O MEDALLÓN DO MONTE PINDO

Continuando co Monte Pindo e os seus misterios, velaí este do medallón de cobre atopado no século XIX, nalgún lugar próximo á fervenza do Xallas, perdido durante o asedio ao Alcázar de Toledo durante a Guerra Civil e que unicamente coñecemos polo debuxo que en 1875 publicou Barros Silvelo no seu libro Antigüedades de Galicia. Ninguén sabe como chegou a Toledo, xa que a información que se ten del é que no seu día fora doado ao museo Romero Ortiz, da Coruña.

Da súa análise do medallón ocupouse Fernando Alonso Romero nun artigo, publicado no número 25 do Anuario Brigantino no ano 2002, vinculándoo co mito da galiña e os pitiños de ouro, quizais relacionado coa representación das sete aves que aparecen nel, lenda que podería representar o brillo das pléiades no noso firmamento, e cun significado que aínda non foi descifrado, tal como indica esa cita de Vicente Risco que figura sobre a misteriosa peza perdida.

Hai algo profético no medallón, refírome a esas aspas que rodean a figura central e que lembran os viraventos ou muíños eólicos que hoxe coroan a maior parte da xeografía que rodea o Monte.

Medallón do Monte Pindo

Medallón do Monte Pindo

VERSOS NO OLIMPO. O MONTE PINDO NA POESÍA GALEGA

Xa está listo o libro que recolle a colección de poemas sobre o Monte Pindo. Distribuirase axiña.

As imaxes das cubertas son de Maribel Longueira. A coordinación e procura de autores e poemas foi cousa de Miro Villar e miña, coa colaboración inestimable de Xosé María Rei Lema. O traballo de edición correspondeulle a Goretti Seijas, de Gráficas Sementeira. O libro sae na colección Esmorga da editorial Toxosoutos.

Cincuenta e seis autores e setenta e nove poemas. O máis antigo é de Francisco Añón e está datado en 1861. De aí, ata agora, poemas publicados ou inéditos, que foron moitas e moitos os autores que responderon ao chamamento que Miro e eu faciamos no outono de 2011.

A relación de autores é a seguinte: Marilar Aleixandre, Fran Alonso, Francisco Añón, Carlos Arias, Pilar Beiro, Concha Blanco, Darío Xohán Cabana, Ramón Cabanillas, Francisco Castro, Xulio Cid Neira, José Alberte Corral Iglesias, Diego Cousillas, David Creus, Estevo Creus, Manuel Curros Enríquez, Marta Dacosta, Berta Dávila, Francisco María de la Iglesia, Xoán Carlos Domínguez Alberte, Francisco Domínguez Romero, Francisco X. Fernández Naval, Rosalía Fernández Rial, Nieves García Centeno, Gonzalo López Abente, Evaristo Martelo Paumán, Xosé Luís Martínez Pereiro, Cruz Martínez Vilas, Rosanegra (Rosa Martínez Vilas), Anxo Mena, César Antonio Molina, Alexandre Nerium, Manuel Oliveira Gómez (Manolín), Lois Oreiro, Olga Patiño, Emma Pedreira, Xavier Queipo, Xesús Rábade Paredes, Baldo Ramos, Luis Rei Núñez, X. H. Rivadulla Corcón, Manuel Rivas, Xavier Rodríguez Baixeras, Arturo Romaní, Xabier Ron, Cesáreo Sánchez Iglesias, Isolda Santiago, José Antonio Santos, Xavier Seoane, Obdulia Seoane, Paco Souto, Manuel Suárez Sampedro, Alberte Suras, Miguel Vázquez Freire, Helena Villar, Miro Villar e Rafa Vilar.

O libro foi posible grazas ao apoio previo de 107 persoas e todas elas figuran nun epígrafe final de agradecementos. Este libro quixera axudar na procura de conseguir que o Monte sexa declarado Parque Natural, significando que a literatura tamén é parte do seu patrimonio.

Nos campos da Moa, no Chan de Lourenzo, amais de flores, tamén florecen versos.

O RITMO DA CHUVIA

Non deixa de chover. Alguén me comentou onte que o nivel de pluviosidade é semellante ao rexistrado no ano 2002, aquel en que pensamos que nunca chegariamos a secar.

La Voz de Galicia informa hoxe de que a causa da chuvia é que o anticiclón siberiano bloquea o camiño natural das borrascas. Veñen días de vacación, pero sen sol.

