A MIGRACIÓN DOS MASCATOS

Probablemente, a partir dos documentais de televisión, todos temos na memoria as imaxes dramáticas da migración dos ñus e das cebras, a través das sabanas do parque do Serengeti. Esta emigración circular, que move a centos de miles de individuos cara ao norte polo oeste e cara ao sur polo leste, á procura de pastos, ten o seu momento máis tráxico cando os ñus cruzan polos baos o río Mara. Neles, coa boca aberta, agardan os crocodilos.
Pero non son os ñus os únicos animais que emprenden migracións de miles de quilómetros. Velaí están as aves, nos seus ciclos de outono e primavera, procurando o clima mellor para a cría e para as invernadas.

imaxe tomada da páxina: Morus bassanus-es.wikipedia.org/wiki/Morus_bassanus


O mascato (Morus bassanus) é unha das aves que máis me gusta observar. Fascíname o seu voo poderoso, a súa cor branca que se destaca contra o ceo, ese deixarse caer en picado para procurar as presas. É tal o seu porte que, cando repousan sobre as augas e as vemos na distancia, podemos chegar a confundilas con cisnes. Pasoume iso unha vez diante do faro de Lariño.
Nesta época os mascatos voan cara ao norte, buscando as colonias de cría. Voan afastadas das costas, pero cando vén o temporal, como sucedeu estes días, procuran o amparo do litoral. O domingo pasado puiden ver varios miles moi preto da costa, buscando a protección do seo das ondas, pelexando contra
un vento que lles impedía manter a formación. Ese vento frontal que as esgota, é sen dúbida o maior perigo que afrontan na longa viaxe que as leva dende as costas africanas ata as illas e os cantís do norte.

Imaxe tomada da páxina: gl.wilipedia.org/wiki/mascato


Xa as vira o ano pasado, unha fin de semana de marzo. Daquela había forte temporal de mar, pero con pouco vento e podían manter as liñas da formación. Esta vez, cada unha zafaba como podía, pero era fermoso ver como, na mañá grisalla, brillaba o mar co escintileo branco dos seus corpos que contrastaba coa escuridade das ondas.
Hai parellas que non viaxan e permanecen connosco todo o ano. Teño invocado a súa presenza moitas veces nos versos que escribo. Agora, como mostra, este fragmento do poema “Balada do Homemar”, do libro Mar de lira:
…………………………………………
Bernaldo, o do riso dourado,
regresa cada tarde, pero nunca regresa,
que o seu alento é unha constancia de cons,
seu sangue un remuíño de argazos,
a súa ledicia unha vertixe de mascatos.
Regresa Bernaldo, pero nunca regresa,
que na boca do solpor el tende liñas de seda e palangres de soños
dende o leito da salga ata o aroma das rosas
que cada noite o acolle e no que nunca acouga.
………………………………………….

Unha reflexión sobre “A MIGRACIÓN DOS MASCATOS

Os comentarios están pechados.