito como Fariña e soaba a apelido galego, non si?

Fai uns meses, merquei na Feira do disco que vén cada ano a Ourense, un vinilo de Richard e Mimi Fariña (por fin), e tiven a idea de procurar en You Tube vídeos da parella. Nun deles, presentado por Pete Seeger (o gurú do flolk ianqui) o apelido galego medra, aparecendo como Fariña-Dopico, o que fai dubidar da orixe cubana do seu pai, tal e como aparece repetidamente nas súas biografías. Sería o pai cubano ou un galego emigrado a Cuba e logo a USA?.

Pero Richard Fariña non era só un folky, por iso a continuación vai a reseña de El Boomerang, blog literario de EL PAÍS, na sección de autores. Fariña foi escritor, autor folk, militou no IRA e tivo contactos coa revolución castristra. Interesante:

Richard Fariña (Nueva York, 1937 – California, 1966). Hijo de padre cubano y madre irlandesa, compartió su infancia entre Brooklyn, Cuba y el Norte de Irlanda. A los dieciocho años fue miembro del Ejército Republicano de Irlanda (IRA), pero tuvo que abandonar el país. Asimismo, viajó a Cuba durante la insurrección de Fidel Castro y estuvo presente más tarde, cuando los revolucionarios entraron en La Habana. Por esos años, Fariña estudiaba en la Universidad de Cornell. Desde 1959 a 1963 vivió en Londres y París, donde se ganó la vida como pudo, de guionista ocasional, cantando en la calle o en pequeños contrabandos. En 1963 se casó con Mimí Baez, hermana de la célebre Joan Báez, y regresó a California donde terminó Hundido hasta el cielo. Sus textos breves aparecieron en revistas como Poetry, The Atlantic y Mademoiselle. Sus piezas teatrales fueron representadas en Cornell y en The Image Theater de Cambridge, Massachussets. Fue también reputado cantante y compositor de folk-rock. Con su esposa, formó un dúo que se presentó en el Festival de música folk de Newport. Grabaron varios discos, el primero de los cuales fue elegido por el New York Times como uno de los diez mejores discos de 1965. El mismo diario opinó que el segundo, Reflections in a Cristal Wind, era “salvaje, imaginativo, poético, sorprendente”. Una colección póstuma de sus escritos fue publicada en 1969 bajo el título de Long Time Coming and a Long Time Gone. Richard Fariña murió en un accidente de motocicleta en Carmelo, California, a sólo un mes de haber cumplido veintinueve años y a dos días de la publicación de Hundido hasta el cielo. 

http://www.youtube.com/watch?v=tG5CFRu8wsM

Nos vídeos vemos ao matrimonio Fariña e tamén un das dúas irmás Baez, Joan e Mimi. Que os disfrutedes.

HERTA MÜLLER E UN RITO FUNERARIO GALEGO

A escritora Herta Müller, premio nobel no ano 2009, naceu nun deses territorios europeos de ubicación confusa e que tanto conflitos provocaron ao longo da historia. En concreto, ela naceu en Nitzkydorf, unha aldea alemá na rexión de Banat en Romanía. Esta situación, vivindo entre unha lingua nacional e unha lingua de estado, alumea aínda agora canto escribe pero, tamén, supuxo para ela persecución, acoso e castigo ata que en 1987 marcha a vivir a Alemaña.

No club de lectura da biblioteca Miguel González Garcés, limos estes días a súa novela O home é un grande faisán no mundo, traducida ao galego por Franck Meyer e publicada por Xerais na súa colección de peto. A min a historia emocionoume e sorprendeume tanto como me conmoveu o xeito de escribir de Herta, esa perfecta comuñón entre a luminosidade da metáfora poética e a capacidade descritiva da prosa, que lle permite contar dun xeito único. Non coñezo a ninguén de estilo semellante.

Na novela nárrase un velorio no que unha mosca incomoda aos que velan o corpo da vella Kroner. Mosca, que como aquela de Machado, non ten reparo en pousar na unlla, na man, na meixela ou na pálpebra da defunta. Cando chega o cura, Herta escribe: “As mulleres zumban e a mosca zumba”. Isto sorprendeume. É o mesmo zumbar o da mosca e o das mulleres? Lembrei entón un rito funerario descrito por Fernando Alonso Romero nun dos capítulos do seu libro El mundo de los muertos en Galicia y el folklore del occidente europeo. Concretamente, o capítulo V  leva por título “Las almas y las abejas en el rito funerario gallego del abellón”. Para a súa análise, Fernando parte dun poema de Alfredo Brañas, composto en 1884 e premiada nun certame celebrado na Coruña en agosto dese mesmo ano, no que narra un velorio na Ría de Arousa. Logo dos prantos, das ladaíñas, das despedidas, dos responsos, dos rosarios, da bebedela, da comedela, do xogo das prendas, os asistentes, xa de madrugada, forman corro arredor do defunto e dando voltas zumban coma os abellóns:

Collidos pola man os concurrentes,
e fungando baixiño e entre os dentes,
foron da morta á triste habitación,
e voltando ó redor da defuntiña,
o vello, a vella, o mozo, e a mociña
fungaban como funga un “abellón”.
¡Probe de aquel que dese algunha fala
ou de bulir deixase pola fala!
¡Siñal era de morte non fungar…!
As honras do “abellón” son tan precisas
como son para os cregos moitas misas
e o gando e o ligón para labrar.

Fernando, tras analizar o rito, situalo e interpretalo, concluíndo que en determinadas comunidades a avella ou o abellón eran quen transportaban a alma do defunto ao máis alá, describe lugares nos que había prácticas semellantes e entre eles cita certas rexións de Romanía e de Hungría. Practican o rito do abellón as mulleres da novela de Herta?