Para que lle poñamos boa cara a todo isto, deixo aquí este vídeo e esta canción que sempre me gustou, dende neno, na voz de Sylvie Vartan, na miña opinión quen mellor cantou O ritmo da chuvia. Que elas, Sylvie e a canción, nos acompañen nestes días.

Sylvie Vartan – Én ecoutant la pluie

Ás veces, a min dáme por escribir letras para músicas que me gustan e que quero. É algo do que non se dán moita conta nin críticos, nin lectores, aínda que, como sucede neste caso, porque a cousa resulta obvia xa dende o título deste poema que formaba parte do libro Miño:

O RITMO DA CHUVIA

En Oira a chuvia
sabe a flor de terra e gran,
pinga grosa
de mazá, recendo a piñeiral
son que se mira azul
na órbita do gabián.
Mansas lembranzas coma espellos
ollos de luz coma un abrazo,
o doce aloumiño que nos garda
nunca anubrará.

 

Pasádeo ben, queredevos moito e non deixedes de pensar que a vida é o mellor e o máis marabilloso que temos.

ÁFRICA

Hai poucos días morría Chinua Achebe, o escritor nixeriano, a quen Nadine Gordimer consideraba o pai da moderna literatura africana. Iso fíxome lembrar aos escritores africanos que coñecín, entre eles Amadoy Ndoyé, tamén falecido recentemente e a quen teño pensado dedicar unha entrada neste blog nos vindeiros días. Entre os escritores dese continente grande e tan descoñecido, está Moustapha Bello Marka, a quen coñecín en Níxer e que colaborou connosco no libro publicado por Xerais, no que Camilo Franco, Alfonsa Costa e eu dabamos conta daquela viaxe, intensa experiencia vivida nun territorio inhóspito, pero fermoso. De Alfonso é, ademais, a imaxe de cuberta.

Fóramos alá para colaborar coa delegación galega de Acción Contra a Fame, en días nos que aquel país padecía unha pandemia de fame. Connosco ían Isabel Iglesias, delegada en Galicia da ONG e o seu irmán Suso, empresario emprendedor e comprometido en temas de solidariedade e desenvolvemento.

Na miña opinión aquel libro publicado por Xerais segue tendo hoxe toda a vixencia, xa que poucas cousas cambiaron no país do Sahel, veciño do convulso Malí. Níxer segue a ser un país invisible, do que só se fala en contadas ocasións, un país que achega boa parte do uranio co que se produce a enerxía que consume Europa. Unha dos valores do libro son as diferentes, pero complementarias, escritas por Camilo e por min, malia ir sentados no mesmo coche durante os centos de quilómetros que fixemos, malia compartir cuartos cada noite, malia tomar as mesmas notas xuntos nos mesmos lugares.

Na cola do dispensario agardando para valorar a desnutrición do neno

Na cola do dispensario agardando para valorar a desnutrición do neno

Daquel tempo son esas fotos, feitas por min, das que me sinto moi satisfeito, eu que non teño ollo para iso da cámara. Dende hai tres anos, tras os recortes que sufriron nos orzamentos da Xunta as partidas destinadas a proxectos de desenvolvemento, Galicia deixou de ter delegación de Acción Contra a Fame.

A vida nun sorriso

A vida nun sorriso

A MEIXENGRA

Con Antonio Piñeiro Seage, Xosé Manuel Penas Patiño elaborara aquel fermoso libro titulado Cetáceos focas e tartarugas mariñas das costas ibéricas, publicado en 1989 pola entón denominada Consellería de Pesca, pero sobre todo, é autor, xunto con Carlos Pedreira López e con Calros Silvar, da nosa mellor guía de aves, publicada por Baía Edicións.

ferreiriño común tamén chamada meixengra

ferreiriño común tamén chamada meixengra

Agora, e logo da lectura da Noite Branca, pregúntame con que especie identifico eu a meixengra, paxaro que tantas veces sae na novela. Hai, segundo parece, diverxencias entre os expertos á hora de asignarlle esta denominación popular a unha ou outra especie de ferreiriños.

a meixengra noutro hábitat

a meixengra noutro hábitat

Levo a guía a Oira, para preguntarlle á miña nai e ao meu tío Lolo. Ningún dubida. En canto vén a imaxe do ferreiriño común, os dous coinciden en que ese era o paxaro que cada ano facía o niño no muro da casa da señora Beatriz e, tamén, no muro da palleira, aínda que din que leva dous anos sen aparecer e atribúen a ausencia ao emprego masivo de velenos por parte dun veciño que mata todo canto ser vivo se move ao seu redor.

(As imaxes pertencen unha a wikipedia e outra á páxina www.rios-galegos.com)

JOSÉ MARÍA LABRA E O MURALISMO CORUÑÉS

Falouse estes días nos xornais da recuperación e protección dos murais de Urbano Lugrís nos locais públicos da Coruña. Pensei, entón, que a cidade ten unha importante tradición muralística -velaí as obras de Jorge Peteiro, amigo a quen perdemos hai poucas semanas, ou de Abelenda- tradición pouco valorada polos seus veciños e polas autoridades que a rexen. Lembro con arrepío a destrución do mural de Alfonso Costa na fábrica de Leyma ou o dano causado ao que Leopoldo Novoa realizou en Santa Margarita, mutilado, sen autorización do artista, para tender unha pasarela.

Quizais foi iso o que me fixo evocar a José María Labra, o pintor nacido na Coruña en 1925 e falecido en Palma de Mallorca en 1994. Autor dunha obra ben singular, encadrada na “abstracción xeométrica”, no “construtivismo” e representante da “arte normativa do século XX”, moi vinculado á arquitectura, tamén realizou importantes murais, como aqueles do antigo edificio de sindicatos, por sorte salvados cando a súa remodelación e hoxe expostos no pazo de Mariñán. Lembrar como curiosidade e como mostra da súa colaboración coa arquitectura, as celosías realizadas para o pavillón español da Feira Mundial de Nova York de 1964, hoxe no edificio do Corte Inglés de Arapiles en Madrid, ou as da Hípica da Coruña.

DEDICATORIA DE AMARAMA

DEDICATORIA DE AMARAMA

Souben de Labra ao pouco de nacer Daniel. Maribel xa o coñecía e foi ela quen me levou á presentación dun libro do pintor, un libro de versos titulado AMARAMA, fermoso palíndromo que, dalgún xeito, vén sendo a representación da súa pintura xeométrica (dicir como curiosidade, non sei se como mérito, que o libro leva un limiar de Paco Vázquez).

Non lembro moito aquel serán, sei que ceamos os tres xuntos e demoramos logo polos bares da cidade ata moi entrada a madrugada. Eu deille os meus poemas e el asinounos o seu libro. Daquela noite son estes debuxos cos que el procuraba explicarnos as simetrías e os xogos das formas.

Xeometría pictórica debuxada nun bar

Xeometría pictórica debuxada nun bar

Como lembranza e homenaxe, vai tamén esta breve mostra dos versos descubertos entón:

La olas…
y
las horas….
en letal letania
¡rómpen!
gritando: ¡vuélve! ¡vuélve! ¡vuélve! … … …

——————————–

… por eso pienso…
-con mi propia razón
proporcional-
que soy “ese” que…
yendo de camino
con éste de “el oeste”
y éste otro de “el este”
y éstos otros de “el
sur” y de “el norte”…
siendo natural de…
… el noroete…
soy…
… “transfinisterráneo”…
y sin extraterrestrarme
vialácteo

—————————–

fértil fiero feraz
vital aliento
que…
va dando…
 a lo dado
¡Vida nueva!

DE GALICIA A NOVGOROD

Bastante xente , durante os 14 actos de presentación da novela A noite branca polo país, se me achegou preguntando o enderezo do blog que mantivemos en La Voz de Galicia, durante a viaxe feita na Panchita, nos meses de marzo e abril de 2011. O enderezo vai abaixo. Se alguén desexa acceder por calquera das entradas que aparecen en google, atopará, na marxe dereita, un índice que sinala o tempo no que o blog se mantivo activo: marzo, abril e maio. Premendo en cada mes pódense ver os artigos escritos nese período. Acompaño esta entrada cunha foto daqueles días, en concreto a vista do Kremlin de Novgorod, primeira capital do imperio dos tsares, á beira do río Volchov, feita por Maribel.

blogs.lavozdegalicia.es/degaliciaanovgorod/

Novgorod

Kremlin de Novgorod

CACHALOTE E ÁMBAR GRIS

Meu amigo Xosé Manuel envíame estas dúas páxinas coa crónica da varada dun cachalote en Esteiro de Lugo. A crónica, escrita por un mestre chamado Chemi Lombardero, ten a súa miga e o que máis me chama a atención é a cobiza final polo ámbar gris, ese tesouro producido polo estómago dos cachalotes, pero non de todos, só daqueles que se alimentan de luras xigantes, como esa que hai pouco conseguiron filmar xaponeses e americanos.