Emily Dickinson

Emily Dickinson

Lembrei tamén un poema de Emily Dickinson no que a poeta, sospeitando unha morte próxima, advirte de a que persoas ou cousas non llo vai contar, entre outras a avella, como se esta fose mensaxeira de algo. Vai en versión orixinal e en tradución libre feita por min e, polo tanto, bastante sospeitosa.

I hav’nt told my garden yet-
Lest that should conquer me.
I hav’nt quite the strength now
To break it to the Bee
I will not name it in the street
For shops w’d stare at me
That one so shy, so ignorant
Should have the face to die.
The hillsides must not know it
Where I have rambled so
Nor tell the loving forests
The day that i shall go.
Nor lisp it at the table
Nor heedless by the way
Hint that within the Riddle
One will walk today.
Non llo dixen aínda ao meu xardín
Non sexa que me venza.
Non teño afouteza bastante
Para lle dar a nova á abella.
Non o nomearei na rúa
Temería que me fitasen nas tendas
Porque alguén tan apoucada, tan ignorante,
Teña a ousadía de morrer.
Non o saiban as ladeiras dos outeiros
Polos que a miúdo paseaba
Non lle contarei ás amorosas fragas
Do día no que eu me vaia.
Non o tatexarei na mesa
Nin nun descoido no vieiro
Darei a entender que cara o interior do Enigma
Hoxe alguén camiñará.

CINES DE GALICIA E CINES DA MEMORIA

Enredei estes días co libro Cines de Galicia, de José Luis Cabo Villaverde e Jesús Ángel Sánchez García, publicado pola Fundación Barrié o ano pasado. Moi ben editado, como todos os da Fundación, o libro ofrece unha boa aproximación ao que foi a arquitectura dos soños (metáfora dos propios autores), dende aquela que acolleu as primeiras sombras chinesas ata as modernas e despersonalizadas salas dos centros comerciais, con especial referencia aos tempos nos que os locais de exhibición foron eixo da vida social, nese período máxico do cine comprendido entre as décadas 30-60 do século pasado, cando o cine era referencia principal da xente, un tempo no que a escuridade da sala permitía, seguindo o camiño da luz, fuxir en liberdade da grisalla proposta vital e represiva do franquismo.

Remata o libro cun inventario de todas as salas que foron e das que aínda son. Nel atopo as fichas dos cines da miña vida, aqueles nos que traballou meu pai e nos que medrei, os que recollo na novela A noite branca: Xesteira en Ourense e Yago, no barrio da Ponte. Quizais, en xustiza, debería incluir o tamén ourensán Teatro Losada.

O Xesteira e o Yago non ocupan moito máis espazo que a ficha do inventario e dáme mágoa, sobre todo polo Xesteira, que no seu momento foi un acontecemento pola súa capacidade e polas características técnicas da sala, así como polo vestíbulo, cun aforo de pé semellante ao que tiña o cine en número de butacas. Pero é que a información ofrecida no libro tampouco non é exacta, sobre todo no que se refire á apertura do local.

Coincidiu esta lectura coa achega dun amigo, que me enviou un recorte de prensa de “La Hoja del lunes” de Ourense, do 31 de marzo de 1952, no que un fragmento dunha entrevista co escritor Manuel María, aparece enmarcado pola programación das salas que había naquel tempo na cidade. A entrevista a Manuel, feita por Costa Clavell, tamén merece lectura.

Como depositario da información que recolle a historia do Xesteira, e ao fío destas casualidades, anímome a ofrecer, nunha próxima entrega, a información que eu teño sobre el.

CABALOS NA TORRE DOS MOUROS

Subimos o domingo ata a Torre dos Mouros. Alí, o pasado verán, coa colaboración de varios centos de voluntarios, desenvolveuse a experiencia arqueolóxica de excavación contada en tempo real, a través das redes sociais. Dirixía o equipo de profesionais e voluntarios o arqueólogo Antón Malde. Da información e difusión ocupouse Manuel Gago. Comentar que a experiencia foi un éxito no concello de Carnota, sobre todo pola explicación e divulgación da iniciativa a través das “barconferencias”.

Na parroquia de Lira todos os veciños saben a copla que fala do lugar, Torre dos mouros ou Curro do Castro:

Curro do Castro,
campo do Medio:
hai un cabalo de ouro
coa súa sela
e os eu freo.
O que queira o tesouro
que o monte 
e será del. 

De investigar a súa posible orixe e o seu significado ocupouse Fernando Alonso Romero nun capítulo do seu libro Historias, leyendas y creencias de Finisterre, apuntando a procedencia xermánica da lenda recollida na copla.

Poldras e poldros no Castelo dos mouros

Eguas e poldros no Castelo dos mouros. Fotografía Maribel Longueira

O domingo, no interior do recinto murado do curro, pacían os cabalos. Un macho, sete eguas e dous poldros de poucos días. Un deles case non se sostiña nas longas patas e amosábase torpe, doada presa para os lobos que aínda señorean estas terras. Os dous procuraban os tetos das nais. Maribel disparou a cámara con emoción varias dúcias de veces. Eu lembrei o poema “Cabalos” de Méndez Ferrín, que forma parte do seu libro Estirpe, a el pertencen estes versos:

……………………………………………
polas húmidas provincias do seu sitio de femia
e eu o cabalo cheiro reverenciosamente
os visgos seus de dona das poulas dilatadas
das górguas recendentes a tomelo e fiuncho

 

das corgas de abrevarmos nas rexeiras do sol
das gallopadas loucas cando intervén o lobo
e a grea se recolle ao abeiro do sucastro
mollo daquela as nefras na urina
…………………………………………….