Ámbar gris anacos

Mostras de ámbar gris

A lura xigante vive no fondo abisal, onde só o cachalote pode descender, grazas á materia graxa que conforma a súa cabeza, de tanta potencia luminosas, coñecida como esperma e que tamén aparece no artigo. Vencido e devorado a lura, as súas partes duras non poden ser dixeridas polo estómago do cetáceo, revestíndoas dunha materia viscosa coa que as envolve. Esta materia, en contacto coa auga e co aire, endurece. O ámbar gris, coñecido dende antigo, foi esencial para a perfumería de luxo. O paradoxo é que sendo un dos elementos máis nauseabundos da natureza, ten a propiedade de fixar os recendos todos, transformándose así en esencia, símbolo de elegancia e de voluptuosidade.

Vai a crónica de Chemi Lombardero Rico.

Cachalote en Esteiro.1Cachalote en Esteiro.2

CARLOS AGUASACO

Dende os días do furacán Sandy perdera o contacto co meu amigo, ou irmán, Carlos Aguasaco. Varios foron os correos electrónicos que o vento levou cara a algún lugar do norte, aos cemiterios de baleas, máis alá de onde galegos e portugueses pescaban o bacallau, máis alá da fronteira do xeo. Hai un par de semanas, por fin recuperamos a comunicación.

Coñecémonos no ano 2008, nun encontro poético celebrado en Zamora de Michoacán, México. Alí nos atopariamos de novo no ano 2010. El é orixinario de Bogotá, aínda que leva bastantes anos residindo en Nova York, onde dá clases e onde mantén unha editorial que publica plaquettes en castelán, destinadas ao público hispano lector de poesía e residente nos Estados Unidos.

Eu tiven a fortuna de ver publicada na súa colección, cunha escolma de poemas do libro Bater de sombras realizada pola profesora Teresa Seara. De ela é tamén a tradución.

Carlos, poeta e narrador, envíame agora un poema que sinto relacionado cos meus que compoñían a plaquette. Ao cabo trátase, tamén, dun poema sobre a sombra, circunstancia xa recollida no título: O bufón escóndese da súa sombra. Complementariamente traduzo e inclúo aquí un que lle escoitei recitar en Zamora, dedicado a esa cidade na que vive e que lle custa amar, poema que me lembra a aqueles de Luís Seoane incluídos no libro A maior abondamento.

Agóchase o bufón da súa sombra

En me seguir, sombra, por que insistes?
Eu, sen agravio, digo que marches
A penumbra é o teu propio fogar, alá regresa
Déixame a soas esta tarde.
Son rico en horrores, ben o sabes
Os meus dentes escachados non son perlas
Nin as pedras que ouriño son diamantes
En me seguir, sombra, por que insistes?
 Eu quero levar o sol na cabeza
Como a luz perpetua do esquecemento
Bébedo da súa calor quero berrar na túa ausencia
Que nada entendo,
Que nada sei,
Que nas podo saber de ninguén
(Intertexto de Sor Juana Inés de la Cruz: En perseguirme mundo)
Golpear de sombras en Nova York

Golpear de sombras en Nova York

Nova York

Este mundo é por definición desprezo e fachenda.
Xesto de noxo e o noxo de homes ombreiro a ombreiro
Sentados no tren.
Ollada fixa que non punto medio cruza sobre ti
E en ti disípase nun arabesco con forma de turbante.
Non é este mundo o teu mundo e si o é.
A cidade está alí para ser tomada.
A cidade está alí para se desbordar
Para dar desprezo, para ser o reflectir do home e o home
Para lembrar que sempre, non importa onde se mire,
A calor dun lente abrígate coa discreción obscena
De quen te observa sen ollarte.
Sería preciso matar a John Lennon e enfrontar o sarcasmo
De sorrirlle á cámara para que ela te denuncie
En titulares de prensa dez anos seguidos sen che pagar un
centavo.
Rir coma un tolo e apestar a cartos
Apestar coma un tolo e rirse dos cartos.
Nova York, non é a min a quen saúdas
Co teu facho prendido no atlántico.